Conversa:Ganso de papo rubio
Nome galego da especie
[editar a fonte]O nome galego elixido na Galipedia para a especie Branta ruficollis merece algúns comentarios. Seguramente está tirado da Guía das aves de Galicia de Penas Patiño et al. (A Coruña, Bahia Edicións, 1991), que foi o único sitio onde o vin. Penas Patiño, ao que non coñezo persoalmente pero que admiro fondamente polo seu labor a prol da ciencia zoolóxica galega, especialmente a ornitolóxica, tanto nas súas guías, como noutras publicacións, e na SGHN, na miña modesta opinión, ás veces non acerta en inventar nomes comúns de aves galegas (de feito, xa tivo que recitificar algúns dos que establecera na pioneira Guía homónima, editada por Galaxia en 1980, a causa das críticas dalgúns colegas). Os problemas entán no apelido, "paporrubio", xa que, desde logo, eu non son partidario de chamar ás especies do xénero Branta con nomes diferenciados aos das especies de Anser (os gansos propiamenrte ditos), e que son tan semllantes en tamaño e forma que están integrados na mesma subfamilia, a dos anserinos (mesmo en galego chamamos ganso ao ganso de Exipto, que pertence á subfamiia dos tadorninos). Polo tanto, non son partidario de que se lle chama barnacla, como en castelán, ou bernache, como en francés, ambos os dous calcos do inglés bernacle, do inglés medio bernakylle, alteración de bernake, voz de orixe celta (Cf. galés bernic, gaélico medio bairnech), que é o nome que se lles dá nestas linguas aos percebes!!! e si, en cambio, de chamarlles ganso (ou voz correspondente), como fan case todos os idiomas modernos.
O problema, repito, está no apelido. Por un lado, a nosa Academia non é moi partidaria de termos compostos do tipo *aliazul (cerceta aliazul), *branquiazul (o Deportivo), *branquiverde (o Betis), *rabilongo (pato rabilongo), etc., agás nalgunhas poucas voces patrimoniais (nunca en neoloxismos), como, por exemplo, paporroibo ou paporrubio. Pero este paporrubio no é un cualificativo que se aplique á cor do papo de certas aves, senón que é un nome común, o nome dun paxaro moi frecuente en Galicia, a especie Erithacus rubecula, paxariño que ten, efectivamente, o papo (e máis a parte inferior da cara, desde os ollos) de cor roiba ou rubia (parecida á da capa das vacas da raza rubia galega). Pero o noso ganso non ten só o papo (e parte das meixelas) de cor rubia (máis ben roxa ou ferruxenta). Polo tanto quizais fose máis adecuado, tendo en conta o nome específico latino, ruficollis (de rufus, roxo, de pelo vermello, e collum, colo, pescozo), denominalo ganso de pescozo roxo, en harmonía, ademais, con moitas outras linguas. Cf.:
- castelán: barnacla cuellirroja
- catalán: oca de coll roig
- francés: bernache à cou roux
- inglés: red-breasted goose (este é un ganso, non unha barnacle)
- italiano: oca collorosso
- neerlandés: roodhalsgans
Que vos parece? --XoioÉche o que hai 5 de xullo de 2013 ás 11:31 (UTC)