Saltar ao contido

Medio dólar do Sesquicentenario de Lynchburg

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medio dólar do
Sesquicentenario de Lynchburg [1][2]
A/: Busto do senador Carter Glass ollando cara á esquerda

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / LIBERTY / IN GOD WE TRUST / CARTER GLASS

R/: Alegoría da Liberdade en pé, diante da fachada do Palacio de Xustiza de Lynchburg .

Lendas: LYNCHBURG VIRGINIA SESQUI-CENTENNIAL / E PLURIBUS UNUM / 1786 / 1936 / HALF DOLLAR

O medio dólar do Sesquicentenario de Lynchburg é unha moeda de prata dese valor facial emitida en 1936 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada pola Ceca de Filadelfia, en conmemoración do 150 aniversario da fundación da cidade de Lynchburg, Virxinia, en 1786.[3]

No anverso da moeda aparece o ex-secretario do Tesouro e senador estadounidense Carter Glass, natural de Lynchburg. Pola súa banda, o reverso representa unha estatua da deusa da Liberdade, con lugares representativos de Lynchburg detrás dela, como o antigo Palacio de Xustiza e o monumento aos Confederados.

O propio senador Glass foi o promotor da lei pola que se aprobou a emisión deste medio dólar, que foi aprobada polo Congreso sen dificultade. A Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos propuxo que a moeda levase no anverso a imaxe de John Lynch, fundador de Lynchburg, pero non se coñecía ningún retrato seu e, no canto diso, a Asociación do Sesquicentenario de Lynchburg decidiu que o mesmo Glass debería ser quen figurase na moeda. Malia a súa oposición, Glass converteuse na terceira persoa viva que aparecía nunha moeda estadounidense, e a primeira que aparecía soa.

As moedas tiveron unha boa aceptación comercial cando se puxeron á venda a finais do verán de 1936, case todas no propio país, xa que as vendas a estranxeiros foron limitadas. Esgotouse toda a tiraxe e reserváronse algúns exemplares para os actos de celebración do sesquicentenario en outubro. No momento do seu lanzamento vendíanse polo prezo dun dólar a unidade e, cos anos, fóronse revalorizando no mercado numismático, ata acadar varios centos de dólares por exemplar, sempre dependendo do seu estado de conservación.

Antecedentes e contexto

[editar | editar a fonte]

O feito conmemorado

[editar | editar a fonte]

Lynchburg, un territorio que foi colonizado por angloamericanos en 1757, recibiu o nome do seu fundador, John Lynch. Cando este tiña uns 17 anos, comezou a operar un servizo de transbordador nun vao do río James para transportar mercadorías entre Lynchburg e New London, onde se estableceran os seus pais. A despois coñecida como "Cidade dos sete outeiros" desenvolveuse axiña ao longo dos outeiros que rodeaban a ruta do transbordador de Lynch.[4][5]

En 1786, a Asemblea Xeral de Virxinia recoñeceu o asentamento de Lynchburg como entidade de poboación, co seu centro no embarcadoiro de Lynch no río James.[4][5]

A idea da moeda conmemorativa

[editar | editar a fonte]

A Asociación do Sesquicentenario de Lynchburg desexaba acadar que se producise a emisión dunha moeda conmemorativa co motivo do aniversario daquela primeira mención da Asemblea General de Virxinia ao lugar e da proposta da súa incorporación á Unión como cidade, que finalmente non se chegou an producir ata 1852.[6]

Na década de 1930, as moedas conmemorativas non eran distribuídas polo Goberno estadounidense, senón que o Congreso, ao aprobar a lexislación que autorizaba cada moeda, designaba unha organización sen ánimo de lucro á que lle outorgaba ou dereito exclusivo de as adquirir ao seu valor nominal e logo revendelas á poboación cunha prima, supondo así unha fonte de financiamento para celebracións e eventos diversos.[7]

En concreto no ano 1936 o Congreso autorizou 15 novas emisións de moedas conmemorativas, e mesmo moedas que foran autorizadas en anos anteriores volveron cuñarse ese ano con data de 1936. Ese auxe das moedas conmemorativas levou consigo un importante aumento dos seus prezos, e as novas emisións contribuíron a alimentar o mercado. Algunhas destas novas emisións, como é o caso do medio dólar do Centro Musical de Cincinnati, estaban controladas por persoas con información privilexiada para obteren beneficios privados, á marxe do financiamento das celebracións.[8]

No caso do medio dólar de Lynchburg, a entidade promotora e responsable da súa emisión foi a Asociación do Sesquicentenario de Lynchburg.[9] O medio dólar de Lynchburg tiña como propósito sufragar o custo das celebracións do aniversario da cidade,[10] e estaba motivada polo orgullo da súa cidadanía pola súa historia local.[11] Lynchburg fora un centro de abastecemento para a Confederación durante a Guerra Civil; un intento da Unión de tomar a cidade fora rexeitado en 1864 polo xeneral confederado Jubal Early. Carter Glass, máis tarde secretario do Tesouro e representante e senador por Virxinia, nacera alí en 1858, e alí residía en 1936.[12]

Trámite lexislativo

[editar | editar a fonte]

O 8 de abril de 1936, Glass presentou no Senado o proxecto de lei do medio dólar do Sesquicentenario de Lynchburg, que foi remitido á Comisión de Banca e Moeda desa cámara. O 22 de abril, Alva B. Adams, de Colorado, devolveuno informado á presidencia do Senado.[13][14] No seu informe, a Coisión de Banca e Moeda sinalaba que o proxecto estaba redactado dun xeito polo que a propia comisión avogaba, arredándose da posibilidade de que se cometesen os abusos e as malas prácticas que caracterizaran algunhas emisións anteriores de moedas conmemorativas. Prevíase no proxecto, neste sentido, que as moedas fosen cuñadas nunha soa ceca e cun único deseño; igualmente, deberían cuñarse no prazo dun ano desde a súa promulgación e levarían necesariamente a data de 1936, aínda que a súa produción se chegase a dilatar ata o ano seguinte. Con estas medidas pretendíase que non se creasen variantes da moeda e que non se puidese especular cos seus prezos. Tendo todo isto en conta, a Comisión de Banca e Moeda do Senado aconsellou a aprobación do proxecto de lei.[15]

O 24 de abril, Adams presentou o proxecto ante o pleno do Senado e propuxo que a cantidade autorizada de moedas se aumentase das 10.000 que se propuñan inicialmente a 20.000. Tanto o proxecto de lei como esta emenda foron aprobados sen debate nin oposición.[16]

O proxecto de lei pasou entón á Cámara de Representantes, onde foi presentado o 22 de maio por Clifton A. Woodrum, de Virxinia. O republicano Robert F. Rich, de Pensilvania, tomou a palabra o tempo suficiente para facer esta consideración: «este é, quizais, o trixésimo proxecto de lei deste tipo que se presenta nesta sesión do Congreso. Seguramente será o comezo da inflación demócrata, e advirto aos membros da Cámara que teñan coidado". Logo dos risos dun sector da cámara e os aplausos do outro, o proxecto tamén foi aprobado sen obxeccións na Cámara de Representantes,[17] e coa sinatura do presidente Franklin D. Roosevelt o 28 de maio de 1936 converteuse na Lei pública Nº 625, que autorizaba a cuñaxe de 20.000 exemplares do medio dólar do Sesquicentenario de Lynchburg.[9][18][19]

Preparación

[editar | editar a fonte]
Retrato do senador Carter Glass en 1901, promotor da moeda e presente no seu anverso.[20]

O 25 de maio de 1936, cando o proxecto de lei de Lynchburg estaba a piques de se aprobar, o secretario da Asociación do Sesquicentenario, Fred McWane, escribiu a Charles S. Moore, presidente da Comisión Federal de Belas Artes[21] —que era a encargada por orde executiva do presidente Warren G. Harding en 1921 de emitir ditames consultivos sobre obras de arte pública, incluídas as moedas—.[22] Moore respondeu o día 26 suxerindo que a moeda levase no anverso o retrato de John Lynch, fundador de Lynchburg. McWane contestou o día seguinte afirmando que non se coñecía ningún retrato de Lynch e que a Asociación do Sesquicentenario estaba a estudar outros posibles anversos. Para o reverso, McWane propuxo a explanada monumental da cidade, que era o primeiro que os visitantes podían ver da cidade na súa primeira vista, cando chegaban no tren.[23]

O 3 de xuño, McWane escribiu a Moore para lle comentar que a Asociación do Sesquisentenario estaba a considerar a posibilidade de encargar o deseño da moeda aos artistas Charles Keck ou John David Brcin. Na súa resposta do día 9, Moore gabou a traxectoria de ambos os artistas, pero eloxiou máis a Keck,[24] quen xa se encargara do deseño do dólar de ouro da Exposición Panamá-Pacífico de 1915 e do medio dólar conmemorativo do Sesquicentenario de Vermont en 1927.[25] A Asociación do Sesquicentenario atendeu a suxestión de Moore, e McWane notificoulle de camiño a contratación de Keck como deseñador o 1 de xullo. Igualmente, comunicoulle que a súa comisión tomara a decisión de que o senador Glass fose a figura que aparecese no anverso da moeda.[24]

Ao propio Glass non lle pareceu ben a idea de que o seu rostro aparecese nunha moeda, mais foi en van. Chamou por teléfono á Ceca de Filadelfia coa esperanza de que existise unha lei lle prohibise, en tanto que persoa viva, aparecer nunha moeda, pero dixéronlle que non había ningunha normativa ao respecto. O senador declarou: «Esperaba que houbese unha vía de escape».[26] Segundo o investigador numismático Don Taxay no seu traballo sobre as moedas conmemorativas dos EEUU: «aínda que Glass era o home máis influente de Lynchburg e presidente honorario da Asociación do Sesquicentenario, deuse por vencido irremediablemente».[21]

O 28 de xullo, Mary Margaret O'Reilly, subdirectora da Casa da Moeda dos Estados Unidos, enviou os modelos en xeso de Keck á Comisión de Belas Artes, que os aprobou o día seguinte.[27] Moore escribiulle a Glass o día 31, predicindo que a representación do senador sería «aprobada tanto polos seus amigos como pola posteridade».[24] Os modelos de Keck enviáronse á compañía Medallic Art Company de Nova York, onde foron reducidos ao tamaño real das moedas e convertidos en matrices para elaborar os cuños da moeda.[28]

Sinatura de Carter Glass nun billete estadounidense, na súa etapa como secretario do Tesouro.

Xa que logo, o anverso do medio dólar do Sesquicentenario de Lynchburg, contén unha representación do senador Carter Glass,[1][2][3][29] o que o converte na terceira moeda estadounidense que reproduce a imaxe dunha persoa viva, e a primeira que amosa unha persoa soa, xa que as dúas anteriores —o medio dólar do Centenario de Alabama[30] (1921) e o medio dólar do Sesquicentenario dos EEUU (1926)[31]— representan bustos acaroados dunha persoa viva —un gobernador ou un presidente— cun predecesor falecido.[32] Glass tamén foi a primeira persoa en plasmar a súa sinatura no papel moeda estadounidense, durante o seu mandato como Secretario do Tesouro, e o seu retrato nunha moeda metálica.[11] Precisamente ao ter dirixido o Departamento do Tesouro, era coñecedor do costume de que as persoas vivas non aparecesen nas moedas estadounidenses, mais a excepción no seu caso non suscitou críticas desfavorables, xa que a poboación consideraba que era algo ben merecido.[33]

No reverso aparecen ao fondo ou vello edificio do Palacio de Xustiza de Lynchburg, así como ou Monumento aos Confederados.

O reverso do medio dólar amosa unha estatua da deusa Liberdade cos brazos estendidos en sinal de benvida. No fondo vese unha parte da explanada monumental da cidade, co antigo Palacio de Xustiza de Lynchburg e, ante el, o monumento confederado da cidade.[1][2][3][29][34]

Segundo Anthony Swiatek no seu volume de 2012 sobre as moedas conmemorativas, «a Confederación recibe un recoñecemento salientable nesta moeda».[35] En medio do debate sobre a retirada dos monumentos confederados nos Estados Unidos, formulouse a cuestión de se se debe desprazar esa estatua, situada alí en 1900, aínda que permanece no mesmo lugar.[36]

Valoracións críticas

[editar | editar a fonte]

O historiador da arte Cornelius Vermeule, no seu traballo acerca das moedas e as medallas conmemorativas dos Estados Unidos, considerou este medio dólar deseñado Keck como «unha combinación acertada pero non sorprendente de elementos conservadores», e describiu a figura da Liberdade do reverso como «unha Liberdade grecorromana, en realidade imperial grega, de fronte, colocada diante de puntos de referencia locais».[37]

Vermeule suxeriu tamén que as letras altas e finas do reverso indican que Keck estaba menos influído por Augustus Saint-Gaudens, con quen estudara, que polo gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Charles E. Barber, e polo seu sucesor no posto, George T. Morgan. Ademais, Vermeule vinculou a Liberdade de Keck coas moedas e as medallas deseñadas polos dous gravadores xefe, incluído o seu traballo en medallas para a Comisión de Ensaios. Chegou á conclusión de que «o estilo de Keck, tal como se manifesta no medio dólar do Sesquicentenario de Lynchburg, era unha lembranza das modas perpetuadas por Barber e Morgan».[38]

Distribución e coleccionismo

[editar | editar a fonte]

En setembro de 1936, a Ceca de Filadelfia cuñou 20.000 exemplares do medio dólar de Lynchburg, mais outros 13 extraordinarios que se conservarían para a súa inspección e comprobación na reunión anual de 1937 da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos. As novas moedas saíron ao mercado durante o auxe dos prezos das moedas conmemorativas e vendéronse doadamente a un prezo dun dólar por unidade. Había un límite de pedidos de 10 exemplares por persoa, para evitar a especulación, aínda que se podía renunciar a el se se manifestaba por escrito unha xustificación.[39]

Desde antes do seu lanzamento aceptáranse xa pedidos por adiantado, e o número de agosto de 1936 de The Numismatist —a revista da American Numismatic Society— contiña unha declaración da Asociación do Sesquicentenario de que se ata aquel momento se recibiran pedidos de 2.000 moedas.[40] Cando a cifra de moedas reservadas por adiantado chegou a 15.000, o resto retívose para lles dar aos residentes da cidade a oportunidade de compralas.[41] O 2 de setembro, McWane escribiu a un posible comprador de fóra do estado para lle comunicar que non se admitían máis reservas por estaren todas comprometidas.[42]

A data oficial de posta á venda da moedas foi o 21 de setembro.[39] Reserváranse algúns exemplares para a súa venda durante a celebración dos actos do sesquicentenario en Lynchburg entre o 12 e o 16 de outubro, onde foron adquiridos principalmente por residentes locais.[43]

Logo de se esgotar completamente a tiraxe, as moedas comezaron a aumentar o seu prezo no mercado numismático a partir de 1936, un aumento considerado como non condicionado, dada a súa ampla distribución entre a poboación, sen que se producisen acumulacións con fins especulativos. En 1940, o seu valor en condición de conservación "sen circular" era de dous dólares e en 1970 ascendera xa a 40 dólares. No momento álxido do seguinte auxe das moedas conmemorativas, en 1980, vendíanse por 550, e baixaron posteriormente ata os 375 dólares en 1985.[44] A edición de luxo do catálogo de Richard S. Yeoman A Guide Book of United States Coins, publicada en 2018, atribúelle a esta moeda entre 225 e 365 dólares, dependendo do seu estado de conservación.[45] No entanto, un exemplar nun estado de conservación e cunha beleza excepcionais acadou nunha poxa celebrada en 2008 o prezo récord de 4.830 dólares.[10]

  1. 1,0 1,1 1,2 "½ Dollar Lynchburg, Virginia Sesquicentennial". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 "1936 Lynchburg Sesquicentennial Half Dollar". Earlycommemorativecoins.com
  3. 3,0 3,1 3,2 "1936 Lynchburg Sesquicentennial Half Dollar". American Numismatic Association (Money.org).
  4. 4,0 4,1 "Lynchburg History: John Lynch". Lynchburgvirginia.org
  5. 5,0 5,1 Elson, J. M. (2004). Lynchburg, Virginia: The First Two Hundred Years 1786-1986. Warwick House Pub., Lynchburg. ISBN 978-1-890306-72-4
  6. Taxay, D. (1967). Páxina 212.
  7. Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 3-5.
  8. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 12-13.
  9. 9,0 9,1 Flynn, K. (2008). Páxina 355.
  10. 10,0 10,1 Flynn, K. (2008). Páxina 118.
  11. 11,0 11,1 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 144.
  12. Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 124-125.
  13. "Report of the Committee on Banking and Currency". En Congressional Record - Senate. 22 de abril de 1936. Páxina 5.830.
  14. "Senate Bills: S. 4448". History of Bills and Resolutions. 1936. Páxina 453.
  15. Authorize the Coinage of 50-cent Pieces in Commemoration of the One Hundred and Fiftieth Anniversary of the Issuance of the Charter to the City of Lynchburg, Va: Report (to Accompany S. 4448). U.S. Government Printing Office, 1936.
  16. "One Hundred and Fiftyth Anniversary of the Chartering of Lynchburg, Va.". En Congressional Record - Senate. 24 de abril de 1936. Páxina 6.067.
  17. "The City of Lynchburg, Va.". En Congressional Record - House. 22 de maio de 1936. Páxinas 7.774-7.775.
  18. Kewis, E. A. (1943). "Public - No. 625 - 74th Confress] [S. 4448]". En Laws Authorizing Issuance of Medals and Commemorative Coins. . Páxina 131. Government Printing Office, Washington.
  19. "Lynchburg, Virginia Sesquicentennial Commemorative Coin Legislation". United States Mint (Usmint.org).
  20. "Photograph album, 1901-1902, Virginia Constitutional Convention, Carter Glass". Virginia Museum of History & Culture (Museumcatalog.virginiahistory.org).
  21. 21,0 21,1 Taxay, D. (1967). Páxina 211.
  22. Taxay, D. (1967). Páxinas v-vi.
  23. Taxay, D. (1967). Páxinas 212, 214.
  24. 24,0 24,1 24,2 Taxay, D. (1967). Páxina 214.
  25. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 376.
  26. Swiatek, A. (2012). Páxina 351.
  27. Taxay, D. (1967). Páxina 216.
  28. Bullowa, D. M. (1938). Páxina 149.
  29. 29,0 29,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 375-376.
  30. "½ Dollar Alabama Centennial". Numista.com
  31. "½ Dollar Sesquicentennial of American Independence". Numista.com
  32. Swiatek, A. (2012). Páxina 251-152.
  33. Bullowa, D. M. (1938). Páxina 150.
  34. Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 24.
  35. Swiatek, A. (2012). Páxina 352.
  36. Louissaint, M. (2017). "Lynchburg City to Discuss Whether to Keep or Take Down Confederate Statue". En WSLS. 17 de agosto.
  37. Vermeule, C. (1971). Páxina 196.
  38. Vermeule, C. (1971). Páxinas 196-197.
  39. 39,0 39,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 26, 376.
  40. "The Lynchburg (Va.) Half Dollar". En The Numismatist. Agosto de 1936. Páxina 620.
  41. Horner, J. V. (1936). "The Lynchburg Half Dollar". En The Numismatist. Outubro. Páxina 828
  42. Swiatek, A. (2012). Páxinas 352, 354.
  43. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 376.
  44. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 376-377.
  45. Yeoman, R. S. (2018). Páxina 1.086.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]