Casa da Moeda do Brasil
Casa da Moeda do Brasil | |
---|---|
Tipo | Empresa pública. |
Fundación | 8 de marzo de 1694 |
Matriz | Ministerio de Finanzas. |
Localización | Río de Xaneiro Brasil. |
Fundador | Pedro II de Portugal. |
Persoas clave | Presidente: Alexandre Borjes Cabral.[1] |
Industria | Cuñaxe e impresión. |
Produtos | Moedas, medallas, billetes etc. |
Na rede | |
http://www.casadamoeda.gov.br/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Casa da Moeda do Brasil (CMB) é unha empresa brasileira de titularidade estatal, dependente do Ministerio de Finanazas, responsable da cuñaxe de moeda e da impresión de billetes de curso legal nese país.[2][3]
Historia
[editar | editar a fonte]A lei do 19 de decembro de 1695 prohibía que as moedas de ouro da metrópole circulasen en calquera lugar das capitanías do Brasil, e os infractores desta lei estaban suxeitos a aprehensión das moedas e a penas de tres a cinco anos en Angola. Neste contexto, xa o 8 de marzo de 1694, os administradores coloniais portugueses en Salvador, Baía, estableceron a Casa da Moeda do Brasil, para a fabricación de moedas co ouro proveniente das extraccións mineiras.[4] Ese mesmo ano emitíronse as primeiras moedas Brasileiras, con valores de 1.000, 2.000 e 4.000 reis en ouro, e tamén 20, 40, 80, 160, 320 e 640 reis en prata.[5]
O primeiro mestre de ceca foi José Berlinque, nomeado o 6 de maio do mesmo ano e logo substituído por Domingos Ferreira de Azambuja, ourive natural de Baía.[6]
O 1698, a Casa da Moeda foi trasladada a Río de Xaneiro, á Junta de Comércio, no actual arsenal militar, e cuñáronse as primeiras moedas nesa cidade.[4] En 1700 trasladáronse novamente as instalacións da ceca brasileira, esta vez a Recife, cidade que volveu así a fabricar moedas metálicas cincuenta e cinco anos despois da emisión alí das súas primeiras moedas, durante o período de dominación neerlandesa do Brasil. En 1702 pechouse a instalación de Recife, na rúa que posteriormente se chamou Rúa da Moeda, e a Casa da Moeda retornou novamente a Río de Xaneiro.[4]
Alén da cuñaxe e a impresión das moedas e os billetes circulantes no país, a Casa da Moeda do Brasil tamén produce moedas conmemorativas, medallas, fichas comerciais, selos postais e documentos que precisen mecanismos de protección contra a falsificación, como é o caso dos pasaportes do país.[7][8] En 1843, utilizando técnicas de intaglio, a CMB imprimiu o primeiro selo de correos de América e o terceiro do mundo, coñecido como Olho de Boi.[5]
O edificio que foi sede da Casa da Moeda do Brasil en Río de Xaneiro entre 1868 e 1984 é a actual sede do Arquivo Nacional. O crecemento da economía brasileira durante os anos seguintes xerou a necesidade de expansión da empresa, o que deu lugar á construción dun novo complexo industrial no distrito de Santa Cruz, na zona oeste de Río de Xaneiro, que ocupa 120.000 metros cadrados, inaugurado en 1984.[5]
A factoría está dotada das máis modernas tecnoloxías de produción, o que fai que produza moedas e billetes non só para o Brasil, senón tamén para outros estados americanos e tamén africanos, como a Arxentina, Paraguai, o Uruguai, Venezuela, Costa Rica e Angola.[9]
En 1994, a CMB tivo un papel activo no proxecto económico-monetario coñecido como Plano Real, e produciu nun curto espazo de tempo todo o novo padrón monetario brasileiro. A partir de 2008, a compañía sufriu un forte proceso de modernización marcado pola actualización das súas liñas de produción de billetes, o que permitiu o lanzamento da segunda familia de billetes con valor facial en reais, máis sofisticada e segura.[5]
En outubro de 2019, a Casa da Moeda do Brasil foi incluída no programa de privatizacións promovidio polo presidente brasileiro Jair Bolsonaro, que abrangue 57 entidades ata o momento de carácter público.[10][11]
Museo da Casa da Moeda do Brasil
[editar | editar a fonte]Desde o 9 de marzo de 2018 está aberto o Museo da Casa da Moeda do Brasil, logo de 30 anos de clausura e dunha importante remodelación.[12]
No seu primeiro andar instalouse unha tenda destinada ao colecionismo numismático, así como exposicións temporais e tres mostras permanentes: a dos fondos históricos da CMB, a exposición “Do Réis ao Real” (sobre a historia do diñeiro brasileiro) e a mostra “Nota Real” (sobre os elementos de seguridade dos billetes da segunda familia do real).[12]
O edificio do Museo da Casa da Moeda do Brasil, sito no número 26 da Praza da República, é un palacio con trazos neoclásicos de inicios do século XX, cunha fachada marcada pola estética do período de transición entre a arquitectura colonial e a neoclásica. Anteriormente acolleu a primeira institución de investigación do país, a Casa de História Natural, e nel o rei Xoán VI instituíu o primeiro museo do Brasil, o Museu Real, o 6 de xuño de 1818.
Galería de produtos da CMB
[editar | editar a fonte]-
Moeda de 200 reis de 1871.
-
Selo postal de 1947
-
Antigo billete de 5000 cruzados.
-
Serie de novos billetes brasileiros.
-
Pasaporte do Brasil.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Organograma. Casa da Moeda do Brasil.
- ↑ "Sobre a CMB". Casa da Moeda do Brasil.
- ↑ "Estatuto Social da Casa da Moeda do Brasil (CMB)". Presidência da República.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "Trajetória da CMB". Casa da Moeda do Brasil.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 "História da CMB". Casa da Moeda do Brasil.
- ↑ "Criação da Casa da Moeda (1694)". Jornal Toque. 15 de marzo de 2016.
- ↑ "Catálogo comercial". Casa da Moeda do Brasil.
- ↑ "O que faz a Casa da Moeda?". En Superinteresante. 24 de xaneiro de 2018.
- ↑ "Produtos e Serviços: Meios de Pagamento". Casa da Moeda do Brasil.
- ↑ "Bolsonaro firma decreto para privatizar la Casa de Moneda de Brasil Arquivado 13 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine.". En Telesurtv. net. 15 de outubro de 2019.
- ↑ "Casa da Moeda é incluída em programa de privatizações do governo". O Globo. 15 de outubro de 2019.
- ↑ 12,0 12,1 "Museu Casa da Moeda do Brasil Arquivado 20 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". Casa da Moeda do Brasil.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Casa da Moeda do Brasil |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Baptista Gonçalves, C. (1984). Casa da Moeda do Brasil: 290 anos de História, 1694/1984. Casa da Moeda do Brasil.