Consello da Avogacía Galega
Consello da Avogacía Galega | |
---|---|
Tipo | colexio profesional |
Campo de traballo | dereito |
Data de fundación | 1993 |
Localización | |
Enderezo | Rúa Federico Tapia, 11, 1ºA 15005 |
En | A Coruña |
País | Galicia |
43°21′51″N 8°24′23″O / 43.364097650068, -8.4063011241728 | |
Na rede | |
https://avogacia.gal/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Consello da Avogacía Galega (CAG) é o órgano que aglutina e coordina os colexios da avogacía de Galicia. A el pertencen os colexios da avogacía da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago e Vigo. Ten as mesmas competencias ca o Consello Xeral da Avogacía Española en tanto se refiran unicamente á Comunidade Autónoma de Galicia. Entre elas, a representación da profesión, o exercicio da potestade disciplinaria e o control deontolóxico dos membros da profesión e a formación continua dos profesionais da avogacía.
Creación e traxectoria
[editar | editar a fonte]Esta Corporación de Dereito Público foi creada por Decreto 130/1993, de 3 de xuño de 1993, da Xunta de Galicia, pola que se aprobaron os seus estatutos. Aglutina, polo tanto, uns 13 500 profesionais, dos que case que 7000 son avogados/as en exercicio.
A sede do Consello da Avogacía Galega está situada na cidade da Coruña, por ser o lugar onde ten á súa sede o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Organización e estrutura
[editar | editar a fonte]O Consello está dirixido por un pleno, ao que pertencen os decanos e decanas dos sete colexios da avogacía galegos. De entre eles, designan a un Presidente. Conta ademais cunha secretaría técnica e diversas comisións para o desenvolvemento dos seus fins.
Foron Presidentes do CAG:
- José Seoane Iglesias (Decano de Ilustre Colexio da Avogacía de Ferrol)
- Alfonso Álvarez Gándara (Decano do ICA de Vigo)
- Javier Álvarez-Santullano Pino (Decano do ICA Santiago)
- Miguel González Trigás (Decano do ICA de Ourense)
- José Antonio López Graña (Decano do ICA de Lugo)
- Jesús Varela Fraga (Decano do ICA da Coruña)
- Eloy Artime Cot (Decano do ICA de Pontevedra)
- Antonio Platas Tasende (Decano do ICA da Coruña)
- Nieves Santomé Couto (Decana do Ilustre Colexio da Avogacía de Ferrol).
- Evaristo Nogueira Pol (Decano do Ilustre Colexio da Avogacía de Santiago).[1]
- Félix Mondelo Santos (Decano do ICA de Lugo)
- Ramón Jáudenes López de Castro (Decano do ICA de Pontevedra)
- Pilar López-Guerrero Vázquez , Decana do Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense
- Lourdes Carballo Fidalgo, Decana do Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo
- Augusto José Pérez-Cepeda Vila, Decano do Ilustre Colexio de Avogados da Coruña
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- No ano 2008, a Fundación Lois Peña Novo outorgou ao Consello o seu Premio "pola transcendencia dun labor corporativo eficazmente planificado de cara á extensión e mellora do uso do galego en tódolos ámbitos da administración de xustiza, así como en cada sector institucionalmente relacionado coa avogacía"[2]
- No ano 2020, o Goberno de España, por solicitude da Delegación do Goberno en Galicia, entregou o Premio Meninas 2020 a Consello da Avogacía Galega, polo labor da avogacía de oficio de Galicia na defensa das mulleres vítimas de violencia de xénero.[3]
Actividades
[editar | editar a fonte]Ademais das funcións tradicionais de natureza administrativa, como a tramitación e resolución de recursos en materia deontolóxica e as relacións con outras institucións e administracións, o Consello da Avogacía Galega na actualidade dedica esforzos no ámbito da formación dos avogados e avogadas de Galicia, mediante o establecemento dun programa en materias do exercicio profesional coma mediación, dereito de estranxeiría, procedemento penal do menor, violencia sobre a muller, deontoloxía profesional, etc.
Ademais o Consello da Avogacía Galega apoiou desde 2006 a consecución do dominio para a cultura e lingua galega en Internet .gal, formando parte do órgano de goberno da entidade promotora, a Asociación Puntogal na actualidade.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Melchor, Xurxo (13-4-2016). "«La Justicia necesita más jueces, y leyes con más sentido común»". lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 15-10-2019.
- ↑ "Galeguizar Galicia". www.galeguizargalicia.com. 24/06/2004. Consultado o 2023-12-30.
- ↑ "istado de reconocimientos". mpt.gob.es/ (en castelán). 2020. Consultado o 31 de decembro de 2023.