Saltar ao contido

Confederación Rexional Galaica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «CRG»)
Confederación Rexional Galaica
Tipoorganización
Área de operaciónGalicia
Data de fundación21 de agosto de 1922
Organización matrizConfederación Nacional do Traballo
SedeSantiago de Compostela
PaísGalicia
Na rede
https://cnt.gal/
editar datos en Wikidata ]
Manifestación unitaria do 1º de maio en Pontevedra no 2008.

A Confederación Rexional Galaica é a organización territorial da CNT en Galicia. Na actualidade están adheridos a ela sete sindicatos de Oficios Varios. Constituíuse o 21 de agosto de 1922[1] no Salón "Ideal Cinema" de Vigo, con José Suárez Duque como o seu primeiro secretario. Nese momento confederáronse 52 sociedades de resistencia, representando a 25 256 afiliados.

Historia[editar | editar a fonte]

Na Ditadura de Primo de Rivera e a II República[editar | editar a fonte]

Durante a Ditadura de Primo de Rivera mantívose como organización legal pero coas súas actividades restrinxidas[2]. En 1925 o comité pasou da Coruña a Santiago de Compostela, sendo elixido Secretario Xeral Manuel Fandiño Ricart, quen ocupou o cargo até 1930. Unha parte dos seus sindicatos colaboraron a partir de 1926 cos Comités Paritarios establecidos pola ditadura de Primo de Rivera, rompendo coa CRG, que viu reducida a súa implantación tan só a Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. Logo da caída da ditadura en 1930 comezou a se reorganizar, volveu publicar Solidaridad Obrera, o órgano da CRG e elixiu a José Ramón Suárez como novo secretario. Caracterizada pola súa liña moderada, colaborou nos últimos meses de 1930 e primeiros de 1931 coas forzas republicanas na campaña electoral municipal que rematou coa instauración da República o 14 de abril.

En 1932 tiña 32.000 afiliados con implantación na Coruña, Vigo, Ferrol, nas vilas costeiras, e con influencia nalgunhas sociedades agrarias do interior. En 1933 produciuse unha radicalización no seo da organización, o secretario José Villaverde Velo renunciou por ser contrario á violencia, para logo cunha dirección encabezada por José Moreno e Claro José Sendón aumentar a influencia da FAI e a súa participación en folgas violentas. O 10 de decembro de 1933 convocou unha folga xeral revolucionaria, chegando na Coruña ao enfrontamento armado con detencións de sindicalistas, peche dos locais e clausura de Solidaridad Obrera, represión incrementada coa folga xeral de 1934, que deixou a CRG con menos de 20 000 afiliados en 1935; pero xa en 1936 comezou un proceso de expansión, chegando a case 40 000 membros a mediados de 1936,[3] malia a secretaría permanecer vacante desde decembro de 1935. O 6 de xaneiro de 1936 foi elixido novo comité, quedando como secretario xeral Enrique Fernández Maneiro.

No franquismo[editar | editar a fonte]

Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 a CRG pasou á clandestinidade, 496 dos seus militantes morreron en enfrontamentos cos sublevados ou represaliados nos anos inmediatamente seguintes,[4] moitos outros pasaron pola cadea ou marcharon ao exilio.

A CRG reactivouse no interior en 1941, constituíndose o primeiro comité na clandestinidade na Coruña en 1942. Pasaron polo secretariado Juan García Durán e Félix Álvarez Arganzúa.

En xuño de 1946 foi detido o Secretario Xeral, o coruñés Félix Álvarez Arganzúa. O comité trasladouse a Compostela, sendo de novo elixido secretario Manuel Fandiño Ricart, que permaneceu no cargo até a súa detención o 11 de abril de 1947. Durante ese período a actividade limitouse á repartición de propaganda e á recadación das cotizacións. Daquela había actividade nas vilas da Coruña, Ferrol, Vigo, Compostela e Noia. En 1949 foi neutralizado doutra volta o Comité en Compostela. En 1956 o traballador do estaleiro vigués Vulcano Víctor Francisco Cáceres recuperou a actividade e o contacto co exilio.

Actualidade[editar | editar a fonte]

Sede do SOV de Santiago de Compostela, no barrio de Conxo.

Trala morte de Francisco Franco, en 1976 reorganizouse en Vigo a Confederación Rexional,[5] e en 1977 abandonou a clandestinidade coa legalización da CNT en España.

No verán de 1976 foi refundado o SOV de Lugo. Co paso do tempo a FL chegará a ter outro sindicato máis (Ensino) e un local, na Rúa Nova. Constituirase tamén un núcleo na Mariña. Coincidindo co declive posterior ao V Congreso, trasladouse a Federación Local a un local máis modesto e finalmente rematou por disolverse en 1982.

A escisión en Galicia tardou máis tempo en facerse efectiva que no resto do estado, chegando a concorrer ás eleccións sindicais do Ensino de 1987 baixo as súas siglas (CNT), sen acadar representación. Trala difícil década de 1980, co conflito da escisión da CXT, a Confederación Rexional quedou con dous Sindicatos de Oficios Varios nas cidades de Santiago de Compostela e A Coruña. En 1995 foi fundado o S.OO.VV. de Vigo[6]. O de Lugo constituíuse en 2004, o de Pontevedra en 2006, o de Ferrol en 2007 e o de Betanzos en 2009. En 2014 constituíronse outros en Vilagarcía de Arousa e Ponteareas .

No 2003 foi elixida secretaria xeral Rosa Bassave, que ocupou o cargo durante dous anos. Foi substituída en 2006 por Martín Otero, do SOV de Coruña, e este en 2008 por Victor Fernández, do SOV de Pontevedra. O SOV de Compostela asumiu sucesivamente o Comité Rexional desde 2010 até 2014, sendo secretarios xerais Rita Giráldez (2010-2012), Martín Paradelo (2012) e Pablo Paz-Trelles (2012-2014). Na actualidade[cando?] o Comité da Confederación reside en Ferrol e Xabier Porto é o seu Secretario Xeral.

A Rexional publica desde o ano 2006 o voceiro Solidariedade Obreira, de periodicidade semestral. No ano 2009 este voceiro fusionouse co Boletim Anarco-Sindicalista da Secção Portuguesa da Associação Internacional d@s Trabalhador@s, dando lugar á publicación Anarco-Sindicalista.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Carlos F. Velasco Souto Galiza na II República. A Nosa Terra, 2000, páxina 65.
  2. Xavier Castro, Introducción á historia do movemento obreiro galego en III Xornadas de Historia de Galicia. Deputación Provincial de Ourense, 1986, pp. 185-222
  3. Dionísio Pereira e Eliseo Fernández, O movemento libertario en Galiza (1936-1976). A Nosa Terra, 2006, páxina 9.
  4. Dionísio Pereira e Eliseo Fernández, op. cit., páxina 253
  5. Pereira, D. e Fernández, E., O anarquismo na Galiza. Edicións Positivas, 2004, p. 77.
  6. Reportaxe en Vieiros, 25 de maio de 1999[Ligazón morta]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]