Saltar ao contido

CHIPSat

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
CHIPSat
TipoObservatorio espacial.
OrganizaciónNASA, Universidade de California en Berkeley
Satélite deTerra
Data de lanzamento13 de xaneiro de 2003, 00:45 UT[1][2][3]
Foguete portadorDelta II 7320[2][4]
Sitio de lanzamentoBase Vandenberg da Forza Aérea[2]
Obxectivo da misiónObservar o fondo difuso de ultravioleta do ceo.[2][4]
NSSDC ID2003-002B
Masa60 kg[4][5]
Datos orbitais
Semieixo maior6948,8 km[1]
Inclinación94 graos[1]
Apoapse586,9 km[1]
Periapse568,6 km[1]

CHIPSat (acrónimo de Cosmic Hot Interstellar Plasma Spectrometer Satellite) foi un observatorio espacial da Universidade de California en Berkeley e da NASA lanzado o 13 de xaneiro de 2003 ás 00:45 UT mediante un foguete Delta II 7320 desde a base Vandenberg da Forza Aérea.[2]

Características

[editar | editar a fonte]

CHIPSat foi a primeira misión de demostración tecnolóxica seleccionada polo programa UNEX (University-class Explorer) da NASA co obxectivo de cartografar o fondo difuso do ceo en lonxitudes de onda ultravioleta, entre 90 e 260 ángstroms. Nesas lonxitudes de onda pódese estudar a temperatura dos electróns, a ionización e os mecanismos de arrefriamento da burbulla interestelar local, unha nube de gas quente na que está inmerso o sistema solar e que abarca ata uns 300 anos luz deste.[6][2][4]

O satélite, construído por SpaceDev, pesaba 64 kg e estabilizábase nos tres eixos usando catro volantes de inercia, tres bobinas magnéticas, dous sensores solares, un magnetómetro, un sensor lunar e sensores de xiro para proporcionar unha precisión no apuntado de 2 graos. O satélite usaba o bus BD-II, baseado en aluminio. A potencia eléctrica era proporcionada por células solares montadas no corpo do satélite e capaces de dar ata 106 vatios que alimentaban varias baterías de níquel-cadmio usadas durante os eclipses. O control térmico da nave era pasivo e o sistema de control e comunicacións usaba un só ordenador cunha CPU Motorola Power PC 750. CHIPSat foi o primeiro satélite en usar unicamente TCP/IP e FTP como protocolo de comunicacións co equipo de terra, emitindo en banda S. [6][2][4]

Instrumentación

[editar | editar a fonte]

O satélite levaba como único instrumento un espectrómetro ultravioleta de baixo custo e alta sensibilidade denominado CHIPS e que lle deu nome ó satélite. CHIPS é o acrónimo de Cosmic Hot Interstellar Plasma Spectrometer, que significa espectrómetro cósmico de Plasma interestelar quente. O satélite realizaba observacións a través de seis pequenas aperturas no panel traseiro.[4][6]

Estado da misión

[editar | editar a fonte]

CHIPSat foi apagado por falta de fondos o 11 de abril de 2008 tras funcionar correctamente durante cinco anos.[4][6]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "CHIPSAT" (en inglés). Consultado o 30 de decembro de 2011. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 NASA (4 de novembro de 2011). "CHIPS" (en inglés). Consultado o 30 de decembro de 2011. 
  3. "Note verbale dated 30 June 2003 from the Permanent Mission of the United States of America to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF) (03-85488 (E)). 2 de xullo de 2003. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de decembro de 2017. Consultado o 30 de decembro de 2011. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Explorer: CHIPSat (UNEX 1)" (en inglés). Consultado o 30 de decembro de 2011. 
  5. Mark Wade (2011). "CHIPSat" (en inglés). Consultado o 30 de decembro de 2011. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 ESA, ed. (2019). "CHIPSat (CHIPS Satellite)" (en inglés). Consultado o 11 de xaneiro de 2019.