O Campionato de Galicia 1917/18 foi a cuarta edición do Campionato de Galicia de fútbol organizado pola Federación Galega de Fútbol. Comezou en febreiro de 1918 e rematou en marzo do mesmo ano. O primeiro posto do torneo outorgaba a clasificación para a Copa de España.[1]
Inscribíronse o Fortuna de Vigo, o Vigo Sporting Club, o Real Club Coruña, o Pontevedra Sporting Club e o Deportivo Auténtico.[2][3] O torneo disputouse en dúas fases. A primeira delas foi unha fase de grupos na que competiron os equipos do norte (Coruña e Deportivo Auténtico) nun grupo e os equipos do sur (Vigo, Fortuna e Pontevedra Sporting) noutro. O gañador de cada grupo clasificouse para a final. En tódolos casos empregouse o sistema de liga a dúas voltas.[2][3] Proclamouse campión o Fortuna de Vigo.[4][5] Porén, este campionato foi anulado nunha asemblea da FGF o 15 de novembro de 1919.[6][7][8]
O domingo 17 de marzo debían xoga-lo Vigo Sporting e o Pontevedra Sporting en Coia.[12] Durante a noite do sábado e mañá do domingo chovera moito e o club pontevedrés decidiu enviar dous integrantes a Vigo para solicita-lo adiamento do partido. A mesma mañá do partido produciuse unha reunión na que participaron os representantes do Pontevedra, do Vigo, do Fortuna, un representante da Federación Galega de Fútbol e mailo árbitro asignado para o encontro Luis Miranda. O árbitro e os clubs vigueses consideraron que o estado do campo era apto para xogar. Entón sopesouse enviar un telegrama a Pontevedra para que saísen os xogadores con destino a Vigo, puntualizando Miranda que en caso de que os futbolistas lerenses non chegasen a tempo, o club pontevedrés tería que pagar 300 pesetas de indemnización. O Vigo Sporting engadiu que a suspensión do partido podería producir liortas e que a mellor solución era asina-la acta do partido concedendo a vitoria ós viguistas. Os representantes do Pontevedra Sporting accederon. Así e todo, os futbolistas pontevedreses, que non daban recibido noticias de Vigo, decidiron desprazarse ata a cidade olívica e presentarse no encontro, chegando ó campo de Coia con puntualidade, pero o Vigo Sporting negouse a xogar alegando que xa fora asinada a acta do partido onde a vitoria era outorgada ó club vigués.[9][10][11]