Cadeira de Santo Eduardo
Cadeira de Santo Eduardo | |
A cadeira en 2023 sen a Pedra de Scone. | |
Período | 1296 |
Dimensións e materiais | |
Materiais | Madeira |
A Cadeira de Santo Eduardo, tamén coñecida como Trono de Eduardo, Cadeira da Coroación, (en inglés, King Edward's Chair, St Edward's Chair ou The Coronation Chair) é unha cadeira de madeira, situada no interior da Abadía de Westminster. O Trono de Eduardo é utilizado polos monarcas británicos durante a cerimonia de coroación. A cadeira foi encargada en 1296 polo rei Eduardo I para conter os fragmentos da Rocha do Destino, capturados por el mesmo na abadía homónima.
Historia
[editar | editar a fonte]A cadeira foi construída con madeira de carballo en estilo gótico nalgún momento entre o verán de 1297 e marzo de 1300 polo carpinteiro Walter de Durham.[1] Nun primeiro momento, o rei Eduardo ordenou que a cadeira fose de bronce, pero cambiou de opinión e finalmente decidiu que fose de madeira.[2] Trátase do moble máis antigo de Inglaterra feito por un artista coñecido.[3] Desde o século XIV todos os monarcas ingleses e británicos foron coroados neste trono,[4][5] coa excepción da raíña María II, quen utilizou unha copia.[6] Os monarcas adoitaban sentar directamente na Rocha do Destino ata que no século XVII se engadiu unha plataforma de madeira.[3]
No século XVI se engadiron uns leóns dourados nas patas, que foron substituídos en 1727. Un dos catro leóns foi restaurado cunha nova cabeza en 1821 para a coroación de Xurxo IV. A cadeira estivo orixinalmente pintada en dourado e chea de mosaicos de cristal, cuxos restos aínda son visibles, especialmente na súa parte traseira. Tamén tivo decoracións de paxaros e outros animais que aínda se poden observar.[7] A cadeira tamén estivo decorada coa imaxe dun rei, probablemente Eduardo o Confesor ou Eduardo I.[8]
No século XVIII os turistas podían sentar na cadeira pagando un pequeno prezo a un dos seus vixiantes.[9] Os primeiros turistas e coristas da abadía de Westmister gravaron as súas iniciais e realizaron outros graffitis na madeira, e incluso levaron algún anaco de madeira como recordo.[10] Sir Gilbert Scott, describiu a cadeira como "unha peza magnifica de decoración, pero tristemente mutilada".[2]
Ás 5:40 pm do 11 de xuño de 1914, a cadeira sufriu un ataque cunha bomba que segundo se cre, estivo organizado polas sufraxistas. Unha esquina da cadeira quedou destruída pola explosión. Aínda que a bomba foi o suficientemente potente como para tremer as pareces da abadía e provocou un son que puido escoitarse desde o Parlamento británico, ningunha das 70 persoas que se encontraban nese momento na abadía resultou ferida, e a cadeira puido ser restaurada por completo.[2]
Durante os seus oito séculos de existencia, o trono tan só foi sacado da abadía de Westminster en dúas ocasións. A primeira delas para a cerimonia en Westminster Hall cando Oliver Cromwell foi nomeado Lord Protector da Mancomunidade de Inglaterra. A segunda ocasión foi con motivo da segunda guerra mundial, cando foi trasladada ata a catedral de Gloucester para protexela dos bombardeos alemáns.[8] En Nadal de 1950, un grupo de nacionalistas escoceses accedeu á abadía e roubou a Rocha do Destino. Foi recuperada a tempo para a coroación de Isabel II en 1953. Desde 1996, a rocha quedou custodiada no castelo de Edimburgo, en Escocia, co acordo de devolvela a Inglaterra para as coroacións.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Warwick Rodwell (2013). The Coronation Chair and Stone of Destiny: History, Archaeology and Conservation. Oxbow Books. p. 305. ISBN 978-1-78297-153-5.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Bomb explosion in Westminster Abbey; Coronation Chair damaged; Suffragette outrage". The Daily Telegraph. 12 de xuño de 1914. p. 11.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 James Yorke (17 de agosto de 2013). "Review of The Coronation Chair by Warwick Rodwell". The Spectator. Consultado o 11 de febreiro de 2016.
- ↑ Rodwell, p. 324.
- ↑ Eduardo V e Eduardo VIII, que accederon ao trono en 1483 e 1936 respectivamente, nun foron coroados.
- ↑ Rodwell, p. 161.
- ↑ Sir George Younghusband; Cyril Davenport (1919). The Crown Jewels of England. Cassell & Co. pp. 59–61. ASIN B00086FM86.
- ↑ 8,0 8,1 "The Coronation Chair". Westminster Abbey. Arquivado dende o orixinal o 03 de xullo de 2016. Consultado o 11 de febreiro 2016.
- ↑ Rodwell, p. 328.
- ↑ Rodwell, p. 184–185.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cadeira de Santo Eduardo |