Saltar ao contido

Bucerótidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Bucerotidae»)
Bucerotidae
Rango fósil: Mioceno tardío - Actual

Ocyceros griseus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Bucerotiformes
Familia: Bucerotidae
Rafinesque, 1815
Xéneros

14, ver texto

Os bucerótidos (Bucerotidae) son unha familia de aves que se encontran en áreas tropicais e subtropicais de África, Asia e Melanesia. Están caracterizados por ter un longo bico curvado para abaixo frecuentemente coloreado e ás veces cun casco na parte superior. O seu nome científico vén de "buceros", que significa en grego 'corno de vaca'. Teñen un ril con dous lobos. Son os únicos paxaros nos que a primeira e segunda vértebras (o atlas e o axe, respectivamente) están fusionadas; isto probablemente lles dá unha plataforma máis estable para soportar o bico.[1] A familia é omnívora, alimentándose de froita e pequenos animais. Reprodúcense de forma monógama aniñando en cavidades naturais en árbores e ás veces cantís. Varias especies de bucerótidos están ameazadas de extinción, principalmente as especies de illas con pequena área de distribución.

Descrición

[editar | editar a fonte]
As brillantes cores de moitos bucerótidos, como esta parella de Rhyticeros cassidix, encóntranse nos peteiros e pel espida da cara e gorxa.

Os bucerótidos mostran unha considerable variación en peso e tamaño, que oscila desde os do Tockus hartlaubi de 102 g e 30 cm aos do Bucorvus leadbeateri de 6,2 kg e 1,2 m.[2] Os machos son sempre maiores que as femias, aínda que a diferenza entre os sexos varía segundo a especie. O grao do dimorfismo sexual tamén varía segundo a parte corporal. Por exemplo, a diferenza en masa corporal entre machos e femias é de 1 a 17%, pero a variación é do 8 ao 30% na lonxitude do peteiro e do 1 ao 21% na lonxitude das ás.[2]

A característica máis distintiva dos bucerótidos é o seu pesado bico, sostido por poderosos músculos do pescozo e polas dúas primeiras vértebras fusionadas.[2] Este gran bico utilízano para loitar, acicalarse, construír o niño e capturar as presas. Unha característica única dos bucerótidos é a presenza dun casco no bico de moitas especies, que é unha estrutura oca situada na parte dorsal da mandíbula superior. Nalgunhas especies é apenas perceptible e parece non servir para ningunha función á parte de reforzar o bico. Noutras especies é bastante grande, está reforzado con óso e ten aberturas que comunican co centro oco, permitíndolle funcionar como un resoador para emitir chamadas.[1] No Rhinoplax vigil o casco non é oco senón que está recheo de marfil de bucerótido e utilízase como ariete en dramáticos torneos aéreos.[3] Tamén se informou de que o Buceros bicornis ten un casco para cornear no aire.[4][5]

A plumaxe dos bucerótidos é tipicamente negra, gris, branca ou marrón e o bico está frecuentemente coloreado vivamente, ou teñen parches de pel espida coloreada na face ou papo. Algunhas especies mostran dicromatismo sexual; no bucerótido abisinio Bucorvus abyssinicus, por exemplo, as femias teñen manchas de azul puro na face e gorxa e os machos teñen manchas de pel vermella e azul. As chamadas ou vocalizacións dos bucerótidos son altas e varían claramente entre as distintas especies.[1]

Os bucerótidos posúen visión binocular, aínda que, a diferenza da maioría das aves con este tipo de visión, o bico interfire co campo visual.[6] Isto permítelles ver a punta do seu propio bico e axúdalles a ter máis precisión na manipulación dos alimentos co bico. Os ollos están tamén protexidos ás veces por unha especie de grandes pestanas, que actúan dando sombra.

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]
O Ocyceros gingalensis é gris e endémico de Sri Lanka.

A familia Bucerotidae comprende unhas 55 especies vivas, aínda que varias especies crípticas poderían ser separadas en varias, como ocorre no xénero Tockus. As súas áreas de distribución comprenden a África subsahariana e o subcontinente indio ata as illas Filipinas e as Illas Salomón, pero non se encontra ningún xénero que viva á vez en África e Asia. A maioría son aves arbóreas, pero os grandes bucerótidos que viven no chan (Bucorvus), son aves terestres da sabana aberta. Das 24 especies que se encontran en África, 13 son aves de bosques abertos e sabanas, e algunhas aparecen incluso en contornas moi áridas; as restantes especies encóntranse en bosques densos. Isto contrasta co que ocorre en Asia, onde hai unha soa especie de sabanas abertas e as restantes son especies forestais.[2] O subcontinente indio teñen dez especies de bucerótidos, das cales se encontran 9 na India e países veciños, mentres que o Ocyceros gingalensis está restrinxido á illa de Sri Lanka. A especie máis común no subcontinente indio é o Ocyceros birostris. Segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), Indonesia ten 13 especies de bucerótidos: 9 delas en Sumatra e o resto en Sumba, Sulawesi, Papúa occidental e Kalimantán (Borneo). Kalimantán ten as mesmas especies de bucerótidos que Sumatra, excepto que alí non se encontra o Buceros bicornis.[7] No Neoxeno (polo menos no Mioceno tardío), os bucerótidos habitaban no norte de África e sur de Europa. Atopáronse os seus restos en Marrocos[8] e Bulgaria.[9]

Comportamento e ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Son aves diúrnas, que xeralmente viaxan en parellas ou pequenos grupos familiares. Os grupos máis grandes fórmanse fóra da estación reprodutora. Fórmanse grandes asembleas de bucerótidos nalgúns pousadeiros.

Femia de Buceros bicornis alimentándose de figos. As froitas constitúen a maior parte da dieta dos bucerótidos de bosque.

Son aves omnívoras, que comen froita, insectos e pequenos animais. Non poden tragar a comida collida coa punta do bico, xa que as súas linguas son demasiado curtas para manipulalo, polo que lanzan o alimento cara a atrás cara á gorxa cunha sacudida da cabeza. As especies de zonas abertas e de bosques son omnívoras, pero as especies que se especializan en comer froita atópanse xeralmente nos bosques, mentres que as especies máis carnívoras encóntranse en zonas de campo aberto.[2] As especies de bucerótidos que viven nos bosques considéranse importantes dispersoras de sementes.[10]

Algúns bucerótidos defenden un territorio fixo.[1] A territorialidade está relacionada coa dieta; as fontes de froita están a miúdo distribuídas espalladamente de forma irregular e para comelas hai que viaxar grandes distancias, polo que as especies que se alimentan de froita son menos territoriais.

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Un macho de bucerótido pásalle un figo a unha femia.[11]

Os bucerótidos xeralmente forman parellas monógamas, aínda que algunhas especies presentan unha reprodución cooperativa. As femias poñen ata seis ovos brancos en buratos e gretas xa existentes, situadas nas árbores ou en rochas. As cavidades son xeralmente naturais, pero algunhas especies usan niños abandonados de petos e capitónidos. Unha mesma parella pode utilizar un mesmo sitio de nidación en temporadas reprodutoras consecutivas. Antes da incubación as femias de todos os Bucerotinae (ás veces asistidas polos machos) empezan a pechar a cavidade de entrada do niño cunha parede feita de lama, feces e polpa de froita. Cando a femia está lista para poñer os ovos, a entrada é só grande dabondo como para permitir a súa entrada no niño, e despois de que os puxo, pecha case completamente a abertura restante, deixando só unha estreita abertura por onde o macho pode cederlle alimentos á nai e despois aos fillos. A función deste comportamento está relacionada aparentemente coa protección dos niños de bucerótidos rivais.[12] A selaxe parcial do niño debe facerse en poucas horas; e como máximo dura uns poucos días. Unha vez selado tardan uns cinco días máis en poñer o primeiro ovo. O tamaño da posta varía dun a oito ovos nas especies grandes e ata oito ovos nas especies pequenas. Durante o período de incubación as femias sofren unha muda completa e simultánea. Suxeriuse que a escuridade da cavidade dispara a produción da hormona implicada na muda.[13] As femias que non se están reproducindo e os machos sofren unha muda secuencial.[14] Cando os pitiños e as femias son demasiado grandes para caber no niño, a nai rompe o selo e sae e despois pai e nai alimentan as crías.[1] Nalgunhas especies a nai reconstrúe a parede do niño despois de saír, mentres que noutras son as crías as que reconstrúen a parede sen axuda de ninguén. Os bucerótidos que viven no chan non teñen este comportamento, senón que presentan unha nidación en cavidades convencional.[1]

Asociacións con outras especies

[editar | editar a fonte]

Varios bucerótidos teñen asociacións con outras especies animais. Por exemplo, algunhas especies de bucerótidos de África teñen unha relación mutualista coas mangostas ananas (Helogale parvula), buscando comida xuntos e avisándose mutuamente se pasa preto algunha ave de presa ou outros predadores.[15] Outras relacións son de comensalismo; por exemplo seguir a monos ou outros animais e comer os insectos que espantan estes ao pasaren.[16]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]
O bucerótido de bico vermello (Tockus) agora adoita incluír varios taxons no nivel de especie.
O Ocyceros birostris é un bucerótido gris nativo do subcontinente indio, igual que outros membros do xénero Ocyceros.
Todos os membros de Anthracoceros, como este bucerótido de Palawan (Anthracoceros marchei), teñen plumaxe predominantemente negra.
O Rhinoplax vigil coa súa longa cola é xeralmente clasificado no seu propio xénero, aínda que algúns autores o clasifican en Buceros
Como todos os Bycanistes, o Bycanistes subcylindricus ten unha plumaxe negra e branca e un bico pouco rechamante. Encóntrase en bosques africanos.
O Aceros cassidix, debuxado ao inicio do século XIX, Indonesia
Un Bucorvus leadbeateri (a gorxa azulada indica que é femia) a piques de tragar un saltón.

A familia Bucerotidae foi creada (co nome Buceronia) polo erudito francés Constantine Samuel Rafinesque en 1815.[17][18] Divídese en dúas subfamilias: os Bucorvinae comprenden os bucerótidos que viven no chan clasificados nun só xénero, e os Bucerotinae conteñen os demais taxons. Tradicionalmente estaban incluídos na orde Coraciiformes (xunto cos picapeixes, corácidos, bubelas e abellarucos). Porén, na taxonomía de Sibley-Ahlquist os bucerótidos sepáranse dos Coraciiformes clasificándoos nunha orde propia, os Bucerotiformes, no que as subfamilias foron elevadas á categoría de familias. Dado que son case tan distantes dos Coraciidae, picapeixes e aliados coma dos trogónidos,[19] a clasificación que se utilice é máis un asunto de gusto persoal que dunha práctica taxonómica ben establecida. Todo o que se pode dicir con razoable certeza é que situar os bucerótidos fóra dos Coraciiformes e os trogónidos dentro sería incorrecto.

Datos xenéticos recentes indicaron que os bucerótidos do chan e Bycanistes forman un clado situado fóra do resto da liñaxe dos bucerótidos.[20] Crese que representan unha liñaxe africana antiga, mentres que o resto dos Bucerotiformes evolucionaron en Asia.

Velaquí unha lista das especies de bucerótidos existentes en orde taxonómica.

Rexistro fósil

[editar | editar a fonte]
  • Bucorvus brailloniMioceno tardío (Marrocos)[8]
  • Euroceros bulgaricus – Mioceno tardío (Bulgaria)[9]

Significado cultural

[editar | editar a fonte]
O Aceros waldeni é un dos bucerótidos máis ameazados.
Debuxo de inicios do século XIX de Buceros rhinoceros, Indonesia.

Os cascos da maioría das especies son moi lixeiros, conteñen moito espazo oco. Porén, o Rhinoplax vigil ten un casco sólido feito dun material chamado marfil de bucerótido, que é moi valorado como material para facer gravados na China e o Xapón. Foi utilizado na arte do netsuke.

Status e conservación

[editar | editar a fonte]

Ningunha das especies africanas de bucerótidos está seriamente ameazada, pero moitas especies asiáticas están ameazadas pola caza e perda de hábitats, xa que adoitan necesitar bosques primarios para vivir. Entre estas especies ameazadas, só o Rhyticeros subruficollis e o Aceros nipalensis se encontran na parte continental de Asia; todas as demais son propias de illas. Só en Filipinas, unha especie (o Anthracoceros marchei) é vulnerable e dúas máis (o Penelopides mindorensis e o Penelopides panini) están en perigo. Os únicos bucerótidos en perigo crítico son o Aceros waldeni e o Anthracoceros montani, tamén restrinxidos a Filipinas. Esta última especie é unha das aves máis raras do mundo, xa que só quedan 20 parellas reprodutoras ou 40 individuos maduros, e está en inminente perigo de extinción. O bucerótido Ticao, que é unha subespecie do bucerótido das illas Visayas (Penelopides panini), probablemente xa está extinto.[2]

[editar | editar a fonte]

Un bucerótido chamado Zazu é un dos personaxes da película de animación de 1994 The Lion King (O rei león).[21]

Un bucerótido é a mascota do partido político malaio Partido de Acción Democrática.

O Buceros bicornis é o paxaro oficial do estado de Kerala, India.

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Kemp, Alan (1991). Forshaw, Joseph, ed. Encyclopaedia of Animals: Birds. London: Merehurst Press. pp. 149–151. ISBN 1-85391-186-0. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Kemp, A C (2001). "Family Bucocerotidae (Hornbills)". En Josep, del Hoyo; Andrew, Elliott; Sargatal, Jordi. Handbook of the Birds of the World. Volume 6, Mousebirds to Hornbills. Barcelona: Lynx Edicions. pp. 436–487. ISBN 84-87334-30-X. 
  3. Kinnaird, Margaret F.; Hadiprakarsa, Yok-Yok; Thiensongrusamee, Preeda (2003). "Aerial jousting by Helmeted Hornbills Rhinoplax vigil: observations from Indonesia and Thailand". Ibis 145 (3): 506–508. doi:10.1046/j.1474-919X.2003.00188.x. 
  4. Raman, T. R. Shankar (1998). "Aerial casque-butting in the Great Hornbill Buceros bicornis" (PDF). Forktail 13: 123–124. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de outubro de 2007. Consultado o 2014-03-09. 
  5. Cranbrook, Earl of; Kemp, A. (1995). "Aerial casque-butting by hornbills (Bucerotidae): a correction and an expansion". Ibis 137 (4): 588–589. doi:10.1111/j.1474-919X.1995.tb03271.x. 
  6. Martin, Graham; Coetzee, Hendri C. (2003). "Visual fields in hornbills: precision-grasping and sunshades". Ibis 146 (1): 18–26. doi:10.1111/j.1474-919X.2004.00211.x. 
  7. Maruli, Aditia (2011-06-18). "Sumba hornbills under increasing threat of extinction". Antara News. Consultado o 2014-03-09. 
  8. 8,0 8,1 Brunet, J. 1971. Oiseaux miocènes de Beni Mellal (Maroc); un complément à leur étude. Notes Mem. Serv. geol. Maroc, 31 (237): 109–111.
  9. 9,0 9,1 Boev, Z., D. Kovachev 2007. Euroceros bulgaricus gen. nov., sp. nov. from Hadzhidimovo (SW Bulgaria) (Late Miocene) – the first European record of Hornbills (Aves: Coraciiformes). – Geobios, 40: 39–49.
  10. Holbrook, Kimberley; Smith, Thomas B.; Hardesty, Britta D. (2002). "Implications of long-distance movements of frugivorous rain forest hornbills". Ecography 25 (6): 745–749. doi:10.1034/j.1600-0587.2002.250610.x. 
  11. Chisholm, Hugh, ed. (1911). "Hornbill". Encyclopædia Britannica (11ª ed.). Cambridge University Press.
  12. Kalina, Jan (1988). "Nest intruders, nest defence and foraging behaviour in the Black-and-white Casqued Hornbill Bycanistes subcylindricus". Ibis 131 (4): 567–571. doi:10.1111/j.1474-919X.1989.tb04791.x. 
  13. Stonor, C. R. (1937). "On the attempted breeding of a pair of Trumpeter Hornbills (Bycanistes buccinator) in the gardens in 1936; together with some remarks on the physiology of the moult in the female". Proceedings of the Zoological Society of London Series a-General and Experimental 107: 89–94. 
  14. Moreau, RE (1937). "The comparative breeding biology of the African Hornbills (Bucerotidae)". Proc. Zool. Soc. London 107A: 331–346. 
  15. Anne, O.; Rasa, E. (June 1983). "Dwarf mongoose and hornbill mutualism in the Taru desert, Kenya". Behavioral Ecology and Sociobiology 12 (3): 181–90. doi:10.1007/BF00290770. 
  16. Gaietti, Mauro; McConkey, Kim (1998). "Black Hornbill Abthracoceros malayanus following Gibbons in central Borneo". Ibis 140 (4): 686–687. doi:10.1111/j.1474-919X.1998.tb04716.x. 
  17. Rafinesque, Constantine Samuel (1815). Analyse de la nature ou, Tableau de l'univers et des corps organisés (en French). Palermo: Self-published. p. 66. 
  18. Bock, Walter J. (1994). History and Nomenclature of Avian Family-Group Names. Bulletin of the American Museum of Natural History. Number 222. New York: American Museum of Natural History. pp. 146, 252. 
  19. Johansson, Ulf S.; Ericson, Per G.P. (2003). "Molecular support for a sister group relationship between Pici and Galbulae (Piciformes sensu Wetmore 1960)" (PDF). J. Avian Biol. 34 (2): 185–197. doi:10.1034/j.1600-048X.2003.03103.x. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de outubro de 2018. Consultado o 2008-10-30. 
  20. Woodruff, D. S. & Srikwan, S. 2011. Molecular genetics and the conservation of hornbills in fragmented landscapes. In Poonswad, P. (ed) The Asian Hornbills: Ecology and Conservation. National Center for Genetic Engineering and Biotechnology, Bangkok, pp. 257–264.
  21. Hischak, Thomas S. (21 September 2011). Disney Voice Actors: A Biographical Dictionary. McFarland. p. 12. ISBN 978-0-7864-8694-6. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Kemp, Alan C. & Woodcock, Martin (1995): The Hornbills: Bucerotiformes. Oxford University Press, Oxford, Nova York. ISBN 0-19-857729-X
  • Maclean, Gordon Lindsay & Roberts, Austin (1988): Roberts' Birds of Southern Africa (Edición revisada). Hyperion Books. ISBN 1-85368-037-0
  • Wallace, Alfred Russel (1863): "The Bucerotidæ, or Hornbills Arquivado 30 de abril de 2009 en Wayback Machine.". The Intellectual Observer, xuño de 1863: 309–316.
  • Zimmerman, Dale A., Turner, Donald A., & Pearson, David J. (1999): Birds of Kenya and Northern Tanzania (Edición de guía de campo). Princeton University Press. ISBN 0-691-01022-6

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]