Branca de Gonta Colaço
Nome orixinal | (pt) Branca Eva de Gonta Syder Ribeiro Colaço |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (pt) Branca Eva Syder Ribeiro 8 de xullo de 1880 Lisboa, Portugal |
Morte | 22 de marzo de 1945 (64 anos) Lisboa, Portugal |
Actividade | |
Ocupación | poetisa, escritora |
Familia | |
Cónxuxe | Jorge Colaço |
Fillos | Ana de Gonta Colaço |
Pai | Tomás Ribeiro |
Premios | |
Branca Eva de Gonta Syder Ribeiro Colaço, máis coñecida como Branca de Gonta Colaço, nada en Lisboa o 8 de xullo de 1880 e finada na mesma cidade o 22 de marzo de 1945, foi unha escritora, poeta, dramaturga, erudita e políglota portuguesa.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Branca de Gonta Colaço naceu en Lisboa o 8 de xullo de 1880, filla do político e poeta Tomás Ribeiro e da poeta inglesa Ann Charlotte Syder. O apelido Gonta, malia estar presente en moitos dos seus rexistros, era realmente un alcume derivado de Parada de Gonta, en Tondela, a aldea natal do seu pai.[1] Nacida nunha das familias máis influentes nos círculos intelectuais da sociedade portuguesa da época, durante a súa mocidade conviviu con personaxes importantes como Maria Amália Vaz de Carvalho, António Cândido Gonçalves Crespo, Camilo Castelo Branco (amigo íntimo do seu pai), Maria Archer, Aura Abranches ou a familia Bordalo Pinheiro.
Casamento
[editar | editar a fonte]Con só 18 anos, en 1898, casou co pintor e azulexista Jorge Rey Colaço, fillo do diplomático José Daniel Colaço e parente do pianista e compositor Alexandre Rey Colaço. Dende entón, adoptou o nome de Branca de Gonta Colaço. Do seu matrimonio naceron catro fillos: o avogado e dramaturgo Tomás Ribeiro Colaço (1899-1965), a escultora Ana Raymunda de Gonta Colaço (1903-1954) e a escritora Maria Christina Raymunda de Gonta Colaço de Aguiar (1905-1996). A súa primeira filla faleceu pouco despois de nacer, en 1902.
Carreira literaria
[editar | editar a fonte]Dende moi nova, revelou o seu talento para as letras, iniciándose como poeta. Durante toda a súa vida, colaborou intensamente con multitude de publicacións periódicas, sobre todo lisboetas, contribuíndo así ao enriquecemento cultural e literario do xornalismo e a literatura da capital portuguesa. Neste ámbito, os seus poemas apareceron en especial nos xornais O Dia, de José Augusto Moreira de Almeida; O Talassa (1913-1915), unha publicación humorística dirixida polo seu home; O Ocidente (1878-1909); e a revista Alma Feminina (1917-1919), editada pola feminista Maria Clara Correia Alves. Para alén disto, tamén colaborou con outras revistas como ABC: revista portuguesa (1920-1932) ou Brasil-Portugal (1899-1914), entre moitas outras.[2]
Falante de varios idiomas, tamén escribiu poemas en inglés e traducións de obras nesta lingua para o portugués.[3]
Na década de 1910, comezou a exercer tamén como conferenciante e declamadora en recitais de poesía, tras a súa afiliación ao Instituto Vasco da Gama, creado polo seu pai. En 1918, por iniciativa súa, a Academia das Ciências de Lisboa realizou unha homenaxe á escritora e poeta Maria Amália Vaz de Carvalho, na que Gonta Colaço interveu como oradora.
Canto ás obras publicadas, abrangueu xéneros tan diversos como o drama, o teatro ou as crónicas, para alén da poesía, ofrecendo un valioso retrato das elites sociais e intelectuais portuguesas do seu tempo, das que formaba parte.
Feminismo
[editar | editar a fonte]De ideas monárquicas, Gonta Colaço nunca se converteu ao republicanismo. Con todo, defendeu que as mulleres deberían ter un papel máis activo na sociedade portuguesa, con libre acceso á educación. Por iso, dende 1914, ano da súa fundación, formou parte do Conselho Nacional das Mulheres Portuguesas, unha organización feminista que divulgaba e promovía a igualdade de xénero.[4][5] Dentro desta institución, traballou xunto coa activista republicana Adelaide Cabete. Gonta Colaço destacou pola súa procura do recoñecemento e valoración profesional das mulleres en Portugal, presidindo durante varios anos as seccións de Paz (1928-1934) e Arte (1936-1937).
Pasamento
[editar | editar a fonte]Branca de Gonta Colaço faleceu en Lisboa o 22 de marzo de 1945, aos 64 anos.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Ballesteros García, Rosa María (2001). El movimiento feminista portugués: del despertar republicano a la exclusión salazarista, 1909-1947 (en castelán). Servicio de Publicaciones de la Universidad de Málaga. ISBN 9788474968675. OCLC 807621604.
- Costa, Joaquim (1928). A expressão literária e a aprendizagem do estilo (en portugués). Livraria Chardron. OCLC 10032777.
- Cova, Anne; Joaquim, Teresa; Ramos, Natália, eds. (2004). Desafios da comparação: família, mulheres e género em Portugal e no Brasil (en portugués). Celta Editora. ISBN 9789727741977. OCLC 61254230.
- Lisboa, Eugénio; Rocha, Ilídio (1985). Dicionário cronológico de autores portugueses (en portugués). Publicações Europa-América. ISBN 9789721006409. OCLC 1075286299.
- Salvado, António, ed. (1962). Antología das mulheres poetas portuguesas (en portugués). Delfos. OCLC 6156301.