Club Montañeiros Celtas
Club Montañeiros Celtas | |
---|---|
Tipo | asociación deportiva |
Data de fundación | 1942 |
Sede | Vigo |
País | Galicia |
Na rede | |
https://www.celtas.gal/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Club Montañeiros Celtas é unha asociación deportiva con sede en Vigo e sen ánimo de lucro adicada ao montañismo e outras actividades relacionadas coa natureza como o alpinismo, sendeirismo, trekking, escalada, esquí alpino, de montaña e de fondo, espeleoloxía, descenso de canóns, bicicleta de montaña, submarinismo e actividades subacuáticas, piragüismo, orientación etc. Fundado no ano 1942, fomenta tamén a participación dos seus membros e de todos aqueles que se acheguen ao club en excursións, travesías, campionatos, concursos, exposicións relacionadas co deporte e o medio natural, tendo como unha das principais metas a contemplación e coidado da natureza.
Fins do club
[editar | editar a fonte]Segundo os seus actuais estatutos, aprobados o 21 de maio do 2004, o Club Montañeiros Celtas terá os seguintes obxectivos:
- Fomentar a práctica de deportes ou actividades de montaña en todas as súas modalidades.
- Organizar actividades como campamentos, cursos, charlas, exploracións, expedicións, campionatos etc.
- Favorecer o coidado e a protección do medio natural mediante diversas actividades como conferencias, exposicións, concursos, proxeccións audiovisuais, recuperación de sendeiros, plantación de árbores, edición de distintas publicacións: mapas, guías de montaña, revistas e boletíns informativos etc.
- Traballar e colaborar en actividades ecolóxicas e de protección e conservación do medio natural, especialmente nas relacionadas coa montaña e a súa contorna.
- Fomentar e colaborar nas actividades científicas, xeográficas, meteorolóxicas, arqueolóxicas, etnográficas, artísticas e outras, relacionadas coa montaña e a súa contorna, así como da flora e fauna.
- Promover actividades especialmente adicadas a xente nova e tamén ás persoas maiores.
- Implicarse na defensa do acceso libre as zonas naturais en xeral e en especial as zonas de montaña sen mais limitacións que as propias da conservación destes territorios.
Historia
[editar | editar a fonte]O club xurdiu o 2 de febreiro de 1942 trala fusión do Centro Excursionista de Galicia (fundado en 1936) e a Peña Excursionista Viguesa (fundada en 1938) sendo en principio unha sección do Real Club Celta que máis tarde acadaría a súa independencia. O nome definitivo de Club Montañeiros Celtas figura dende o 24 de outubro de 1952. Os membros do club, ao longo da súa de existencia, teñen percorrido todo o noso planeta acadando importantes metas deportivas nos cumios dos cinco continentes.
Méritos e galardóns
[editar | editar a fonte]A traxectoria ao longo de todos estes anos mereceu o recoñecemento dos máximos organismos deportivos de España e da Comunidade Autónoma Galega, entre os que cabe destacar:
- A Medalla ao Mérito Montañeiro nas súas distintas categorías
- A Medalla ao Mérito Deportivo do Consello Superior de Deportes sendo encadrados como Membros de Honor no Grupo Nacional de Alta Montaña.
- Diploma de Honra pola Agrupación Nacional de Periodistas Deportivos, pola súa labor de promoción e éxitos logrados no deporte alpino.
- O trofeo "Julián Delgado Úbeda" , máxima distinción do deporte alpino español instituído para premiar á entidade que mellor e máis destacada actividade realice durante o ano en montaña, sendo Montañeiros Celtas a terceira Sociedade que logra acadar tal distinción.
Actividades destacadas
[editar | editar a fonte]Dentro do enorme número de actividades desenvolvidas por este club cabería salientar a chamada Operación Benxamín. Esta actividade, creada hai 25 anos polo membro do club Roxelio Pereira, que máis tarde chegaría a ser Presidente da Federación Galega, serviu para achegar aos rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos ao montañismo, e segue a desenvolverse na actualidade.
Instalacións e servizos do club
[editar | editar a fonte]A sociedade ten o seu local social na Avenida das Camelias de Vigo. Nel poden desenvolverse conferencias e proxeccións, unha biblioteca, un rocódromo, unha secretaría, un almacen de material deportivo etc.
O club tamén ten tres refuxios de montaña no monte Aloia, no monte Galiñeiro e mais en Domaio.