Castelo de Kumamoto
O castelo de Kumamoto (熊本城, Kumamoto-jō) é un castelo situado en Kumamoto, na prefectura de Kumamoto no Xapón. É un castelo grande e extremadamente ben fortificado. O donjon (parte central do castelo) foi parcialmente renovado en 1960 pero as vigas de madeira máis antigas conserváronse. É considerado como un dos tres castelos máis bonitos no Xapón, xunto co castelo de Himeji e o castelo de Matsumoto.[1] Trece estruturas do conxunto do castelo foron designadas «bens culturais importantes».
Historia
[editar | editar a fonte]A historia do castelo de Kumamoto remóntase ao ano 1467 cando Ideta Hidenobu edificou as fortificacións. Estas fortificacións foron desenvolvidas en 1496 por Kanokogi Chikakazu. No ano 1588, Katō Kiyomasa foi transferido ao castelo de Kumamoto. Entre 1601 e 1607, agrandouse considerabelmente o castelo, sendo transformado nun enorme complexo con 49 yagura (torres). A torre do castelo, máis pequena, construída algún tempo despois do donjon, tiña varias instalacións, entre as cales un pozo e unha cociña. O palacio Honmaru Goten foi acabado en 1610. O conxunto do castelo medía aproximadamente 1,6 km de leste a oeste e 1,2 km de norte a sur. O donjon ten 30,3 m de alto.
O castelo foi asediado en 1877 durante a rebelión de Satsuma[2] e o donjon así como outras partes do castelo foron destruídas polo lume. Trece dos edificios do conxunto foron preservados e foron designados «bens culturais importantes». No ano 1960, o donjon foi reconstruído en formigón. Entre 1998 e 2008, o conxunto do castelo beneficiouse de traballos de restauración durante os cales a maioría das estruturas do século XVII foron reconstruídas.
Os muros de pedra curva, coñecidos co nome de Musha-gaeshi, así como saíntes de madeira, foron concibidos para impedir os atacantes penetrar no castelo. As caídas de pedras servían igualmente de medio de disuasión.
No parque San-no-Maru próximo atópase o Hosokawa Gyobu-tei, a antiga residencia do clan Hosokawa, daimio da provincia de Higo durante o Período Edo. No parque desta casa tradicional de madeira atópase un agradábel xardín xaponés.
O 7 de decembro de 2008 acabouse a renovación a gran escala do palacio interior do daimio. Unha cerimonia pública para celebrar a renovación tivo lugar o 20 de abril de 2008.
O 14 de abril de 2016, por mor dun forte terremoto de magnitude 6.5 na escala Richter, o castelo sufriu danos considerábeis nas súas paredes e teitos.[3]
Galería
[editar | editar a fonte]Fotografías antigas
-
O castelo nos anos 1871-1874.
-
O castelo no ano 1874.
-
O castelo iñantes de 1902.
-
Maqueta do castelo e da cidade durante o período Edo.
Aspecto exterior actual
-
Vista do castelo de Kumamoto.
-
A muralla.
-
Danos provocados polos sismos de 2016 en Kumamoto.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "The Three Famous Castles of Japan". Kobayashi Travel Service (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30-08-2011.
- ↑ Le château Kumamoto-ji, réputé imprenable. Guide Japon.fr.
- ↑ "Asahi Shimbun". Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2016.