Concello de Canedo
Concello de Canedo | |
---|---|
Tipo | antigo concello de España |
Data de fundación | 1836 |
Data de disolución | 15 de outubro de 1943 |
En | provincia de Ourense |
País | Galicia |
[ editar datos en Wikidata ] |

Canedo foi un antigo concello de Galicia que funcionou como unidade administrativa entre 1836 e 1943.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Canedo era un concello limítrofe co de Ourense; o linde entre ambos era o río Miño, con Canedo situado na marxe dereita (ao norte) e Ourense na esquerda (ao sur). Comprendía nove parroquias: Arrabaldo, Beiro, Canedo, Cudeiro, O Castro de Beiro, Palmés, Santiago das Caldas, Untes e Vilar de Astrés.
A capital era a entidade de poboación que se coñecía como Ponte Canedo, na parroquia de Santiago das Caldas.
Historia
[editar | editar a fonte]A mediados do século XIX, coa inauguración da estrada de Vigo en 1863 e a de Santiago en 1870, a localidade de Ponte Maior e os diversos lugares das Caldas desenvolveron unha grande actividade económica e un novo tecido urbanístico. O feito de ser Canedo un concello que deixaba libre tránsito de mercadorías facilitou que a vila que existía ao pé da ponte Vella comezase a medrar. A competencia co comercio da capital motivou que xa en 1865 se intentase, sen éxito desa feita, a anexión ao concello de Ourense.
Cando se inaugurou o ferrocarril, o Goberno decidiu construír a estación de Ourense na localidade da Ponte, no concello de Canedo. Ao redor da estación fóronse establecendo comerciantes, hospedaxes e casas de comidas, axencias de transportes, talleres, pequenas industrias, mestres de obras e artesáns, servizos etc. Nas inmediacións da estación na madrugada do 1 de xullo de 1934 un grupo de mozos da Xuventude Católica, entre os que se atopaban José Miranda Cabo, Ricardo Taboada Salgado e Luís Gómez Andero, sufriu un atentado por arma de fogo[1], resultando na morte do primero uns meses despois[2]. Por este crime foi detido e sometido a sumario o veciño natural de As Neves José Villar Lafuente, militante do Partido Comunista de España (PCE)[3]. O suceso foi considerado pola prensa da época como o primeiro crime de carácter político que se producía na cidade (aínda que Canedo non formaba parte formalmente do concello de Ourense) nos anos da Segunda República[4].
Os comerciantes e políticos de Ourense retomaron a idea da anexión. En 1926 formouse unha comisión mixta Ourense-Canedo para fixar as bases dunha posible fusión, pero un levantamento popular fixo que se esquecese o tema. Ao rematar a guerra, en 1940, impúxose a anexión, que pasou por diversos avatares e foi derrogada. Finalmente, coa intervención do gobernador civil, acabou por materializarse en 1943.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Bárbara agresión contra unos jóvenes católicos". Galicia: diario de la mañana. 3 de xullo de 1934. Consultado o 06/03/2025.
- ↑ "El joven José Miranda Cabo ha fallecido el día de ayer en su casa de Parada de Amoeiro a los 17 años de edad después de recibir los santos sacramentos". Galicia: diario de la mañana (1277). 11 de outubro de 1934. Consultado o 06/03/2025.
- ↑ "Expediente de responsabilidades políticas de Secundino Fernández Gómez, Armando Fernández González, Miguel Formigo Vázquez, Ceferino Fuentes Pérez, Cástor Gómez Pérez, José Guede Franco, Ramón Iglesias Mar, Alfonso Gayoso Frías, Julio Navares Castro e José Villar Lafuente.". Galiciana. Arquivo dixital de Galicia. Consultado o 06/03/2025.
- ↑ "Ante ese crimen". La Región. 3 de xullo de 1934. Consultado o 06/03/2025.
- ↑ "Canedo foi un Concello independente na provincia de Ourense". canedo.eu. Consultado o 2021-04-11.