Saltar ao contido

Buxo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os buxos son arbustos do xénero Buxus de follas perennes, da familia das Buxáceas, que pode atinxir unha altura ata de 5 ou 6 metros. Son plantas de crecemento ás veces moi lento, que pode vivir varios séculos. A especie que abunda en Galiza é o buxo común.

Distribución

[editar | editar a fonte]

Hai dúas especies indíxenas en Europa. A primeira é Buxus balearica, ás veces chamado buxo de Maó, atópase aínda en estado salvaxe en Andalucía nas serras de Segura e Cazorla, así como nas Illas Baleares e Sardeña.

A outra especie, mellor coñecida, é o Buxus sempervirens, que se estende desde Marrocos a Portugal e a Galiza, pasando polo Norte de España e Francia, ata Alemaña, Inglaterra, Luxemburgo e Suíza. Debeu formar parte da flora belga ata o século pasado, pero nunca o formou da de Italia (a pesar dos textos de Plinio o Vello e doutros autores antigos). Atópase nos Balcáns (antiga Iugoslavia, Grecia, Kosovo etc.) ata Bulgaria e Suroeste de África.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Produce en primavera flores axilares, abrancuxadas, de pequeno tamaño, sen interese decorativo, mais apreciadas polas abellas.

A súa madeira, compacta, dura, flexible e duradeira, foi moi demandada e empregada para elaborar ferramentas. Tamén se utiliza na elaboración da gaita galega.

Nos xardíns o buxo emprégase a miúdo a xeito de sebe, mesmo tallado e en figuras. É a base da chamada arte topiaria.

Toxicidade

[editar | editar a fonte]

O contacto co zume de buxo pode provocar irritacións cutáneas. A cortiza, as follas e os froitos son tóxicas e a súa inxesta pode, en fortes doses, provocar vómitos, vertixes, tremores e parálise espiñal.

Enfermidades

[editar | editar a fonte]
Sebes de buxos no parque de Castrelos en Vigo.

.

O buxo padece o ataque do fungo Pseudometria rousseliana, que produce o chamado cancro do buxo, caracterizado por manchas de cor rosada ou vermella en follas e pólas; diminúe marcadamente o vigor da planta e pode aínda chegar a matala. Utilízanse preparados de cobre para combatelo.

Outros fungos que o afectan son o Mycosphaerella patouillardi, que provoca a caída das follas, manifestándose con pintas brancas persistentes. O Phyllosticta buxina produce síntomas similares á cancrose dos cítricos e o Phytophthora cinnamomi afecta a raíz de maneira incurábel.

Dende 2014, os buxos de Galiza vénse afectados pola avelaíña do buxo (Cydalima perspectalis), un insecto de orixe asiática cuxas eirugas se alimentan masivamenta das follas do arbuto até causaren a súa morte.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]