Saltar ao contido

Crisoclóridos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Crisoclóridos
Chrysochloridae
Toupas douradas

Rango fósil: mioceno temperán - actualidade [1]

Chrysospalax trevelyani
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Infraclase: Placentalia
Superorde: Afrotheria
Orde: Afrosoricida
Suborde: Chrysochloridea
Broom, 1915
Familia: Chrysochloridae
Gray, 1825
Xéneros e Especies
Véxase o texto

A dos crisoclóridos (Chrysochloridae) é unha familia de mamíferos placentarios afrosorícidos,[2] a única da suborde dos crisoclorideos (Chrysochloridea).[3]

Trátase de pequenos insectívoros escavadores que, debido ao seu comportamento subterráneo e da súa discreción, pasaron despercibidos durante moito tempo para os zoólogos.

Actualmente coñécense unha vintena de especies que habitan no sur de África incuídos os desertos de Namibia e do Kalahari, e que son coñecidas vulgarmente na bibliografía internacional como toupas douradas.[4]

Porén, taxonomicamente son distintos das auténticas toupas,[5] ás que se asemellan debido a un fenómeno de converxencia evolutiva.

Por outra parte, as toupas douradas presentan unha notábel semellanza coas toupas marsupiais de Australia, tan importante que, a pesar da separación marsupial-placentario, antigamente se cría que estaban relacionados. Esta semellanza posibelmente é debida a que os crisoclóridos son placentarios moi primitivos e a que teñen hábitos similares aos dos notorictemorfos.

Características

[editar | editar a fonte]

As toupas douradas viven case todo o tempo exclusivamente baixo terra, en praderías, estepas, bosques, zonas pantanosa, desertos, ou terreos montañosos. Como varios outros mamíferos escavadores con hábitos similares, teñen as patas curtas, con garras potentes, a pelaxe moi mesta, que repele a sucidade e a humidade, e a pel endurecida, especialmente na cabeza. Os seus ollos non son funcionais e están cubertos pola pel, e as orellas son só pequenas aberturas; como as toupas marsupiais, teñen unha ampla almofada de coiro para protexer as fosas nasais. O seu principal sentido é o do tacto, e son particularmente sensíbeis ás vibracións que poden indicar un perigo inminente.[6]

O seu tamaño oscila entre os 8 e os 20 cm. Teñen os ombros moi musculados e tres garras para escavar nas patas dianteiras; non teñen quinto dedo, e o primeiro e o cuarto son vestixiais. Os pés traseiros conservan os cinco dedos e son palmados, para facilitaren a operación de padexar eficazmente a terra escavada coas garras dianterias. Aliméntanse de pequenos insectos, que encontran co sentido do oído. A tuopa dourada de Grant (Eremitalpa granti) pode percorrer 6 km cada noite buscando comida.[7]

Mentres que as especies que viven nos desertos simplemente 'nadan' a través da area solta, as outras constrúen tobos permanentes. Estes tobos son relativamente complexos na súa forma, e poden chegar até un metro baixo terra. Teñen cámaras profundas para as escacións e outras que usan como latrinas. A terra escavada é empuxada cara a arriba, e forman na superficie as típicas toupeiras. En zonas de clima extremadamente cálido, cando vai moita calor a toupa dourada de Grant refúxiase a profundidades duns 50 cm, e pode entrar nun estado de dormencia para conservar a enerxía.[7]

As femias paren dunha a tres crías, que nacen sen pelo nun niño forrado de herba dentro do tobo. A reprodución pode producirse durante todo o ano. Os adultos son solitarios, e defenden agresivamente o seu territorio e o seu tobo dos intrusos, especialmente onde os recursos son relativamente escasos.[6]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descricións dos taxons

[editar | editar a fonte]
Suborde

A suborde dos Chrysochloridea foi fundada en 1915 polo médico e paleontólogo surafricano, nado en Escocia, Robert Broom. En 1993 MacPhee e Novacek erixiron a suborde Chrysochloromorpha para as toupas douradas, pero segundo os criterios establecidos por Simpson en 1945,[8] para os principios nomenclaturais para categorías por riba de superfamilias, Chrysochloridea é o sinónimo sénior.[3]

Familia

En canto á única familia desa suborde, a dos Chrysochloridae, fora descrita en 1825 polo naturalista inglés John Edward Gray, en Ann. Philos., n.s., 10: 335.[2]

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]
Nomes científicos

Os nomes científicos, tanto Chrysochloridea como Chrysochloridae están formados sobre a base da raíz do nome do seu xénero tipo, Chrysochloris, coa adición das desinencias do latín científico -idea e ´-idae, respectivamente, amabas as dúas derivadas do grego antigo -ίδες -ídes, de είδοσ eídos, "aparencia" "aspecto".

Pola súa parte, o nome Chrysochloris está formado polos elementos chryso-, calco do correrpondente do grego antigo χρυσο- chryso-, de χρυσός chrysós, "ouro" e -chloris, adaptación do grego χλωρός chlōrós, "de cor verde amarelada".[9]

Nome vulgar

O nome vulgar toupas douradas deriva da coloración dourada da pelaxe destes animais semellantes, en forma e hábitos, ás auténticas toupas.

Clasificación

[editar | editar a fonte]

Como lle ocorreu a moitos outros grupos de 'pequenos mamíferos comedores de insectos', a clasificación das toupas douradas sufriu unha conmoción nos últimos tempos á luz das novas informacións xenéticas hoxe dispoñíbel. Tradicionalmente colocáronse, xunto coas musarañas, os ourizos e outras criaturas pequenas de alimentación basicamente insectívora e difíciles de situar, como unha parte do caixón de xastre que constituía a hoxe desbotada orde dos Insectivora. Algunhas autoridades manteñen esta clasificación, polo menos polo de agora. Pero os máis deles sitúan ás toupas douradas, canda os tenrecs, nunha nova orde, ás veces coñecida como Tenrecomorpha, mentres que a maioría a chaman Afrosoricida, e reservan o termo Tenrecomorpha para a suborde desta orde que comprende a única familia dos Tenrecidae. Así, segundo Wilson & Reeder, en Mammal Species of the World, a clasificación é a seguinte:[10]

Situación

[editar | editar a fonte]

Das 21 especies de toupas douradas, nada menos que 11 están ameazadas de extinción. As principais causas son as explotacións mineiras de area, as malas prácticas agrícolas, a urbanización crecente e a depredación por parte dos cans e os gatos domésticos.[11]

  1. Savage, RJG, & Long, MR (1986). Mammal Evolution: an illustrated guide. New York: Facts on File. pp. 53. ISBN 0-8160-1194-X. 
  2. 2,0 2,1 Chrysochloridae en MSW.
  3. 3,0 3,1 Chrysochloridea en MSW.
  4. Castelán, topos dorados; portugués, toupeiras-douradas; francés, taupes dorées; italiano, talpe dorate; inglés, golden moles; alemán, Goldmulle.
  5. Bronner, G. N. & Jenkins, P. D. (2005): "Order Afrosoricida" en: Wilson D. E. & Reeder, D. M. Mammal Species of the World, 3rd ed. Baltimore: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0, pp. 71–81.
  6. 6,0 6,1 Kuyper, Margaret (1984): Macdonald, D., ed. The Encyclopedia of Mammals. New York: Facts on File. ISBN 978-0-87196-871-1, pp. 764–765.
  7. 7,0 7,1 Piper, Ross (2007): Extraordinary Animals: An Encyclopedia of Curious and Unusual Animals. Westport, Connecticut, USA / London, UK: Greenwood Press. ISBN 978-0-313-33922-6.
  8. Simposon, G. G. (1945): "Principles of Classification and a Classification of Mammals". Bull. Am. Mus. Nat. Hist. 85: 1-350 (pp. 32-33).
  9. chrysochloris no Merriam-Webster's Dictionary.
  10. Afrosoricida en MSW.
  11. Especies de crisoclóridos na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2015-3. Consultada o 27 de setembro de 2015.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]