Saltar ao contido

Coroa de Fiume

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para outras moedas coa denominación de "coroa", véxase a páxina de homónimos Coroa (moeda).
Coroa de Fiume †
Corona fiumana en italiano
Ámbito: Estado Libre de Fiume
Fracción:
Billetes:1, 2, 10, 20, 25, 50, 100, 200, 1.000 e 10.000 coroas.
Emisor:Consello Nacional Italiano de Fiume.

A coroa de Fiume (en italiano: Corona Fiumana; en croata: Riječka kruna; en húngaro: Fiume korona), abreviado Cor. ou FIUK, foi a moeda oficial do Estado Libre de Fiume entre abril de 1919 e setembro de 1920.

Logo do colapso do Imperio Austrohúngaro, o Banco Austrohúngaro, administrado conxuntamente por Austria e Hungría, continuou a emitir billetes de coroa austrohúngara, que seguía a ser a moeda común de Austria, Hungría e Checoslovaquia, e que circulaba tamén en territorios que formaban parte doutros estados. No entanto, a partir de 1919, os novos estados comezaron a crear os seus propios sistemas monetarios nacionais.[1]

A coroa de Fiume

[editar | editar a fonte]

O 18 de abril de 1919, o Consello Nacional Italiano de Fiume, que era a entidade que exercía a autoridade na cidade, introduciu a denominada "coroa de Fiume", cuxa especie física consistiu no reselo dos billetes da coroa austrohúngara, que circulara ata a data naquel territorio.[2] Estes reselos eran de dous tipos: o escudo de armas de Savoia e a inscrición CITTA DI FIUME.[3][4][5]

Billete de 10 coroas de Fiume

Logo da ocupación levada a cabo en setembro de 1919 polo poeta e político italiano Gabriele D'Annunzio con preto dun cento de lexionarios italianos[6][7], selouse unha nova serie de billetes en nome do Instituto de Crédito do Consello Nacional (Istituto di Credito del Consiglio Nazionale) segundo se dispuxo nun decreto do 6 de outubro.[2] O reselo, nesta ocasión, era rectangular, de 45x60 mm, coa lenda CITTA DI FIUME. ISTITUTO DI CREDITO DEL CONSIGLIO NAZIONALE.[3][4][5][8]

A coroa de Fiume foi a moeda oficial da cidade ata o 26 de setembro de 1920, cando, por un decreto do xeneral Amantea, comandante das tropas italianas en Fiume, se introduciu a lira italiana como moeda oficial do territorio.[2]

A coroa seguiu a circular ata a anexión da cidade a Italia en febreiro de 1924. O Real decreto 235 do 24 de febreiro de 1924 fixou a data concreta da conversión no 30 de abril dese mesmo ano,cunha taxa de cambio de 0,40 liras italianas por cada coroa de Fiume.[9]

Tipos de cambio

[editar | editar a fonte]

En novembro de 1919, unha coroa de Fiume equivalía a tres coroas do Estado dos Eslovenos, Croatas e Serbios, e a 0,40 liras italianas. No entanto, no mercado negro, o cambio real situábase nas 0,21 liras italianas.[10]

  1. Травин Д., Маргания О. (2004). Европейская модернизация. — Глава 4. «Австро-Венгрия: Развод по Габсбургскому счёту». Терра Фантастика. Moscova.
  2. 2,0 2,1 2,2 Dobrinić, J. (2005). Riječka numizmatika - Riječki novci i novci s riječkim obilježjima 1848.-2002. Muzej grada Rijeke. Páxinas 74-79. ISBN 9536587270
  3. 3,0 3,1 Rádóczy G. (1984). A legújabb kori magyar pénzek (1892-1981). Budapest. Corvina, Páxina 216. ISBN 963-13-1528-2
  4. 4,0 4,1 Emoroso, O. (2015). "Il caos valutario del periodo interalleato: dalla corona ungherese a quella fiumana". En FiumeFil. 29 de outubro.
  5. 5,0 5,1 "Fiume Rijeka banknotes". World Paper Money Catalog and History (ATSnotes.com).
  6. Parlato, G. (2000). La sinistra fascista. Storia di un progetto mancato. Boloña. Il Mulino. Páxina 88. ISBN 978-8815127051
  7. "L’“impresa di Fiume”". En Post. 16 de marzo de 2014.
  8. Emoroso, O. (2017). "La riforma monetaria del periodo dannunziano a Fiume". En FiumeFil. 17 de novembro.
  9. Sirsen, G. (1984). "Fiume e la numismatica". En Fiume. 7. Páxina 84.
  10. Matejčić, R. (1963). "Krune "Citta di Fiume" i problem valute u Rijeci od godine 1918-1924". En Numizmatičke vijesti. Nº20.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]