Saltar ao contido

Castelo de Beeston

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castelo de Beeston
monumento clasificado como grao I e monumento planificado

Porta de entrada ó castelo de Beeston.
Coordenadas53°07′41″N 2°41′31″O / 53.12815, -2.6919
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(c. anos 1220)
Véxase tamén
Castelos de Gran Bretaña
editar datos en Wikidata ]

O castelo de Beeston é un castelo localizado na localidade de Beeston, Cheshire, Inglaterra, Reino Unido. Está situado nunha posición elevada, sobre un outeiro de rocha de arenisca duns 110 metros de altura sobre a chaira de Cheshire.[1] Foi construído nos anos 1220 por Ranulph de Blondeville, 6º conde de Chester, á súa volta das cruzadas. En 1237, Henrique III de Inglaterra tomou posesión de Beeston e o castelo foi mantido en boas condicións até o século XVI, cando se tomou a decisión de non empregalo para usos militares, aínda que foi usado de novo en 1643, con motivo da guerra civil inglesa. O castelo foi demolido parcialmente en 1646 para evitar que fose usado de novo como fortaleza. No século XVIII o lugar foi usado como canteira.

Rumoréase que nos xardíns do castelo permanece enterrado un tesouro pertencente a Ricardo II de Inglaterra, pero ningunha das numerosas procuras que se levaron a cabo deron con ningún sinal do mesmo. O castelo, agora en ruínas, está clasificado como Grao I (Grade I) na lista de edificios do Reino Unido, cualificado como edificio antigo protexido (Monumento planificado), e é propiedade de English Heritage.[2][3][4]

Prehistoria

[editar | editar a fonte]

O outeiro de Beeston forma parte dunha cadea de outeiros rochosos que se estende ao longo da chaira de Cheshire. Os arqueólogos descubriron puntas de frechas de sílex no outeiro que datan do Neolítico, así como restos dun asentamento da Idade de Bronce, datado sobre o ano 800 a. 800 a. C.., e un castro da Idade de Ferro datado ao redor do ano 400 a. C.[4]. A situación dos muros da parte exterior do castelo feudal foi elixida para sacar proveito dos restos dos muros da Idade de Hierro.[5]

O castelo está construído sobre un outeiro de 110 metros de altura sobre a chaira de Cheshire

O castelo de Beeston foi construído por Ranulph de Blondeville, sexto conde de Chester, como unha fortaleza inexpugnable e símbolo de poder. O castelo é descrito en documentos medievais como Castellum de Rupe, o castelo na rocha. Xunto ao castelo de Bolingbroke, en Lincolnshire, foi un dos dous castelos importantes construídos por Ranulph nos anos 1220, pouco despois do seu regreso da quinta cruzada.[6] A diferenza doutros moitos castelos da época, o castelo de Beeston non ten unha elevación como última liña defensiva. En lugar diso, os elementos naturais do terreo xunto aos enormes muros, fortes portas e torres situadas coidadosamente, fan que as murallas exteriores sexan unha fortaleza en si mesmas. As defensas teñen dúas partes. A primeira delas é un pequeno recinto amurallado interior, ou muralla fortificada, situada no alto do outeiro, cunha pendente pronunciada en tres dos lados, e un foso defensivo de nove metros de profundidade labrado na rocha do cuarto dos lados. A segunda parte das defensas, un recinto amurallado exterior, foi construído na parte baixa da ladeira, e conta cunha enorme casa do garda protexida por outro foso, este de cinco metros de ancho e tres de profundidade.[7]

O recinto exterior era máis ou menos rectangular, cos muros revestidos de arenita e enchidos de cascallos, de tres metros de grosor. As murallas, das cales aínda quedan algúns restos, tiñan algunhas torres con forma de D, unha innovación nos castelos ingleses da época. As torres permitían aos defensores disparar a través cara a adiante, pero polo seu deseño, coa parte posterior aberta, non ofrecían cobertura no caso de que os atacantes lograsen entrar no interior do recinto. O recinto interior estaba situado na cima rochosa, no extremo oeste do risco.[7]

Escaváronse dous pozos na rocha para fornecer auga fresca aos habitantes do castelo, un dos cales, de 113 metros de profundidade, é un dos pozos máis profundos situados en castelos de Inglaterra.[1][5] Crese que foi o mesmo Ranulph de Blodeville o responsable do deseño do castelo, inspirándose nas fortificacións que vira durante o tempo que pasou en Terra Santa durante as Cruzadas, aínda que non puido contemplar o castelo rematado.

Castelo real

[editar | editar a fonte]
A porta con barbacás, do século XVIII

Aínda que a maioría das defensas xa existían en 1232, ano da morte de Ranulph, naquel momento aínda non existían dependencias nin barracóns, e tampouco os había á morte de John, o sucesor de Ranulph, en 1237. O conde John morreu sen un herdeiro varón e o rei Henrique III de Inglaterra tomou posesión do condado de Cheshire, e por tanto do castelo de Beeston. Henrique III ampliou o castelo durante as súas guerras contra Gales, sendo usado como prisión para prisioneiros galeses.[1] Con todo, non se fixo ningún intento de equipar ao castelo como residencia permanente con salóns e apousentos. Probablemente a gornición estivera hospedada en estruturas de madeira situadas no interior do recinto interior.[7]

En 1254, Henrique III deu Beeston, xunto a outras terras en Cheshire, ao seu fillo, o príncipe Eduardo, así como o título de conde de Chester, título que desde entón ostentou o herdeiro ao trono de Inglaterra. En 1272, Eduardo foi coroado rei de Inglaterra e completou a conquista de Gales. Durante o reinado de Eduardo e durante o século XIV, o castelo de Beeston foi mellorado e mantido en bo estado. Con todo, no século XVI considerouse que o castelo xa non ía ser usado pola Coroa británica e en 1602 foi vendido a sir Hugh Beeston de Beeston Hall.[7]

Existiron persistentes rumores de que hai un tesouro escondido por Ricardo II de Inglaterra nalgún lugar dos xardíns. Suponse que Ricardo II escondeu parte das súas riquezas en Beeston na súa viaxe a Chester en 1399, antes de tomar un barco cara a Irlanda para sufocar a rebelión que estalara na illa. Á súa volta, Ricardo foi deposto por Henrique, duque de Lancaster, que reinaría co nome de Henrique IV, e dise que o seu tesouro permaneceu oculto. Leváronse a cabo numerosos rexistros, a maioría deles no pozo profundo do recinto amurallado interior, pero nunca se atopou nada.[5]

Guerra civil

[editar | editar a fonte]
Vista xeral das murallas do castelo de Beeston.

Durante a guerra civil inglesa volveron usarse para fins militares moitos castelos que xa non eran tidos en conta. O 20 de febreiro de 1643, forzas parlamentaristas comandadas por sir William Brereton tomaron o castelo de Beeston e repararon as murallas e baleiraron o pozo. Durante ese ano, parte do exército real de Irlanda chegou a Chester. A noite do 13 de decembro, o capitán Thomas Sandford e oito soldados dese exército introducíronse sixilosamente no castelo (posiblemente axudados por algún traidor) e sorprenderon ao gobernador do castelo, o capitán Thomas Steele, quen estaba tan desconcertado polo acontecemento que se rendeu coa condición de que lle deixasen abandonar o castelo con honras. Steele foi xulgado e fusilado polo seu fracaso á hora de defender o castelo.[8]

Os monárquicos lograron resistir durante un ano o asedio de forzas parlamentaristas, desde novembro de 1644 até novembro de 1645, cando a falta de víveres obrigounos a renderse. En 1646, celebrouse un consello de guerra en Warrington, onde se decidiu que as defensas dos castelos de Halton e Beeston debían ser desmanteladas para evitar que fosen usadss de novo como fortaleza, polo que o castelo foi parcialmente demolido.[2][9]

Período posterior

[editar | editar a fonte]
Gravado obra dos irmáns Buck que amosa o castelo de Beeston desde o sur (1727).[10]

Durante o século XVIII, os xardíns do castelo serviron de canteira e a porta principal do recinto interior foi demolida para construír unha pista para que as pedras puidesen ser sacadas do lugar.[5] En 1840, o castelo foi comprado por John Tollemache, primeiro barón de Tollemache, naquel momento o principal terratenente de Cheshire, como parte dunha compra maior.[11] A mediados do século XIX, o castelo foi o lugar onde se celebraba unha festa benéfica de dous días de duración para recadar diñeiro para os orfos e viúvas locais. Parece ser que o acontecemento chegou a ser bastante popular, chegando a atraer máis de 3000 visitantes ao día.[7]

Actualidade

[editar | editar a fonte]
Gravado de 1816 que amosa a entrada ao castelo.

O castelo é propiedade de English Heritage, e aínda que se atopa en ruínas, as murallas e as torres atópanse en suficiente bo estado como para proporcionar ao lugar unha clara visión de como debeu ser no pasado.[12] O castelo está aberto ao público e conta cun pequeno museo e un centro de visitantes. No século XIX, Tollemache edificou unha casa para o garda que foi ampliada no século XX. A casa do garda ten dous pisos, con dúas torres circulares en cada lado do arco central.[13] O castelo está clasificado como edificio de Grao I (Grade I) na lista de edificios do Reino Unido, mentres que a casa do garda está clasificada como Grao II (Grade II).[2]

O castelo de Beeston é un dos castelos de Inglaterra cunha das vistas máis espectaculares, estendéndose por oito condados desde os Pennines ao leste até as montañas de Gales ao oeste.[14]

  1. 1,0 1,1 1,2 Fry, The David and Charles Book of Castles, páx. 186.
  2. 2,0 2,1 2,2 "Images of England: Beeston Castle". English Heritage. Arquivado dende o orixinal o 14 de novembro de 2007. Consultado o 19 de abril de 2008. 
  3. "Beeston Castle: Sources". Pastscape. Consultado o 19 de abril de 2008. 
  4. 4,0 4,1 "Beeston Castle". English Heritage. Consultado o 19 de abril de 2008. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "Beeston: Castle of the Rock". TimeTravel-Britain.com. Consultado o 19 de abril de 2008. 
  6. Fry, The David and Charles Book of Castles, páx. 191.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 "Beeston Castle: Information for Teachers" (PDF). English Heritage. Arquivado dende o orixinal (pdf) o 11 de marzo de 2008. Consultado o 20 de abril de 2008. 
  8. Dore, The Civil Wars in Cheshire, páx. 33.
  9. Starkey, H. F. (1990), Old Runcorn, Halton: Halton Borough Council. Páx. 58.
  10. Ormerod, History of the County Palatine and City of Chester.
  11. "Peckforton Hills Local Heritage: Peckforton Castle". Peckforton Hills Local Heritage. Arquivado dende o orixinal o 18 de xullo de 2006. Consultado o 20 de abril de 2008. 
  12. "Beeston Castle". Pastscape.org.uk. Consultado o 21 de abril de 2008. 
  13. "Images of England: Beeston Castle Lodge". English Heritage. Arquivado dende o orixinal o 09 de maio de 2015. Consultado o 21 de abril de 2008. 
  14. "Beeston Castle: Background Information". English Heritage. Consultado o 21 de abril de 2008. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]