Saltar ao contido

Bufo real

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bufo real
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Strigiformes
Familia: Strigidae
Xénero: Bubo
Especie: B. bubo
Nome binomial
Bubo bubo
(Linnaeus, 1758)
Distribución
Distribución

Distribución
Distribución en Galicia
Distribución en Galicia

Distribución en Galicia

O bufo real[1] (Bubo bubo) é a ave de rapina nocturna. É a especie da maior tamaño da orde das estrixiformes.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Son aves grandes, só algo menores en tamaño cá aguia real. Amosan dimorfismo sexual: as femias son claramente meirandes cós machos. O tamaño e o peso dos exemplares aumentan en dirección suroeste-nordeste, seguindo a regra de Bergmann. En Noruega os machos acadan de media os 61 cm. de lonxitude e pesan entre 1800 e 2800 gramos, cunha media de 2450 g. As femias norueguesas miden 67 cm. de media e pesan de 2300 a 4200 gramos, cunha media de 2990 g. As femias máis pesadas en Centroeuropa non pasan dos 3200 g. A diferenza entre sexos amósase tamén na envergadura das ás: os machos teñen como media de lonxitude de punta a punta das ás 157 cm, mentres que a media das femias é de 168.

Cara do bufo real

O bufo real ten a cabeza grande con dous penachos longos de plumas que recordan unhas orellas. As orellas mantéñense normalmente cara a atrás ou en diagonal cara ós lados. Ten as marcas faciais típicas dos bufos, aínda que menos marcadas cá noutras especies coma o bufo pequeno.

A cor da plumaxe é mimética. En Centroeuropa, é castaña brillante con manchas e listas escuras. O lombo é máis escuro cá zona ventral, que ten listas, é tamén a parte inferior das ás é máis clara. As distintas subespecies diferéncianse polo tamaño e pola cor de fondo da plumaxe.

A chamada típica do bufo soa coma un uu-uu (o que lle dá por certo o seu nome alemán: Uhu). Un estudo recente (Grava T., Mathevon N., Place E. e Balluet P. Individual Acoustic monitoring of the European eagle Owl) amosa que os diferentes exemplares poden ser recoñecidos pola súa voz. O seu nome científico Bubo foi orixinado polos reclamos acústicos do bufo macho na época de cortexo, durante a que emite unha ampla gama de sons: o bu-ho xordo do macho pode escoitarse ás aveces ata a un quilómetro de distancia. A femia responde cun "u-hu" máis claro. Ás veces a parella "canta" a dúo. O zoar da voz dos dos pitos pousados nas polas, óese ás veces durante horas. A voz de cortexo do bufo real pode escoitarse na ligazón externa [1]Arquivado 30 de setembro de 2007 en Wayback Machine..

Situación e distribución

[editar | editar a fonte]

A súa area de distribución abrangue o norte de África, Europa e Asia. No continente europeo falta en Islandia, as illas británicas (aínda que anos atrás se detectou a presenza dalgunhas parellas reprodutoras en Inglaterra, e que un programa do ano 2007 da BBC informou que está a se facer máis común no Reino Unido e a establecerse como especie local), e na metade norte de Francia. Globalmente non se considera, segundo a IUCN, unha especie ameazada, aínda que o seu status varía nas diversas áreas de distribución: no centro de Europa calcúlase que hai unhas 2000 parellas reprodutoras, delas entre 950 e 1250 en Alemaña, unhas 320 (1992) en Austria e unhas 100 (datos do 2005) en Suíza.

En España é unha especie protexida.

Bufo real no inverno

O seu hábitat preferido son montañas e bosques con paredes acantiladas e áreas de rochas. Ten capacidade de adaptarse a diversos tipos de hábitats, incluíndo zonas montañosas desérticas case sen árbores, o bosque de coníferas boreal pouco mesto e zonas subtropicais. Mesmo chegan a aparecer en zonas de costa. Detectouse a súa presenza como reprodutor nalgunhas cidades europeas, coma Helsinqui, pero a persecución humana fai que, en Centroeuropa, as súas poboacións se concentren maioritariamente en zonas de bosque alpino.

O seu territorio ideal de caza sería de paisaxe variada incluíndo zonas acuáticas, árbores e zonas chas.

Zonas de reprodución

[editar | editar a fonte]

Son amigos de face-los niños en acantilados e paredes verticais, mellor se contan coa presenza dunha árbore preto do niño que lle permita un bo punto de engalaxe. Os sitios xeitosos son utilizados a miúdo durante xeracións. En áreas onde as paredes de rocha non abundan, poden chegar a facer niños no chan ou a aproveitar construcións doutras aves rapaces.

Pasan o día protexidos entre a follaxe das árbores ou en furados en rochas ou acantilados. Cando están pousados nunha pola descansando, mantéñense en xeral dereitos, aínda que ás veces poden repousar co peito contra unha pola resistente. Coma a case tódalas estrixiformes, gústalles tomar baños de sol, o que fan deitándose contra o chan. Cando chove manteñen a posición de repouso, esponxando as plumas. Toman tamén baños de area, estrándoa polo lombo coas ás.

Vista lateral

Durante o repouso erguen os penachos de plumas da cabeza e manteñen os ollos entreabertos para esvaer o contorno da cara e evitar seren detectados por aves diúrnas, que poden reaccionar con agresividade se descobren ó bufo nas horas de luz, berrando para facer notar a presenza do cazador nocturno e mesmo con conatos de ataque. Un bufo real atacado nesa situación ouriza as plumas, abre as ás nunha roda e estende a cola para aumentar opticamente o seu tamaño.

Técnicas de caza

[editar | editar a fonte]
Bufo real voando

A súa xornada de caza comeza á noitiña , cunha pausa a media noite, prolongase ata ó amencer. Só en épocas de moita escaseza de alimentos caza de día.

Cando caza mamíferos que viven no chan, recorre o territorio de caza deslizándose en voo preto do chan. Se está a procura aves voa á altura das copas das árbores. Cando esta a cazar aves pode acadar grandes velocidades: pode capturar en voo corvos e pombas, e ten manobrabilidade dabondo para seguir á presa entre a ramaxe mesta. De tódolos xeitos prefire cazar ás súas presas mentres descansan nunha pola ou cando botan a voar asustadas.

Tamén é un cazador habelencioso en terra, e está capacitado para perseguir con pasos longos a ratos e outras presas. No chan atrapa tamén caracois, miñocas e outros invertebrados. Nas beiras dos ríos e na costa tenta de captura cangrexos e mesmo peixes.

As súas presas máis comúns son paxaros e mamíferos pequenos e medianos. En Europa central comen sobre todo ourizo cachos, ratos, coellos, lebres, córvidos, pombas e parrulos. Nas súas egagrópilas atopáronse restos de máis de 50 mamíferos e preto de 180 aves diferentes. Os estudos sobre a súa alimentación feitos en diversas zonas de Europa, amosan que, por ben que a súa capacidade de caza lle permite acceder a presas moi variadas, adoita concentrarse naquelas máis abundantes da rexión na que vive.

Os bufos reais poden soster en voo presas que pesan ata as dúas terceiras partes do seu propio peso, o que lles permite cazar marmotas, lavancos e mesmo crías de raposo. Cazan tamén outras aves rapaces coma gabiáns e curuxas. O bufo pequeno é unha das rapaces nocturnas que captura máis frecuentemente.

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Bubo bubo bubo

Os machos que buscan parella berran con intensidade durante períodos longos, inchando a gorxa de xeito que deixan ver unha mancha branca. Este tipo de reclamo intenso foi detectado tamén en femias que perderon a súa parella e están soas no seu antigo territorio de caza.

Durante as cerimonias de cortexo, o macho intenta tamén atraer á femia ó lugar escollido para face-lo niño ofrecéndolle comida. Cando a femia acepta o lugar que se lle ofrece, o macho comeza a traerlle presas, ás veces xa semanas antes de que empece a incubación dos ovos.Calcúlase que unha de cada 5 parellas non chega a criar, en xeral por falta de alimento dabondo.

Os polos nacen despois de 34 días de incubación e poden tardar ata 24 horas en acabar de rompe-la casca. Os poliños están cubertos de pluma abrancazada e pesan uns 60 gramos. Os 16 días de vida pódense ter sobre os pés. O momento de deixa-lo niño para agardar ós países pousados entre a follaxe depende da área de cría. Os que nacen en nichos na pedra ben protexidos poden pasar neles ata 10 semanas. Os que o fan en niños no chan abandonados antes das catro semanas. En xeral con catro ou cinco semanas os pitos poden xa camiñar, saltar e agatuñar con seguridade polas pólas. Os pais cóidanos ata que teñen cinco meses. A taxa de supervivencia é de tres de cada 10 xoves bufos.

Depredadores e esperanza de vida

[editar | editar a fonte]

Un bufo real adulto e san só excepcionalmente é vítima doutro depredador, pero os polos si que poden xogar o papel de presa. As martas e os raposos captúranos, por exemplo, cando están no niño ou preto del. Os xabaríns son tamén unha ameaza para os niños feitos no chan. Malia a taxa de mortalidade do 70% nos polos, os bufos que superan esta fase crítica poden chegar a vivir ata idades avanzadas. O exemplar salvaxe de maior idade coñecido acadou os 27 anos. Os bufos mantidos en catividade viven entre 28 e 34 anos pero un exemplar chegou ós 68.

Subespecies

[editar | editar a fonte]

A grande área de distribución do bufo real facilitou a aparición de diferentes subespecies. O número destas varía segundo os científicos, contándose ata vinte, que varían segundo a cor da plumaxe e o tamaño. Estudos recentes do ADN e dos sons característicos da especie, deron como resultado a identificación de 14 razas distintas, por ben que a falla de análises comparativas dos bufos reais asiáticos fai que a catalogación das subespecies fique aínda aberta. Recentemente certificouse que a antiga variedade Bubo bubo ascalaphus do norte de África e o próximo oriente (ten unha cor de fondo de beixe acastañada, semellante á cor da area) constitúe de feito unha especie independente: Bubo ascalaphus.

A variedade que vive na Península Ibérica é Bubo bubo hispanus, a raza máis pequena da especie.

Relacións co home

[editar | editar a fonte]

O bufo na caza

[editar | editar a fonte]
Bufo sobre a man dun falcoeiro

A conduta agresiva das aves diúrnas cara ás aves de rapina nocturnas fixo que o bufo real, coma outras especies, fora usado como cebo para atraer a aves de caza. As aves, a miúdo córvidos e aves de presa diúrnas, atraídas pola presenza do bufo, eran capturadas polos cazadores agachados a carón. Nalgunhas rexións a captura de xoves bufos para utiliza-los deste xeito fixo reducir drasticamente as poboacións.

En Europa occidental o tráfico rodado constitúe a ameaza meirande para as poboacións da especie. Os bufos atopan un territorio de caza atractivo nas estradas, nas que poden atopar presas feridas e máis doadas de cachar, e son a miúdo eles mesmos vítimas dos coches. Os parque eólicos son tamén un perigo para estas aves.

A escalada deportiva causa tamén nalgunhas zonas importantes perdas ós bufos, en especial na época reprodutora.

Medidas de protección

[editar | editar a fonte]

Como para outras aves é fundamental a conservación dos biótopos . No caso do bufo real é tamén importante evitar que sexan molestados durante a época de cría.

  1. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de novembro de 2017. Consultado o 19 de xaneiro de 2017. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]