Brancellao
Brancellao ou brancello (apúntase a súa orixe a partir da suposta forma latina *brancea ‘ramallada’[1]) é unha variedade de videira e de uva tinta, doce e saborosa, que se cultiva no Ribeiro e outras comarcas de Galicia. Por extensión coñécese con este nome o viño que se obtén desta uva.[2] É autóctona de Galicia. Coñécese tamén co nome de albarello. É unha planta resistente ás enfermidades e de boa calidade, porén a súa produtividade é moi baixa, polo que se trata dunha vide escasa que pode desaparecer. Os acios son de tamaño grande e pouco compactos. As bagas son de tamaño mediano, forma elíptica e cor vermella-violácea. Úsase xunta outras variedades para mesturas, mais tamén poden facerse viños varietais. Segundo a Orde APA/1819/2007, do 13 de xuño (BOE do día 21), brancellao ou brancello é unha variedade de vide destinada á produción de viño recomendada en Galicia. Cultívase na Denominación de Orixe Rías Baixas, Ribeira Sacra e Denominación de Orixe Valdeorras. A Denominación de Orixe Ribeiro tamén utiliza esta variedade, con excelentes tintos. Tamén se cultiva en Portugal.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Etimoloxía no Portal das Palabras para brancellao. Consultado o 19 de setembro de 2016.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para brancellao.