Saltar ao contido

Caritel, Ponte Caldelas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Caritel
Igrexa de Santa María de Caritel.
ConcelloPonte Caldelas[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°22′49″N 8°27′39″O / 42.38027778, -8.46083333
Poboación243 hab. (2022)
Entidades de poboación5[1]
editar datos en Wikidata ]

Santa María de Caritel é unha parroquia que se localiza no concello pontevedrés de Ponte Caldelas. Segundo o IGE,[2] en 2022 tiña 243 habitantes (113 homes e 130 mulleres), 142 menos ca en 1999.

Xeografía

[editar | editar a fonte]

Está situada nas faldras da serra do Suído e na ruta que tradicionalmente conectaba a costa coas comarcas do interior ourensán.

Ten unha extensión de 4,3 km² e limita ao noroeste coa parroquia de Santa Eulalia de Ponte Caldelas (a través do río Verdugo), ao nordés coa de San Salvador da Lama, ao sur coas parroquias de Santo André de Anceu e de San Fiz de Forzáns e ao leste coa de San Pedro de Gaxate. Está atravesada polas estradas PO-255 e PO-241.

O punto de maior elevación da parroquia é o monte Xesteiro Grande, con 616,5 m.

A parroquia de Caritel aséntase nun terreo da época paleozoica (541 a 252 millóns de anos) constituído por un substrato rochoso de tipo granítico (granitos de dúas micas) e solos ácidos de textura franca nas zonas baixas e franco-areosa nas elevacións.[3]

Petróglifo GA36043042 no monte da Pousa.

O territorio de Caritel estivo habitado de xeito ininterrompido desde tempos prehistóricos[4] como testemuña a presenza de numerosos restos arqueolóxicos. No monte da Pousa[5] a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia catalogou 14 petróglifos, unha mámoa e un castro, ademais dun achado de restos da época romana (unha ánfora vinaria, un muíño de man e tégulas).

Segundo Xesús Ferro Ruibal o topónimo Caritel, que aparece xa en documentos do ano 929 e que foi investigado no seu día polo Padre Sarmiento[6], procede do latín caritellum.[7]
A localización da parroquia foi determinante por estar na ruta comercial que conectaba a costa pontevedresa coas comarcas do interior ourensán, empregada polos arrieiros que transportaban nunha dirección viño do Ribeiro e noutra salazóns e outras mercadorías procedentes da costa.[8] A transformación da rede de camiños medievais en estradas modernas nos séculos XVIII e XIX tivo un efecto dramático sobre Caritel e moitos lugares da comarca e iniciou un proceso de despoboamento que inda continúa hoxe. Abandonáronse as antigas rutas medievais, baseadas na rede de calzadas romanas (á súa vez construídas sobre a rede de camiños megalíticos e castrexos anterior) na que os camiños non seguían en xeral os vales, senón as penechairas ou interfluvios, como é o caso de Caritel. Novas tecnoloxías construtivas (pontes, túneles) favoreceron as rutas que seguen vales fluviais e como consecuencia as conexións comerciais, tanto por estrada como por ferrocarril, foron trazadas moito máis ao sur.[9]

Coma en moitas outras vilas da media montaña pontevedresa, a finais do século XIX e ata despois de mediados do XX, produciuse un intenso movemento migratorio cara a outros países. En Caritel os destinos máis frecuentes foron Portugal (co que xa había unha tradición migratoria de polo menos douscentos anos antes), Brasil, México e, máis recentemente, dende mediados do século XX, ao País Vasco e a Suíza.

Ata o 29 de novembro de 1890 Caritel estaba dividido entre dúas parroquias diferentes: unha parte pertencía á arquidiocese de Santiago e á parroquia de Santa Baia de Caldelas e outra á diocese de Tui e á parroquia de San Fiz de Forzáns. Concretamente Santa Baia de Caldelas pertencía ao arciprestado do Morrazo, situado a máis de 15 quilómetros en liña recta da península do Morrazo, tratábase da parroquia máis oriental e extrema do dito arciprestado. Pola súa banda San Fiz de Forzáns pertencía ao arciprestado de Redondela-Oitavén. A partir de 1890 segrégase a actual parroquia de Santa María de Caritel.

Patrimonio

[editar | editar a fonte]
Peto de ánimas da Estrada.

No momento da segregación da parroquia actuou como igrexa parroquial a capela da Nosa Señora da Concepción situada no actual campo da festa, de construción barroca e que fora fundada en 1711 por Juan Cal e Boullosa, rexedor perpetuo de Ponte Caldelas. Actualmente xa non existe pois foi derrubada arredor de 1950.

Co comezo do século XX, por iniciativa de varios habitantes da parroquia que fixeran fortuna na emigración, decidiuse erixir unha nova igrexa parroquial máis importante, de estilo neogótico, deseñada polo arquitecto diocesano Manuel Hernández y Álvarez Reyero. Foi construída entre 1903 e 1916. Ten planta basilical, cunha soa nave cuberta con bóveda de crucería de catro tramos separados por arcos faxóns.

A igrexa foise deteriorando ó longo do século XX ata que no ano 1972 foi sometida a unha fonda restauración grazas ao mecenado de Manuel Cordo Boullosa, magnate e filántropo portugués fillo de emigrantes de Caritel. A obra foi dirixida polo arquitecto pontevedrés Enrique Barreiro. Cambiouse o antigo campanil de dous ocos por outro de catro, fíxose un novo tellado e restaurouse todo o interior substituíndose os vidros das antigas fiestras por vidreiras policromadas. Finalmente instalouse presidindo a igrexa unha cruz monumental do escultor pontevedrés José Luis Penado, que alberga no seu interior o sagrario.[10]

A carón da igrexa hai un cruceiro, que orixinalmente estaba situado xunto da capela da Inmaculada Concepción e foi trasladado, e no camiño que leva ó Coto, onde está a igrexa, está a fonte das Raíces, antiga fonte comunal reconstruída en outono de 1997 grazas ó mecenado de Manuel Cordo Boullosa.

No lugar da Fraga consérvanse en moi bo estado os Pasos da Fraga e da Larpea, un conxunto de pasos ou poldras: pedras dispostas a intervalos regulares cruzando un vao, unha zona de pouca profundidade, que permitían ás persoas cruzar o río andando sen mollarse, mentres que as bestas e os carros vadeaban ó seu lado. As pedras teñen o lado orientado cara á corrente do río tallado en forma triangular, para resistir mellor a forza da auga, especialmente nas enchentes que se dan regularmente durante o inverno. Os pasos da Fraga, que cruzan o Verdugo, xa mostran algunhas restauracións de tempos modernos, pero o seu carón os da Larpea, que atravesan o río Pequeno, aínda son completamente orixinais, mostrando na súa zona central un acusado desgaste, testemuña da importancia que tivo antigamente a encrucillada de camiños na que se atopan. Estes últimos chámanse da Larpea porque dan acceso, sen necesidade de cruzar o caudaloso río Verdugo, ó camiño que apenas un quilómetro máis adiante chega á aldea abandonada da Larpea, habitada ata mediados do século XX.

Existe un unha ruta de sendeirismo (PR-G 109)[11] que partindo da igrexa de Caritel chega ós pasos da Fraga e continúa para visitar o Foxo do Lobo, a antiga trampa medieval para cazar lobos situado en Laxoso, preto da Fraga.

No mesmo cruzamento de camiños sitúanse as Almiñas do Río, un exemplo de peto de ánimas de tipo pechado, coroado por unha cruz e cun pousadoiro cunha caveira con dúas tibias. O fornelo está enreixado, e debaixo del hai o cano dunha fonte. O panel é de madeira policromada, amosando a Santo Antón co Neno Xesús nos brazos. Hai cinco ánimas. Inclúe o texto "A DEVOCIÓN DE MANUEL CABIRTA CONCHA".

Na parroquia hai outros tres petos de ánimas ou esmoleiros:[12]

  • O peto de ánimas da Estrada é de tipo pechado, con caixón de esmolas, coroado cunha pequena cruz. O retablo é de madeira policromada, coa Virxe do Carme co neno sobre unha gran nube. Aos lados dous anxos axudan a dúas ánimas a saír das lapas. Na parte de abaixo hai a figura dun bispo, acompañada dunha ánima-muller á esquerda e dun home barbudo á dereita.
  • O peto da Virxe de Fátima está nunha vivenda a carón do anterior. É unha táboa de nove azulexos policromados coa Virxe de Fátima e tres pastorciños, co peto cunha porta de ferro máis abaixo.
  • O peto da Breixiña está encaixado a un muro no camiño vello a Forzáns. É de tipo pechado, cunha cruz sobre a meseta. Ten unha porta metálica con cristal. O panel é de madeira policromada cunha Virxe nas nubes. Hai cinco ánimas: no medio un cura con bonete; na ringleira superior, a ánima dunha monxa e a dun frade, e na inferior un home barbudo á dereita e unha muller á esquerda. Inclúe a inscrición "BENITO BOULLOSA".

Tamén forman parte do patrimonio etnográfico da parroquia de Caritel os tradicionais muíños, todos propulsados por auga. Destaca entre eles o muíño do Cornello[13], de dúas plantas, situado na marxe do río Verdugo. No piso inferior dispón de catro rodas que podían funcionar simultaneamente, e conxuntamente coa canle que transportaba a auga necesaria e a enorme represa que a alimentaba, constitúe un exemplo pouco frecuente de proceso pre-industrial na comarca. A canle, construída en pedra, de aproximadamente un metro de largura e outro de profundidade, transcorre paralela ó curso do río por uns 150 metros. Para alimentala construíuse unha presa de grandes proporcións que bloquea todo o curso do río e que permite regular a cantidade de auga que se desvía cara ao muíño. Ao dispor de represa podía funcionar todo o ano, polo que chegaban reatas de mulas con gran para moer dende zonas tan distantes como A Graña, a máis de 25 km. O piso superior do muíño actuaba a modo de pousada, xa que nestes casos a muiñada se prolongaba por varios días.

Ademais, na Pousa existe un muíño de cubo moi primitivo, con tellado feito de laxas de pedra, e que aproveitaba a auga da puza das Lagoas. Tamén no río Pequeno existen varios en diferentes estados de conservación.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares de Caritel

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Caritel no concello de Ponte Caldelas (Pontevedra)

Caritel | O Coto | A Fraga | A Larpea | O Portasouto | A Pousa

Parroquias de Ponte Caldelas

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Ponte Caldelas

Anceu (Santo André) | Caritel (Santa María) | Castro Barbudo (Santa María) | Forzáns (San Fiz) | A Insua (Santa Mariña) | Ponte Caldelas (Santa Eulalia) | Taboadelo (Santiago) | Tourón (Santa María) | Xustáns (San Martiño)

  1. 1,0 1,1 Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.
  2. IGE (ed.). "IGE - Nomenclátor estatístico de Galicia" (en galego). Consultado o 26 de febreiro de 2023. 
  3. "GEODE - Zona Z1200 (GALICIA TRAS-OS-MONTES)". Instituto Geológico y Minero de España. Consultado o 27/11/2023. 
  4. González Ruibal, Alfredo (2007-12-30). "Datas radiocarbónicas do xacemento da idade do ferro de Pena Redonda (Ponte Caldelas, Pontevedra)". Cuadernos de Estudios Gallegos 54 (120): 23–34. ISSN 1988-8333. doi:10.3989/ceg.2007.v54.i120.21. 
  5. González Ruibal, Alfredo (2005-12-30). "Resultados das sondaxes nun xacemento atípico da Idade do Ferro: Pena Redonda (Pontecaldelas, Pontevedra)". Cuadernos de Estudios Gallegos 52 (118): 173–197. ISSN 1988-8333. doi:10.3989/ceg.2005.v52.i118.93. 
  6. Sarmiento, Martín. Onomástico etimológico de la lengua gallega. Fundación Barrié. ISBN 978-84-89748-51-4. 
  7. "Caritel - Xesús Ferro Ruibal - O Seminario de Onomástica responde". Consultado o 30/8/2023. 
  8. Fernández Cortizo, Camilo (2008). Arrieros y traficantes en la Galicia rural de la época moderna. Obradoiro de Historia Moderna. pp. 325–352. ISSN 1133-0481. 
  9. Nárdiz, Carlos (1991). La formación y transformación de la red viaria en Galicia. Boletín académico. pp. 35–48. ISSN 0213-3474. 
  10. Martínez Plasencia, Mercedes; Sánchez Cora, Teresa (2004). Memoria Escrita dun Pobo. 1500-1936. Tomo V. Deputación de Pontevedra. ISBN 978-84-8457-201-5. 
  11. "28-MAY-13 PR-G 109 Ruta das Almiñas e do Foxo do Lobo (Ponte Caldelas)". Wikiloc - Rutas del Mundo (en castelán). Consultado o 2023-11-07. 
  12. Fernández de la Cigoña Núñez, E. (1998). Esmoleiros e petos de ánimas da provincia de Pontevedra. Ir Indo. 
  13. Eladio Torres. "Muíño do Cornello - A Fraga - Río Verdugo - Ponte Caldelas". Xoan Arco da Vella. Consultado o 24/11/2023. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]