Costa dos Esqueletos
Tipo | Costa | |||
---|---|---|---|---|
Epónimo | esqueleto | |||
Localización | ||||
División administrativa | Namibia | |||
| ||||
Bañado por | Océano Atlántico | |||
Comparte fronteira con | Kaokoland (pt) | |||
Composto por | ||||
Características | ||||
Altitude | 159 m | |||
Categoría IV da UICN: área de xestión de hábitat e especies | ||||
World Database on Protected Areas | ||||
Identificador | 1361 | |||
A costa dos Esqueletos (en alemán Skelettküste, en inglés Skeleton Coast) é un treito da costa occidental de África que se localiza no norte de Namibia,[1] onde a chegada da corrente fría de Benguela produce densas néboas oceánicas durante a maior parte do ano, que constitúen a única fonte de humidade do ecosistema.
Natureza da costa
[editar | editar a fonte]A característica básica desta costa reside no feito de que o deserto do Namib chega até o océano Atlántico. Os ventos sopran desde o interior do continente cara ao mar, polo que cae moi pouca chuvia (as precipitacións raramente superan os 10 mm anuais), e o clima é sumamente inhóspito. Por outro lado, hai unha constante e intensa ondada nas praias.
Nos días en que se usaban botes a remo era posíbel desembarcar atravesando a marea, pero imposíbel volver a levar áncoras. A única forma de saír do sitio era camiñar centos de quilómetros a través do árido deserto. Isto, e os numerosos restos de barcos naufragados que poden acharse ao longo da costa, consecuencia da néboa, os ventos e o forte ondada (un dos últimos naufraxios ocorreu o 22 de marzo de 2018, cando un barco pesqueiro xaponés afundiu preto da baía de Durissa, ao sur da desembocadura do río Ugab, a uns 200 km de Walvis Bay, a 2 km das praias da Costa dos Esqueletos),[2] a gran cantidade de osos de baleas e de focas dispersos polas súas praias, deron a esta zona o seu macabro nome.
O relevo é xeralmente baixo, ocasionalmente interrompido por rochas emerxentes. A zona sur está formada por planicies de grava, mentres que ao norte de Terrace Bay a paisaxe está dominada por altas dunas.
A baía de Skeleton é agora coñecida como un excelente lugar para practicar o surf nas súas praias.[3]
Parque Nacional
[editar | editar a fonte]Namibia declarou unha zona de 16 000 km² como Parque Nacional, desde a desembocadura do río Ugab, no sur, até o río Cunene no norte. A parte norte do Parque está declarada como área intanxíbel. Entre os puntos destacábeis desta zona encóntranse os castelos de arxila dos Hoarisib, a montaña de Ágata (Agate Mountain), salinas, e unha gran colonia de pinnípedes no cabo Fria.
No Parque Natural non existen os grandes mamíferos, que fan célebres outras zonas da África. A vida animal esta composta, sobre todo, por aves mariñas, a colonia de focas do cabo Cross e innumerábeis especies de insectos, como os escaravellos tenebriónidos. Porén, hai tamén pequenas poboacións de órices e Antidorcas marsupialis (que raramente beben) e de leóns e hienas, de hábitos alimentarios necrófagos.
A vexetación, case inexistente debido á baixa humidade, está composta por diversas especies de arbustos halófilos e plantas herbáceas. Non existe ningunha árbore ao longo dos mais de mil quilómetros de costa. O principal atractivo biolóxico da Costa dos Esqueletos son os liques, que aparecen en grande abundancia e diversidade.
A costa foi obxecto de numerosos documentais sobre a vida salvaxe, en particular sobre a adaptación á aridez extrema, como un da National Geographic de 1965, "Survivors of the Skeleton Coast".[4]
Moitas das plantas (como a extremadamente lonxeva Welwitschia mirabilis) e insectos do sistema de dunas de area dependen da humidade das mestas néboas marítimas que cobren a costa e dos detritos comestíbeis traídos desde o interior polo vento. A adaptación dos paxaros estudouse desde o punto de vista da súa capacidade de termorregulación, estratexias de cría, nomadismo e da súa adaptación cromática.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "The Shipwrecks of Skeleton Coast, Namibia".
- ↑ Donald Matthys: Japanese fishing vessel stuck near Walvis Bay The Economist, 5 de abril de 2018.
- ↑ Skeleton Bay the miracle mile Arquivado 22 de decembro de 2015 en Wayback Machine. (vídeo).
- ↑ Survivors of the Skeleton Coast.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Costa dos Esqueletos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Amy Schoeman (2011): Skeleton Coast. Windhoek: Venture Publications. ISBN 978-1-8691-9424-6.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- La Costa de los Esqueletos en ocholeguas.com (en castelán).
- Skeleton Coast Park (en inglés).
- Animals of the Skeleton Coast (en inglés).