Casa da Moeda de Karlsruhe
Casa da Moeda de Karlsruhe –Staatliche Münze Karlsruhe– –Staatliche Münze Baden-Württemberg Standort Karlsruhe– | |
---|---|
Escudo de Baden-Württemberg, logotipo da Casa da Moeda de Karlsruhe | |
Fachada do edificio da Casa da Moeda de Karlsruhe | |
Tipo | Estatal |
Fundación | 1827 |
Matriz | Autoridade de Facenda (Finanzministerium) de Baden-Württemberg. |
Localización | Karlsruhe Baden-Württemberg Alemaña. |
Industria | Cuñaxe. |
Produtos | Moedas e medallas. |
Notas | |
Marca de ceca: G. | |
Na rede | |
http://www.staatlichemuenzenbw.de | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Casa da Moeda de Kaelsruhe (en alemán: Staatliche Münze Karlsruhe ou, máis formalmente, Staatliche Münze Baden-Württemberg Standort Karlsruhe) é a máis pequena das cinco fábricas de moeda estatais activas en Alemaña, situada en Karlsruhe, e depende das autoridades de Facenda do Estado de Baden-Württemberg. As outras cecas do país teñen as súas sedes nas cidades de Berlín, Hamburgo, Múnic e Stuttgart.[1]
Desde 1871, a marca de ceca da Casa de Moeda de Karlsruhe é a letra G.[1]
En 1998, a Ceca Estatal de Stuttgart e a de Karlsruhe fusionáronse para formaren a entidade "Casas da Moeda Estatais de Baden-Württemberg".[1][2]
Histoira
[editar | editar a fonte]A primeira casa de moeda da cidade estableceuse en 1732 nunhas dependencias anexas ao castelo, e só dous anos despois foi trasladada á veciña vila de Durlach, un dos actuais distritos de Karlsruhe. Desde 1753, en Baden seguíase un padrón monetario convencional, baseado en 10 táleros de convención (Konventionstaler) por cada marco de colonia (234 gramos) de prata fina, e cada tálero composto por 2 floríns de 60 kreuzer.[2][3]
A través das alianzas e as políticas matrimoniais, o Electorado de Baden aumentou a súa influencia pasou a ser un Gran Ducado en 1806. Como resultado destes cambios, decidiuse establecer unha nova casa de moeda en 1816 que se situou na Stephanienstraße de Karlsruhe.[2]
Co tempo, os padróns monetarios foron cambiando, ata que, logo do Acordo Monetario de Viena de 1857, Baden e o resto dos estados adheridos á Unión Alfandegueira Alemá (Zollverein) asumiron como base unha libra arancelaria de 500 gramos, da que se obtiñan 30 táleros da unión (Vereinstaler). A moeda de ouro foi o ducado ata 1857, cando foi substituída pola coroa (Krone) ata a Unificación Alemá de 1871. A partir de 1873, a moeda imperial pasou a ser o marco, dividido en 100 pfennig.[2][3]
Como marca de ceca da Casa da Moeda de Karlsruhe utilizouse un G nas moedas cuñadas a partir de 1872. O motivo da asignación desta letra, a sétima do abecedario, é que a ceca ocupaba o sétimo lugar por tamaño entre as que existían naquel momento no Imperio. Aínda que desde entón pecharon dúas das cecas, a asignación inicial séguese a manter no século XXI. [2]
Logo da segunda guerra mundial, en 1949 cuñáronse en toda Alemaña moedas de 1, 5 e 50 pfennig coa lenda BANK DEUTSCHER LÄNDER, que en 1950 se substituíu por BUNDESREPUBLIC DEUCHSLAND. Porén, a Casa de Moeda de Karlsruhe seguiu utilizando accidentalmente a lenda antiga durante un tempo curto en 1950, o que levou á entrada en circulación de 30.000 moedas con esa variedade, hoxe moi apreciadas polos coleccionistas. [2]
En 1975 descubriuse unha fraude na ceca de Karlsruhe, encabezada polo seu director, que se coñece popularmente como o "Escándalo da Casa de Moeda de Karlsruhe".[2][4][5]
En 1998 as casas de moeda de Karlsruhe e de Stuttgart fusionáronse baixo a denominación de Staatliche Münzen Baden-Württemberg (Casas da Moeda Estatais de Baden-Wuerttemberg). Con todo, ambas as fábricas manteñen as súas marcas de ceca históricas: un F para Stuttgart e un G para Karlsruhe. Logo da incorporación das cecas alemás á produción de moedas do novo sistema do euro, a nova entidade produce arredor do 40 % das moedas que a República Federal de Alemaña pon en circulación na Eurozona.[1][2]
O edificio da ceca
[editar | editar a fonte]O edificio que alberga a Casa da Moeda de Karlsruhe foi construído en 1816 seguindo os planos do arquitecto local Friedrich Weinbrenner (1766-1826), quen pola súa vez se baseou noutros previos, elaborados polo arquitecto militar Friedrich Arnold. A conclusión do edificio tivo lugar o 9 de febreiro de 1827, un ano despois do falecemento de Weinbrenner, polo que foi o seu discípulo Friedrich Theodor Fischer quen se encargou da dirección da obra nese período final. Un busto de bronce no patio do edificio lembra a figura de Weinbrenner.[6][7]
O "Escándalo da Casa da Moeda de Karlsruhe"
[editar | editar a fonte]Na década de 1970 produciuse o "escándalo da Casa da Moeda de Karlsruhe" (Karlsruher Münzskandal): en 1975 descubriuse que o daquela director da ceca, Willy Ott, levaba facendo durante anos moedas de 2 pfennig, de 50 pfennig e de 5 marcos con alteracións que logo, coa implicación do subdirector, Stefan Heiling, e do empregado Klaus Fetzner, vendía a prezos moi elevados a coleccionistas e a funcionarios do Ministerio de Facenda. Como resultado das investigacións, concluíuse que se chegaron a producir entre 1.650 e 1.700 moedas alteradas, cun valor no mercado do coleccionismo de arredor de medio millón de marcos naquel momento.
As persoas involucradas foron condenadas por fraude e roubo de moedas, e foron suspendidos nos seus postos.[2][4][5][8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "Our Mints". Staatliche Münze Baden-Württemberg.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 "Staatliche Münze". En Stadt wiki Karlsruhe.
- ↑ 3,0 3,1 Presch, P. et al. (2002). "Gulden, Mark, Euro - geprägt in Karlsruhe". Páxinas 13-20.
- ↑ 4,0 4,1 Presch, P. et al. (2002). Páxina 54.
- ↑ 5,0 5,1 "Falschungen. Besondere Rarität Arquivado 12 de abril de 2016 en Wayback Machine.". En Der Spiegel. Nº. 23. 1975. Páxinas 70-71.
- ↑ Presch, P. et al. (2002). "Weinbrenners leztes Bauwerk: Die Staataliche Münze in Karlsruhe". Páxinas 21-28.
- ↑ "Staatliche Münze". En Stadt wiki Karlsruhe.
- ↑ "Blick in die Geschichte: Der Karlsruher Münzskandal von 1975 Arquivado 29 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine.". Stadt Karlsruhe (Karlsruhe.com)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Casa da Moeda de Karlsruhe |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Presch, P. et al. (2002). Vom Gulden zum Euro: 175 Jahre Münzstätte Karlsruhe. Info-Verlag. Karlsruhe. ISBN 3-88190-290-2
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio web das Casas da Moeda Estatais de Baden Württemberg
- "Why Gernany has Five State-Owned Mints". En Coins Weekly. 1 de febreiro de 2017