Saltar ao contido

Catarismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castelo de Montségur, fortaleza-santuario do catarismo.

O catarismo é un movemento relixioso de tipo dualista que arraigou especialmente en Languedoc (Occitania) durante a Baixa Idade Media. Cátaro significa puro e os seus seguidores practicaban un gran rigorismo moral renunciando ás riquezas materiais, á sexualidade e afastándose da sociedade xerárquica eclesiástica co apoio da nobreza local, que vía neles un factor de deslexitimación do poder dos bispos da Igrexa Católica e do rei de Francia, que se disputaban o poder na nación occitana. Tamén son coñecidos como albixenses pola centralidade que para eles tivo a cidade de Albi nese país, hoxe parte da Francia actual.

Esta sostiña que o Deus creador non era o Deus Bo senón un malévolo demiúrgo de onde saen a corrupción e a morte. Sendo o corpo e a materia algo malo e perverso, Xesús de Nazaret non se tiña encarnado, nin tiña morto realmente na cruz, e sendo os sacramentos referentes a obxectos materiais, estes eran falsos e perniciosos agás a confesión. Vivían nunha rigorosa austeridade, rexeitaban a sexualidade e toleraban o matrimonio para aqueles que non tivesen aínda a condición de perfectos. A sexualidade bendicida mediante o sacramento do matrimonio era para eles unha aberración e un sacrilexio.

Semella ser unha corrente de pensamento e espiritualidade dualistas procedente da actual Bulgaria identificada cos bogomilos e proscrita pola Igrexa Ortodoxa dominante no Imperio Bizantino. Arraigaría no mediodía galo por mor das rutas comerciais e o tráfego de mercadorías.

Relacións cos predicadores

[editar | editar a fonte]

Os monxes cistercienses tentaron a conversión das masas populares fascinadas pola autenticidade dos seguidores do catarismo. Mais o afastamento propio da vida monacal era unha dificultade para a reevanxelización. Os Papas organizaron misións que escandalizaron a Domingos de Guzmán pola súa pompa e luxo e consecuente ineficacia fronte ao exemplar rigorismo moral cátaro. Isto animou a Domingos de Guzmán a emprender unha predicación dende a pobreza e a austeridade que tivo resultados discretos e insuficientes, pero que está na orixe da orde dominica.

Os resultados escasos da predicación pacífica impulsada por Domingos de Guzmán, levou o Papa a ordenar a organización dunha cruzada co gallo do asasinato do seu legado Pierre de Castelnau en xaneiro de 1208, supostamente por orde de Raimundo VI, conde de Tolosa e defensor dos cátaros. Esta cruzada dexenerou no exterminio de decenas de miles de persoas, a implantación da Inquisición, o sometemento de Occitania ao rei de Francia e a desarticulación definitiva do movemento cátaro. A promesa de facerse coas posesións e terras dos cátaros propiciou o esmagamento do movemento e a implantación dun novo poder político fiel ao rei de Francia.

O derradeiro prefecto cátaro coñecido, Guillermo Belibaste, foi executado en 1321.