Cándido Nocedal
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 11 de marzo de 1821 A Coruña, España |
Morte | 18 de xullo de 1885 (64 anos) Madrid, España |
Lugar de sepultura | camposanto de San Isidro 40°24′07″N 3°43′36″O / 40.401872, -3.726778 |
Deputado no Congreso dos Deputados | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Alcalá (histórica) (pt) Universidade Central |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid |
Ocupación | político |
Partido político | Comunión Tradicionalista |
Membro de | |
Familia | |
Fillos | Ramón Nocedal Romea |
Descrito pola fonte | Ensayo de un catálogo de periodistas españoles del siglo XIX (1903-1904), (sec:Nocedal (Cándido), p.304) |
Cándido Manuel Nocedal Rodríguez de la Flor, nado na Coruña o 11 de marzo de 1821 e finado en Madrid o 18 de xullo de 1885, foi un político, xornalista e avogado galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou Dereito na Universidade de Alcalá de Henares e despois na Central de Madrid, licenciándose en 1840 e establecendo o seu bufete o mesmo ano. Desde mozo era membro do Partido Progresista moi vinculado a Baldomero Espartero no seu conflito coa nai de Isabel II, María Cristina de Borbón, pola Rexencia.
Logo de ser promotor fiscal durante un breve período e de retomar as súas actividades profesionais, en 1843 foi redactor de La Gazeta de Madrid para deixar o posto en beneficio do seu escano como Deputado pola provincia de Zaragoza. Vinculado neste período ao Partido Moderado, en 1847 a súa defensa de Ramón María Narváez fronte ao ataque dos progresistas permitiulle ser nomeado Fiscal do Consello Real, onde chegou a ser conselleiro, así como Subsecretario do Ministerio da Gobernación.
Nun novo xiro político na súa vida, logo de permanecer apartado da actividade política un tempo (aínda que mantivo o posto de deputado), participou na Vicalvarada e foi un dos que subscribiu o Manifesto de Manzanares.
No Bienio Progresista foi un activo defensor do Partido Moderado que se atopaba en grave situación, e a el atribúese poder manter as filas do mesmo organizadas fronte aos movementos dos progresistas e a aparición da Unión Liberal de Leopoldo O'Donnell, con quen se enfrontou abertamente, tanto nas Cortes como a través da publicación satírica e neocatólica que fundou, El Padre Cobos.
Tan ardente defensa da reacción permitiulle ser nomeado Ministro de Gobernación en 1856 trala caída do Bienio. Despois, e aproveitando a folgada maioría parlamentaria conservadora das eleccións xerais que organizara desde o Ministerio, impulsou a derrogación de distintas leis progresistas do período anterior, aprobando unha Lei de Imprenta que é considerada a máis restritiva do período do reinado de Isabel II.
Durante o goberno da Unión Liberal foise apartando progresivamente da actividade política moderada para integrarse nos movementos neocatólicos. Malia que os esforzos de O'Donnell por gañarse aos moderados á causa da Unión Liberal tiveron éxito en moitos casos, Cándido Nocedal resistiuse ata á oferta de presidir o Congreso dos Deputados e ser embaixador en Roma (1867). Comezou a publicar un novo diario, A Constancia, desde onde manifestaba a súa intención de deter ás forzas revolucionarias que ameazaban España. Coa revolución de 1868, trala caída de Isabel II, decidiu unirse con outros antigos isabelinos aos carlistas. Don Carlos nomeouno o seu representante en España malia a oposición de amplos sectores do carlismo, e reforzou a súa posición aínda logo de perdida a Terceira Guerra Carlista.
A súa actitude intransixente obrigoulle a abandonar España durante un breve período (1874-1875), refuxiándose en Portugal. Coa restauración borbónica, lonxe de unirse á causa afonsina, mantívose na Comuñón Católico-Monárquica e creou unha nova publicación, El Siglo Futuro, que se editou durante 61 anos ata o estalido da Guerra Civil en 1936.
Uns anos antes da súa morte en 1885, enfrontouse a un sector do carlismo, representado por xornais como La Fe, partidario dunha unión política cos católicos liberais e de facer algunhas concesións ao liberalismo. Aínda que Cándido Nocedal sempre tivo o apoio expreso de Don Carlos, logo da súa morte, os seus fieis -unidos ao redor do seu fillo, Ramón Nocedal, que herdou a dirección de El Siglo Futuro- foron expulsados en 1888 por Don Carlos, dando orixe ao partido integrista.
Foi membro da Real Academia Española e da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cándido Nocedal |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Aparisi, Luis M. (2016). Gallegos en la Real Academia Española (PDF) (en castelán). Asociación Cultural da Vieira.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Biografía na Base documental d'Història Contemporània de Catalunya.[Ligazón morta]
- Achegas á documentación xornalística: Notas para o estudo da obra e pensamento de Manuel Sánchez Asensio (1860-1919), Carlos Manuel Sánchez Pérez, UCM, 2005.
- A prensa católica catalá de 1868 a 1900 (III) Arquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine., Solange Hibbs-Lissorgues, Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.