Saltar ao contido

Cinco tribos civilizadas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Galería das cinco tribos civilizadas: Sequoyah (cherokee), Pushmataha (choctaw), Selocta (muskogee/creek), unha "faciana chickasaw" e Osceola (seminole). Os retratos foron pintados entre 1775 e 1850.

O termo "cinco tribos civilizadas" provén da era colonial e comezos do período federal na historia dos Estados Unidos de América. Fai referencia ás cinco nacións nativas americanas, os cherokees, os chickasaw, os choctaw, os muskogee e os seminole.[1] Estas eran as cinco primeiras tribos que os colonos anglo-europeos consideraron "civilizadas" segundo a súa visión propia do mundo, xa que estas cinco tribos adoptaron atributos da cultura colonizadora moi axiña,[2] como por exemplo, o cristianismo, gobernos centralizados, alfabetización, constitucións escritas, matrimonios con brancos e plantacións con escravos. As cinco tribos civilizadas tenderon a manter relacións políticas estables cos europeos.

A cultura do Mississippi foi unha cultura urbana de nativos americanos que floreceu no sur e no leste dos Estados Unidos antes da chegada dos europeos.

As tribos "civilizadas" eran uns pobos indíxenas de América que vivían no sueste dos Estados Unidos. A maioría son descendetes do que hoxe se coñece como cultura do Mississippi, unha cultura agrícola que cultivaba millo e fabas, con elites relixiosas e políticas hereditarias. Esta cultura agromou no medio oeste, no leste e no sueste entre os anos 800 e 1500. Antes do contacto cos europeos, estas tribos eran sociedades polo xeral matrilineais. A agricultura era a súa principal fonte económica. Gran parte das tribos vivían en vilas (algunhas poboadas por milleiros de persoas). Estas comunidades regulaban o seu espazo co trazado de rúas, subdivididas en zonas residencias e áreas públicas. O seu sistema de goberno era hereditario. Os seus dominios variaban de tamaño e complexidade, cun alto nivel de organización militar.[3]

George Washington e Henry Knox propuxeron unha axenda de transformación cultural na súa relación dos nativos americanos. Os cherokees e os choctaw adoptaron e apropiáronse de certos aspectos coloniais da federación de colonias. No tempo da Declaración de Independencia, a cultura dos Estados Unidos como nación estaba xurdindo con gran forza. Moitas das prácticas culturais adoptadas polas cinco tribos foron aquelas que eles atoparon como máis útiles.[4]

A comezos do século XIX, o goberno dos Estados Unidos iniciou un proceso de desprazamento das sociedades nativas que vivían ó leste do río Mississippi, incluíndo as cinco tribos, cara a terras ó oeste do río. Este desprazamento inicial supuxo a deportación dos indios dos Estados Unidos de América e forzou a un número significativo de membros das cinco tribos ó territorio indio e a outras partes do continente. Un número importante foi desprazado á área que sería coñecida no futuro como o estado de Oklahoma. No momento do seu traslado as tribos eran nacións en estado de suzeranía.

Rutas dos desprazamentos das cinco tribos cara ó territorio indio.

O desprazamento federalmente lexislado das tribos dende os seus fogares ancestrais no leste foi un proceso que levou varias décadas tamén coñecido como sendeiro das bágoas. O territorio ó que foron desprazados coñecíase naquela época como territorio indio, que se corresponde co actual leste de Oklahoma. A deportación máis infame foi a dos cherokees en 1838, cando o presidente Martin Van Buren fixo cumprir o controvertido Tratado de New Echota coa nación cherokee. Un punto de discordia con respecto ó tratado é se se tratou dun instrumento de desprazamento masivo en violación dos dereitos humanos sobre os cales se estabeleceu a nova república ou dun intercambio legal de territorios.

Durante a guerra civil estadounidense, os representantes das cinco tribos estaban enfrontadas. Os choctaw e os chickasaw loitaron a carón dos Confederados metres que os muskogee e os seminoles loitaron a prol da Unión. Por outra banda, os cherokees loitaron entre eles nunha guerra civil entre unha maioría a prol dos confederados e unha minoría a prounionista. Como elemento da reconstrución despois da guerra civil, os tratados da reconstrución foron asinados coas nacións indíxenas, que anteriomente asinaran tratados cos Estados Confederados de América. A guerra civil foi desastrosa para as tribos, xa que as tres primeiras batallas loitáronse en territorio indio.[5]

Unha vez que as tribos foron recolocadas no territorio indio, o goberno dos Estados Unidos prometeulles que esas terras estarían libres de colonos brancos. Algúns colonos violaron esa promesa con total impunidade, mesmo antes de 1893, cando o goberno abriu o "Cherokee Strip" para fixar asentamentos brancos no Oklahoma Land Run. En 1907, o territorio de Oklahoma e o territorio indio foi fusionado para crear o estado de Oklahoma. En comparación con outros estados, as cinco tribos teñen poboacións significativas en Oklahoma hoxe en día.

  1. Clinton, Fred S. Oklahoma Indian History, from The Tulsa World Arquivado 24 de agosto de 2017 en Wayback Machine.. The Indian School Journal, Volume 16, Number 4, 1915, page 175-187.
  2. Encyclopedia of Oklahoma History & Culture (ed.). "Five Civilized Tribes". Oklahoma Historical Society. Arquivado dende o orixinal o 28 de decembro de 2014. Consultado o 22 de xaneiro de 2015. 
  3. "The Native People of North America: Southeast Culture Area". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2012. Consultado o 27 de maio de 2012. 
  4. Perdue, Theda (2003). "Chapter 2 "Both White and Red"". Mixed Blood Indians: Racial Construction in the Early South. The University of Georgia Press. p. 51. ISBN 0-8203-2731-X. 
  5. "Muscogee (Creek) Nation". Muscogeenation-nsn.gov. Arquivado dende o orixinal o 08 de outubro de 2015. Consultado o 18 de outubro de 2015. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]