Ciudad de Vigo Básquet
KICS Ciudad de Vigo | |
Información xeral | |
---|---|
Liga | LEB Ouro (2009-10) |
Fundación | 2006 |
Desaparición | 2010 |
Cores | Vermello, branco |
Presidente | Pepe Conde |
Adestrador | Manuel Povea Molinero |
Patrocinador | KICS |
Localización | |
Cidade | Vigo, Galicia |
Pavillón | As Travesas |
Capacidade | 3 260 |
Inauguración | 1968 |
O Ciudad de Vigo Básquet, coñecido na súa última tempada de existencia como KICS Ciudad de Vigo, foi un club de baloncesto profesional da cidade de Vigo (Galicia). O club foi fundado en 2006 e en 2010 desapareceu por motivos económicos.[1] Ao longo da súa curta historia chegou a competir na Liga LEB Ouro, a segunda competición en importancia do baloncesto español, na súa derradeira tempada.
Os seus xogadores vestían un uniforme que consiste nunha camiseta cor vermella cun pantalón da mesma cor. A súa pista de xogo era o Pavillón das Travesas, que conta con capacidade para 3 260 espectadores.
Historia
[editar | editar a fonte]O Ciudad de Vigo Básquet naceu na tempada 2006-07 baixo o nome de Gestibérica, e competiu esa tempada na Liga LEB-2, contando cun amplo orzamento. Na súa primeira tempada, o equipo dirixido polo vigués Quino Salvo finalizou na 17ª posición, tan só por diante do Real Madrid "B", cun rexistro de 12 vitorias e 22 derrotas, o que condenou aos olívicos a disputar o play-off de descenso fronte ao CAI Huesca La Magia. Os vigueses comezaron perdendo os dous primeiros partidos en terras aragonesas (64-63 e 88-63) e forzaron o cuarto partido logo de impoñerse aos oscenses (76-65) no primeiro partido disputado en Vigo.[2][3][4] Finalmente, o Huesca gañou o cuarto partido da serie (56-68), conseguindo así a permanencia e mandando ao Vigo Básquet á cuarta categoría, a Liga LEB Bronce. Deste xeito o Ciudad de Vigo converteuse nun dos clubs fundadores desta nova categoría que tan só duraría dúas tempadas e na que permaneceu unha única tempada.[5][6]
Esta tempada na LEB Bronce foi unha das máis exitosas do club, que conseguiu o ascenso á terceira categoría e na que o Pavillón das Travesas esgotou as localidades en varios partidosc[5][6][7] O 16 de xullo de 2007 era presentado como novo técnico do conxunto olívico o lugués Tito Díaz co obxectivo de manter ao equipo na zona alta da clasificación.[8] Esa mesma tempada, a 2007-08, a cidade de Vigo acolleu a Copa LEB Bronce, na que o daquela Gestibérica de Vigo non puido pasar das semifinais logo de perder fronte o Ciudad Torrealta de Molina de Segura (59-61).[9]
De volta na LEB Prata, o club decidiu prescindir dos servizos de Tito Díaz e ofreceulle o posto de adestrador a Miguel Ángel Ortega, principal valedor de Díaz e secretario técnico do club durante a tempada en LEB Bronce. Con todo, Ortega decidiu desvincularse por completo do club por motivos persoais, poñendo así fin a dous anos de relación co club vigués.[10] Finalmente o substituto de Díaz foi Manolo Povea.[11] Na liga o equipo conseguiu clasificarse para os play-offs de ascenso á Liga LEB Ouro, a segunda categoría por detrás da Liga ACB. Con todo, a pesar dos éxitos deportivos, o club encontrou problemas financeiros que levaron ao cadro de xogadores á folga logo de varios meses sen cobrar. Nese momento tanto os xogadores como o equipo técnico executaron o aval federativo, o que levou ao club a unha situación crítica.[6]
A pesar de todo, no verán de 2009 e logo de numerosas xestións e aprazamentos, o club conseguiu unha praza na Liga LEB Ouro grazas a un aval. A situación da tempada anterior repetiuse e os xogadores tan só cobraron a primeira mensualidade, para finalmente descender a falta de cinco xornadas para a finalización da liga regular cun rexistro de 6 vitorias e 28 derrotas, nunha tempada na que a asistencia ás Travesas foi diminuíndo. Finalmente a directiva do Ciudad de Vigo disolveu o club.[6][7]
Pavillón
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Complexo Deportivo das Travesas.
O Ciudad de Vigo Básquet xogaba os seus encontros como local no Pavillón de As Travesas, un Pavillón construído en 1968 e remodelado en 1999, con capacidade para 3 260 espectadores.[12] Á parte do Ciudad de Vigo, tamén xogaba no recinto o Real Club Celta Baloncesto, equipo de baloncesto feminino da cidade, e a Sociedad Deportiva Octavio, equipo de balonmán masculino.
O Pavillón atópase situado na Avda. de Castrelos, na parroquia de Freixeiro. O complexo conta con pistas cubertas e exteriores, así como un campo de herba sintética.[12]
Nome
[editar | editar a fonte]- Gestibérica Ciudad de Vigo (2006-2009)
- KICS Ciudad de Vigo (2009-10)
Historial
[editar | editar a fonte]Tempada | División | Pos. | Postempada | Copa |
---|---|---|---|---|
2006–07 | LEB-2 | 17 | Descenso | – |
2007–08 | LEB Bronce | 1 | Ascenso | – |
2008–09 | LEB Prata | 7 | Ascenso | – |
2009–10 | LEB Ouro | 18 | Descenso | – |
Adestradores
[editar | editar a fonte]- Quino Salvo (2006-07)
- Tito Díaz (2007-08)
Palmarés
[editar | editar a fonte]- 1 LEB Bronce: 2008
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Romero Castillo, Pablo (8 de xullo de 2010). "Dos de cal y dos de arena: Crónica de una muerte anunciada en Vigo y Huelva mientras que Tarragona salva el oro y Basket Mérida irrumpe en Plata" (en castelán). solobasket.com. Consultado o 3 de setembro de 2019.
- ↑ de Lucas, Chema (27 de xuño de 2007). "Quino Salvo dirigirá a Provincia de Palencia" (en castelán). solobasket.com. Consultado o 4 de setembro de 2019.
- ↑ "Clasificación" (en castelán). Federación Española de Baloncesto. Consultado o 4 de setembro de 2019.
- ↑ "La Laguna y Rosalía son los primeros semifinalistas de la Adecco LEB2" (en castelán). Federación Española de Baloncesto. 10 de maio de 2007. Consultado o 4 de setembro de 2019.
- ↑ 5,0 5,1 "LEB 2 2006/2007. Series. FINAL. CAI HUESCA LA MAGIA - GESTIBERICA VIGO" (en castelán). Federación Española de Baloncesto. Consultado o 4 de setembro de 2019.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 "El Ciudad de Vigo echa el cierre". atlantico.net (en castelán). 10 de xullo de 2010. Consultado o 3 de setembro de 2019.
- ↑ 7,0 7,1 Clausín, Luis (29 de novembro de 2013). "¿Qué fue de los fundadores de la LEB Bronce?". muevetebasket.es (en castelán). Consultado o 3 de setembro de 2019.
- ↑ Rodríguez, Raúl (17 de xullo de 2007). "Tito Díaz: "Estoy seguro de que el Gestibérica estará arriba"". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 3 de setembro de 2019.
- ↑ "Copa Adecco Bronce 1/2 final" (en castelán). Federación Española de Baloncesto. Consultado o 3 de setembro de 2019.
- ↑ "Ortega renuncia a entrenar y abandona el Gestibérica". La Voz de Galicia (en castelán). 35 de maio de 2008. Consultado o 3 de setembro de 2019.
- ↑ "Plantilla y pretemporada del Gestibérica Vigo 08/09" (en castelán). Federación Española de Baloncesto. 17 de setembro de 2008. Consultado o 3 de setembro de 2019.
- ↑ 12,0 12,1 "Complexo Deportivo Travesas". Concello de Vigo. Consultado o 4 de setembro de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Información do equipo en feb.es (en castelán)