Calcas
Nome orixinal | (grc) Κάλχας |
---|---|
Biografía | |
Causa da morte | decepção (pt) |
Actividade | |
Ocupación | seer (en) |
Celebración | Mitoloxía grega |
Familia | |
Pai | Thestor |
Descrito pola fonte | Dictionnaire infernal The Nuttall Encyclopædia >>>:Calchas Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru |
Na mitoloxía grega, Calcas ou Calcante foi un adiviño que agoiraba o futuro a partir do voo das aves, grazas a que Apolo, titular do Oráculo de Delfos, lle concedera o don da profecía. Foi o adiviño dos aqueos durante a Guerra de Troia. Era fillo de Téstor, á súa vez fillo e sacerdote de Apolo, e vivía en Micenas ou Mégara. Tiña un fillo, Teónoe, e unha filla, Leucipe.
Guerra de Troia
[editar | editar a fonte]No contexto da Guerra de Troia, Calcas estivo presente en tódolos momentos trascendentes e profetizou os seguintes feitos:
- Os gregos non ganarían a guerra a non ser que contaran coa presenza de Aquiles entre as súas tropas. Aquiles, nese momento, era aínda un rapaz e por iso a súa nai, Tetis, que recibira o augurio da súa morte prematura na guerra [1], decidiu ocultalo na corte do rei de Esciro, Licomedes. Alí viviu Aquiles durante varios anos ata que, ó coñecer a profecía de Calcas, foron buscalo Ulises e Diomedes [2]. A intervención de Aquiles foi fundamental para a vitoria dos gregos e a conquista da cidade.
- Profetizou que os gregos conquistarían a cidade logo de dez anos de guerra, baseándose na observación dunha serpe que devorou uns paxaros sobre o altar dos sacrificios. Mentres Agamenón ofrecía sacrificios ós deuses, unha serpe saíu de baixo o altar a foi directamente a unha árbore próxima. Nunha das súas pólas máis altas había un niño de gorrión e a serpe comeu os oito poliños que había no niño e mais á nai, e logo se converteu nunha pedra (ou Zeus converteuna en pedra). Calcante interpretou o feito como que tería que pasar un prazo de nove ou dez anos [3] para poder conquistar Troia, pero que o conseguirían [4][5].
- Adiviñou a posición favorable de Artemisa respecto ós troianos ó observar como dúas aguias esgazaban unha lebre preñada. En calquera caso, a vitoria sobre Troia seguía asegurada.
- Confirmou a veracidade da oferta de Télefo (fillo de Heracles) de guiar a expedición a Tróade, onde se atopaba Troia. A primeira expedición aquea extraviouse e, en lugar de dirixirse á Tróade, foi pasar a Misia, moito máis ó sur. Télefo, rei daquelas terras, presentou batalla e, durante a mesma, Aquiles feriuno coa lanza. Comprobado o seu erro, os gregos volveron a embarcar e seguiron buscando Troia, pero unha forte treboada desfixo a frota e os distintos compoñentes da expedición regresaron ás súas casas. Cando se organizou a segunda e definitiva expedición, en Argos, Télefo acudiu a pedir a Aquiles que lle curase a ferida, pois só a lanza que produciu a ferida podía curala. A cambio, el conduciría a frota grega ata Troia; pero unha vez curado negouse a embarcar, pois a súa esposa era filla de Priamo, rei de Troia, pero indicoulles o rumbo a seguir e Calcas confirmou que o que dicía era certo.
- Pero un mar calmo persistente impediu á frota saír da Áulide. Calcas dixo que era obra de Artemisa e que só sería posible obter ventos favorables se Agamenón sacrificaba á súa filla máis bela, Ifixenia, para aplacar á deusa [6]. Agamenón resistiuse pero terminou aceptándoo, e mandou a Ulises a traer á filla co pretexto de casala con Aquiles. Aquiles ignoraba esta manobra e só se decatou cando ela chegou á Áulide, e aínda que intentou deter o sacrificio, os soldados impedíronllo. A maioría dos autores coinciden en que, no último momento, Artemisa cambiou a Ifixenia por unha cerva [7], e converteu á rapaza en sacerdotisa súa; Esquilo e Lucrecio, pola contra, escriben que foi efectivamente sacrificada. En todo caso, xurdiu un forte vento favorable e a frota puido navegar e chegar por fin a Troia.
- Avanzada a guerra, Apolo dedicouse a lanzar frechas mortais contra os gregos, matando a centos deles. Calcas soubo que era o deus quen as disparaba e que só se aplacaría se Agamenón devolvía a Criseida ó seu pai Crises, sacerdote de Apolo [8] Agamenón aceptouno, pero reclamou para si a Briseida, o que enfureceu a Aquiles, que se negou a seguir participando na guerra.
- No transcurso da guerra morre Aquiles, e Calcas predí que non se poderá tomar a cidade se non se conta co arco e as frechas de Heracles. Ulises e Diomedes, de novo, foron á illa de Lemnos, onda vivía Filoctetes, que herdara as armas de Heracles, e convencérono para que os acompañara a Troia [9].
- Calcas soubo que o adiviño Héleno, coñecedor dos oráculos de Troia, abandonara a cidade e dixo a Agamenón que era preciso capturalo, para saber como conquistala. Ulises capturouno (ou ben el se entregou a cambio dun refuxio seguro lonxe de Troia), e Héleno explicoulle qué facer.
"Os oráculos son claros e concisos, respondeu Héleno. Troia caerá este verán se se leva certo óso de Pélope ó voso campamento; se Neoptólemo sae a combater no campo de batalla; e se se rouba o Paladio de Atenea na cidadela, pois mentres estea alí non se poderá abrir fenda nas murallas".(Robert Graves, px. 746)
- Héleno referíase á escápula de Pélope [10] e a unha imaxe de madeira de Atenea que veneraban en Troia, chamada Paladio por representar a Palas [11].
- Finalmente, propón construír un Cabalo de madeira no que un grupo selecto de soldados podería entrar na cidade e abrir as portas ó resto do exército, e ofrécese el mesmo a formar parte deste grupo. Outros din que a idea foi de Prilis, fillo de Hermes, inspirado por Atenea, e que o construíu Epeo seguindo as instrucións da deusa. Ó final, Ulises apropiouse da iniciativa.
- As dotes adiviñatorias de Calcas foron aproveitadas por Sinón, un dos gregos que simulou que o deixaran abandonado na praia cando os demais, tras construír o cabalo, queimaron o seu campamento e embarcaron. Dixo que Calcas o elixiu a el como vítima para calmar a Apolo pero que fuxiu antes de que o mataran. E engadiu que se os troianos desprezaban a ofrenda, Atenea destruiría a cidade.
- Conquistada e saqueada Troia, Ulises recomenda acabar con toda a estirpe de Príamo, da que aínda sobrevivía Astianacte, o fillo pequeno de Heitor, e Calcas profetizou que se o deixaban vivo terminaría vingando ó pai e á cidade. Así que o propio Ulises, ou Neoptólemo, segfundo as fontes, botouno ó baleiro desde o alto da muralla. E, no tocante a Políxena, filla de Príamo, Calcas esixiu que a sacrificasen sobre a tumba de Aquiles [12].
- Respecto ó regreso dos soldados a Grecia, Calcas augurou grandes dificultades na viaxe pola cólera de Atenea, polo que se negou a embarcarse con eles e partiu por separado, con algúns guerreiros e o adiviño Anfíloco, para arribar en Colofón, tamén na Asia Menor. Outros din que fan a viaxe a pé.
Outros momentos
[editar | editar a fonte]Calcas era orixinalmente troiano, pero abandonara a cidade hai tempo [13]. En Troia quedara a súa filla Briseida e Calcas solicitou a Agamenón que pedise a Príamo e que non a considerara prisioneira de guerra. Príamo accedeu e enviouna ó campamento grego escoltada polos seus fillos [14].
A lenda conta que o oráculo lle profetizara que morrería cando coñecese un adiviño mellor que el. Este foi Mopso, a quen coñeceu en Colofón, fillo de Apolo e Manto e neto de Tiresias; tanto Manto como Tiresias eran tamén adiviños de sona.
Para poñer a proba a Mopso, Calcas retoulle a adiviñar cantos figos había nunha figueira ventureira que alí crecía. Mopso pechou os ollos e calculou dez mil figos, máis unha fanega ben pesada e aínda un figo máis [15]. Calcas riuse del pero ó coller e contar tódolos figos comprobou que o cálculo era exacto. Logo foi Mopso quen o retou, preguntándolle cantos ranchos ía parir unha porca, cantos serían machos e femias e cando sería o parto. Calcas aunciou que tería oito leitóns, todos machos e que non pariría ata dentro de nove días, esperando ter marchado de alí para ese momento. Pero Mopso calculou que só serían tres, un deles macho, e que pariría ó día seguinte; ou, para Pseudo-Apolodoro, nove, todos machos [16], e así foi exactamente. Calcas, deprimido polo seu fracaso, morreu (outros din que se suicidou) e foi sepultado en Notio.
Pero os dous adiviños xa eran adversarios anteriormente. Mopso aconsellara ó rei de Licia non iniciar unha guerra porque sería vencido, pero Calcas aseguroulle a vitoria. O rei foi á guerra e foi derrotado, o que debeu influír nesa depresión.
Outra versión di que un adiviño profetizou a data da súa morte: Calcas tiña unha viña e o adiviño díxolle que non chegaría a beber o seu viño. A viña produciu uvas e elaborouse o viño e, chegado o día de beber o viño novo, Calcas invitou ós veciños e ó propio adiviño que, no momento en que Calcas ía beber da súa copa, insistiu en que non chegaría a bebelo. A Calcas deulle un ataque de risa tan forte que lle provocou a morte por asfixia [17].
Existiu no sur de Italia outro adiviño tamén chamado Calcante, a quen matou Heracles. Outro Calcante, no Adriático, tiña un santuario ó que a xente ía durmir para adiviñar o seu futuro a través dos soños.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A alternativa era unha longa vida, pero sen gloria.
- ↑ Ou Ulises e Néstor.
- ↑ Segundo as fontes.
- ↑ Pseudo-Apolodoro, Epítome III, 15.
- ↑ Metamorfosis XII, 11-23.
- ↑ Os diferentes autores dan distintas versións da causa que provocara a ira de Artemisa.
- ↑ Ou unha osa ou unha muller vella.
- ↑ Criseida e Briseida, esta filla de Brises, foran capturadas como botín de guerra, e a Agamenón correspondeulle a primeira e a Aquiles a segunda.
- ↑ Filoctetes era un dos compañeiros de armas de Heracles. Cóntase que o axudou a levantar a pira funeraria onde foi morrer o heroe e o único que se atreveu a plantar lume na pira; Heracles, agradecido, doulle o seu arco e as súas frechas. Pola contra, Pseudo-Apolodoro di que foi Peante, un pastor, quen a prendeu (II, 7, 7). Foi abandonado na deshabitada illa de Lemnos por cousa dunha ferida no pé, infectada e cheirenta, que lle provocara a picada dunha serpe, e a promesa de curar esa ferida foi a razón que o convenceu.
- ↑ Pélope era o fillo de Tántalo, quen o matou, parteu en cachos e cociñou para un banquete ofrecido ós deuses. Tódolos deuses recoñeceron a orixe da carne que lles serviu e rexeitaron comer, menos Deméter, que comeu a escápula esquerda antes de darse de conta. Zeus condenou a un castigo eterno a Tántalo e resucitou a Pélope, cunha escápula de marfil para substituír á que comera Deméter.
- ↑ Pseudo-Apolodoro, Epítome V, 10-11.
- ↑ A lenda di que Aquiles estaba namorado dela, ata o punto de que foi por ela polo que devolveu a Príamo o cadáver do seu fillo Heitor.
- ↑ "Un renegado troiano", chámao Graves (px. 695).
- ↑ Graves, px. 714, se ben Grimal a considera filla de Brises, e capturada por Aquiles na cidade de Lirneso nos primeiros días da guerra contra Troia.
- ↑ A fanega, en Galicia, é unha unidade de superficie. Graves fala dunha fanega de Exina (px. 767), e, en Castela, unha fanega equivale a 55,5 litros (12 celemíns). Grimal fala dun celemín(s.v. Calcante), que equivale en Castela a 4,625 litros. Aínda sendo unidades de medida que varían segundo o lugar, a diferenza é substancial.
- ↑ Graves, px. 767; Pseudo-Apolodoro, Epítome VI, 3.
- ↑ Grimal, px. 81b.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Calcas |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Graves, Robert (2019). Los mitos griegos. Gredos. ISBN 9788424999940. (en castelán)
- Grimal, Pierre (1981, 1ª ed; 2017, 7ª reimpr.). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574. (en castelán)
- Hixino (2009). Fábulas mitológicas. Alianza Editorial. ISBN 9788420650722. (en castelán)
- Ovidio (2015 (reimpr. 2017)). Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial. ISBN 9788420697208. (en castelán)
- PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].