Saltar ao contido

Charles Keck

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaCharles Keck

Charles Keck e Adolph Weinman cun grupo de artistas e unha modelo, en 1897.[1]

Biografía
Nacemento9 de setembro de 1875.
Nova York, Estados Unidos.
Morte23 de abril de 1951 (75 anos)
Carmel, Nova York.
Lugar de sepulturaCemiterio rural de Fishkill. 
País de nacionalidade Estadounidense.
EducaciónArt Students League, Nova York'.
Academia Nacional de Deseño.
Escola Superior de Música e Arte.
Instituto Pratt.
Actividade
OcupaciónEscultor e deseñador de moedas.
Membro de
Academia Nacional de Deseño.
Sociedade Nacional de Escultura.
Influencias
Participou en
1932Xogos Olímpicos de 1932 Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
· Escultura: Estatua de F. P. Duffy; Estatua de Lincoln; Levantando o velo da ignorancia.
· Numismática: Moedas dos EEUU conmemorativas.
Familia
CónxuxeDorothy Anne Collyer (1923). Editar o valor en Wikidata
FillosJohn William Keck. Editar o valor en Wikidata
PaisHeinrich Keck. Editar o valor en Wikidata  e Elizabeth Kammerer Editar o valor en Wikidata
Premios
Premio de Roma Americano

Find a Grave: 7565145 Editar o valor en Wikidata

Charles Keck, nado en Nova York o 9 de setembro de 1875 e finado en Carmel, estado de Nova York, o 23 de abril 1951, foi un escultor, medallista e deseñador de moedas estadounidense.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Charles Keck naceu en 1875 en Nova York,[2] no barrio de Greenwich Village, en Manhattan, o quinto dos sete fillos de Elizabeth Kammerer (1839-1914) e do tamén escultor e deseñador Heinrich Keck (1838-1919),[3][4] un matrimonio de emigrantes alemáns.[5]

Keck levou a cabo a súa formación artística en Nova York, en institucións como a Academia Nacional de Deseño (1893-1894), a Liga de Estudantes de Arte (1894-1901),[2][3][5] e o Instituto Pratt, e graduouse na Escola Superior de Música e Arte.[4]

En 1890 ingresou no estudio de Philip Martiny, con quen traballou na produción dunha gran escultura para a Exposición Colombina de 1893, xunto con Adolph A. Weinman.[6] Logo traballou como asistente no estudio do escultor Augustus Saint-Gaudens, entre 1893 e 1898,[2][6] axudándolle a realizar, entre outras obras, o seu monumento a James Garfield (1895) para o parque Fairmont de Filadelfia.[5] E en 1898 pasou a traballar, durante dous anos, co escultor John Massey Rhind.[6]

Keck acadou en 1900 a bolsa de estudos Rinehart da Academia de Belas Artes de Pensilvania, o que lle permitiu viaxar a Roma, onde estudou de 1901 a 1905.[5][7] Durante ese período tamén pasou tempadas de estudo en Florencia, en París e en diversos lugares de Grecia.[2][6]

De regreso a Nova York en 1905, ocupou ata a súa morte o antigo estudio de Saint-Gaudens en West 36th Street.[2][5][6]

Keck foi membro da Architectural League de Nova York,[8] que lle concedeu a súa medalla de honra en 1926.[6] Tamén foi nomeado membro da Academia Nacional de Deseño en 1921, e académico de número en 1928, e foi membro da Sociedade Nacional de Escultura, que presidiu entre 1931 e 1934.[6][9][10]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Charles Keck era masón de 32º grao.[2] Casou o 3 de xuño de 1923 con Dorothy Anne Collyer (1900-1982), con quen tivo tres fillos, un deles John William Keck (1929-2001).[3]

Keck finou como consecuencia dun problema cardíaco o 23 de abril de 1975, aos 75 anos, en Carmel, Nova York,[2] onde estaba a pasar a fin de semana, e foi soterrado no cemiterio rural de Fishkill, no condado de Dutchess, estado de Nova York.[3][11]

Escultura e gravado

[editar | editar a fonte]
America (1910). Pittsburghg.[12]

Entre as primeiras esculturas creadas por Charles Keck están as tituladas Genius of Islam ("O xenio do Islám"), de 1908, e America, de 1910, que forma parte do Soldiers and Sailors Memorial Hall, en Pittsburgh, Pensilvania.[6][13][12][14]

En 1913 deseñou unha placa conmemorativa feita co metal recuperado do buque USS Maine logo de ser recuperado do fondo do porto da Habana o ano anterior. Fundíronse máis dun milleiro destas placas, que están repartidas de xeito irregular polos Estados Unidos, en museos e en coleccións privadas, e mesmo en monumentos como USS Maine National Monument de Nova York. Ese mesmo ano, modelou unha estatua de corpo enteiro de George Washington, encargada como agasallo á cidade de Buenos Aires polos estadounidenses que residían alí. En 1922 inaugurouse en Tuskegee, Alabama,[15] a súa estatua de Booker T. Washington.[6][14]

Selo da Commonwealth de Virxinia, creado por Keck en 1931.

En 1931, Keck completou o Gran Selo da Commonwealth de Virxinia, cuxo anverso segue a ser utilizando e mesmo aparece na bandeira do estado.[16]

Keck continuou traballando nas décadas de 1930 e 1940. Entre as súas obras máis salientables desta época están o bronce a tamaño natural do crego Francis P. Duffy, que se erixiu en Times Square en 1937.[17] As súas estatuas do político Charles B. Aycock e do gobernador Huey P. Long áchanse na Sala de Estatuas do Capitolio dos Estados Unidos.[5]

Charles Keck foi un escultor de grande recoñecemento que mantivo unha frutífera relación co arquitecto Henry Hornbostel. Decorou varias das súas obras, como o Pennsylvania Hall da Universidade de Pittsburgh, o Education Building de Albany,[8] e o edificio municipal de Oakland, California.[6][12]

A súa obra escultórica tamén formou parte do certame de escultura dos Xogos Olímpicos de Verán de 1932.[10]

Numismática e medallística

[editar | editar a fonte]
Medalla do Sesquicentenario de Vermont (1927).[18]
Deseño: C. Keck.
Produción: Medallic Art Co.

Charles Keck tamén acadou sona grazas ao deseño e o gravado de tres moedas estadounidenses de carácter conmemorativo: dólar de ouro da Exposición Panamá-Pacífico (1915), medio dólar do sesquicentenario de Vermont (1917) e medio dólar do Sesquicentenario de Lynchburg, Virxinia (1936).[2][6][19]

Igualmente, foi o creador de varias medallas, entre elas as medalla oficial do sesquicentenario de Vermont, en 1927,[20] e a do Sesquicentenario do Estado no mesmo ano.[2]

Decorados escénicos

[editar | editar a fonte]

Keck comezou a traballar tamén como pintor de decorados no teatro de verán na década de 1950, ata acabar por se converter nun respectado deseñador de decorados na industria teatral neoiorquina. Durante dúas décadas foi o deseñador principal no Radio City Music Hall situado no Reckefeller Center, e en 1973 foi nomeado como director artístico.[24] Dimitiu deste cargo na primavera de 1980, cando pasou a deseñar decorados para a Metropolitan Opera House. Tamén traballou neste sector na compañía Nolan Scenery Studios.[4]

  1. Adolph Weinman and Charles Keck with others. Smithsonian Institution (SI.edu)
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 Smith, P. (2012).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "Charles Keck". Findagrave.com
  4. 4,0 4,1 4,2 "Biographical/Historical Information". En Radio City Music Hall collection of the designs of James Stewart Morcom and John William Keck. The New York Public Library (Archives.nypl.org).
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Dearinger, D. B. (ed.) (2004). Páxina 329.
  6. 6,00 6,01 6,02 6,03 6,04 6,05 6,06 6,07 6,08 6,09 6,10 Dimmick, L.; Hassler, D. J. (1999).
  7. "All Fellows". American Academy in Rome (Aarome.org).
  8. 8,0 8,1 Price, C. M. (1912). "Architecture and the Allied Arts: The 27th Annual Exhibition of the Architectural League of New York". En Arts & Decoration. Vol. 2. Nº 5. Páxina 184.
  9. Agopoff, A. (1966).
  10. 10,0 10,1 "Charles Keck: Biographical information". Olympedia.org
  11. "Charles Keck dies". En The New York Times. 24 de abril de 1951.
  12. 12,0 12,1 12,2 "America by Charles Keck". Fatherpitt.com
  13. Gay, V.; Evert, M. (1983). Discovering Pittsburgh's Sculpture. University of Pittsburgh Press. Páxinas 202-203. ISBN 978-0-8229-3467-7
  14. 14,0 14,1 Dearinger, D. B. (ed.) (2004). Páxinas 329-330.
  15. Daugherty, E. (2010). "Negotiating the Veil: Tuskegee’s Booker T. Washington Monument". En The University of Chicago Press Journals. Vol. 24. Nº 3.
  16. "Great Seal of the Commonwealth of Virginia". 6hourday.org. 13 de outubro de 2004.
  17. Couzzo, S. (2016). "Can an iconic statue survive Times Square’s turf battle?". En New York Post. 6 de setembro.
  18. "Charles Keck. Vermont Sesquicentennial Medal". risdmuseum.org
  19. "Charles Keck". Numista.com
  20. "Charles Keck. Vermont Sesquicentennial Medal". risdmuseum.org
  21. "1 Dollar Panama–Pacific Exposition". Numista.com
  22. "½ Dollar Vermont Sesquicentennial". Numista.com
  23. "½ Dollar Lynchburg, Virginia Sesquicentennial". Numista.com
  24. "John William Keck - Designs. ca. 1973-1984". En Radio City Music Hall collection of the designs of James Stewart Morcom and John William Keck. The New York Public Library (Archives.nypl.org).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]