Saltar ao contido

Francisco Castro Canseco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Castro Canseco»)
Modelo:BiografíaFrancisco Castro Canseco
Biografía
Nacemento1655 Editar o valor en Wikidata
Valderas, España Editar o valor en Wikidata
Morte1724 Editar o valor en Wikidata (68/69 anos)
Actividade
Ocupaciónescultor Editar o valor en Wikidata

BUSC: castro-canseco-francisco-de-1655-1724
Imaxes de San Xoán e de San Xosé, no retablo de Eiras

Francisco Castro Canseco, nado en Valderas (León) en 1655 e finado en 1724, foi un escultor destacado pola súa produción en Galicia. Hai quen opina que se formou en contacto con Domingo de Andrade[Cómpre referencia]. Residiu en Melide e Ourense.

Francisco de Castro Canseco naceu en Valderas, na provincia de León, arredor de 1655, onde casou con Isabel Montero Ribera, aínda que o seu pai parece proceder de Galicia. En 1693, cando contrata a obra do coro do Real Monasterio de Sobrado dos Monxes, sábese que Castro Canseco xa vive en Melide, onde parece ter antecedentes familiares. Despois dunha prolífica obra enchendo de retablos moitas das igrexas do sur de Galicia, finou na cidade de Ourense o 20 de setembro de 1724. Foi sepultado diante do retablo de San Xacinto, un dos derradeiros que fixera para a igrexa de San Domingos de Ourense, tamén coñecida como parroquia de Santa Eufemia do Norte.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Traballou en lugares diversos: Melide, Ourense, Celanova, Catedral de Tui, Ribadavia... Algunhas xa desapareceron, coma o retablo maior da igrexa do mosteiro de San Domingos de Ribadavia, pentagonal, de seis columnas salomónicas, acorde coa grandeza da igrexa, pero que foi desmontado para “darlle máis luz á ábsida”.

Das primeiras obras que realiza en Galicia destaca o cadeirado do coro do mosteiro de Santa María de Sobrado.

O 18 de marzo de 1696 firma o contrato para a continuación da decoración da capela do Santo Cristo da Catedral de Ourense. A partir desta data quedará a vivir e terá taller nesa cidade. Na capela do Santo Cristo destacan os relevos da Asunción da Virxe, os Desposorios e a Cruz no día do Xuízo Final. Tamén son salientables as escenas do Descendemento, a Oración da Horta e as dez Sibilas do corredor. Pero na catedral auriense realizou outras moitas e importantes obras, algunhas delas desaparecidas. Quedan aínda os retablos de San Miguel, de Santa Eufemia, da Resurrección e dos Santos Facundo e Primitivo, realizados en datas diversas dos primeiros anos do século XVIII.

En 1699 está en Tui realizando un cadeirado do coro para a catedral, "en nogal y castaño".

Retablo maior de Eiras (1704).

Moitas das obras de Castro Canseco fican, en verbas de Concepción Caramés, aínda hoxe “desperdigadas por varias igrexas do centro e do sur de Galicia”. Unha destas afortunadas parroquiais é a igrexa de Santa Uxía de Eiras, no concello de San Amaro, cun retablo maior de sinxelo trazo pero de abundante –aínda que ordenada- decoración que chega a tódolos recunchos. Consta de dous corpos, o inferior ten tres rúas separadas polas inconfundibles columnas salomónicas de cinco voltas e ramallos de vides, e abundante decoración con ramallos de palma e flores. Foi realizado en 1704, polos anos nos que se remataban as obras da capela do Cristo da Catedral auriense.

Por esas datas tamén firma un contrato cos monxes do mosteiro de Oseira, onde se compromete a realizar a portada principal do mosteiro, en pedra, que fai ángulo coa fachada da igrexa monacal.

Cadeirado do Coro do Mosteiro de San Salvador de Celanova, de Francisco de Castro Canseco.

Cara a 1710 traballa no mosteiro de San Salvador de Celanova, onde executa con magnificencia o retablo maior (estruturado en catro grandes columnas salomónicas) e o coro da nave central. Tamén traballa na caixa do órgano da Abadía.

En 1714 traballa na cidade de Santiago, onde contrata a obra do altar maior do convento de San Paio de Antealtares, de monxas beneditinas. No contrato desta grande obra tamén se estipula que os materiais empregados han de ser o castiñeiro e a nogueira.

Características da súa obra

[editar | editar a fonte]

Son patentes en Castro Canseco as influencias artísticas dos mestres composteláns Domingo de Andrade e Mateo de Prado, ademais das do arquitecto castelán José de Churriguera, razón pola que algúns autores denominaron a Castro Canseco como "o Churriguera galego". Da relación con Domingo de Andrade dan proba a continuación da Capela do Cristo de Ourense e os traballos na igrexa de San Paio de Antealtares.

Como características sobresaíntes da obra de Castro Canseco destacar a utilización das columnas salomónicas cargadas de vides con acios de uvas e os ramallos de palmas que forman volutas sobre fornelas e relevos. Nas súas imaxes destacan as roupas amplas, quebradas e angulosas, que lle conceden graza e movemento ás figuras. O seu léxico ornamental é debedor de Andrade, e na súa iconografía está presente a cristiandade galaica (San Rosendo) e hispana (San Isidoro de Sevilla) así como a orde beneditina. Soubo interpretar o cristianismo galego nas figuras de San Froilán, Froitoso de Braga e San Pedro de Mezonzo. O seu estilo deixou unha fonda pegada en Galicia, sendo asumido polo barroco rural e popular.

Castro Canseco é, ante todo, un mestre do barroco galego de finais do século XVII e principios do XVIII, representante dun movemento galaico paralelo ó "churrigueresco" castelán.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • CARAMÉS GONZÁLEZ C.: “El escultor y entallador Francisco de Castro Canseco (1693-1724)”. Boletín Auriense, ISSN 0210-8445, Tomo 2, 1972 , pp. 167–192.
  • GARCÍA IGLESIAS, J. M.: “Francisco de Castro Canseco (Ca. 1655-1714), en la actividad artística de Galicia”. Laboratorio de Arte: Revista del Departamento de Historia del Arte, ISSN 1130-5762, Nº. 5, 1, 1992. pp. 241–263.