Cruceiro do Hío
Cruceiro do Hío | |
---|---|
Cruceiro do Hío | |
Presentación | |
Localización | Cangas |
Dirección | O Hío |
Tipo | Cruceiro |
Construción | |
Data da construción | 1872 |
O cruceiro do Hío é o máis emblemático e elaborado dos cruceiros galegos [1]. Está situado na praza que se abre fronte á igrexa de Santo André, románica do século XII, na parroquia do Hío, concello de Cangas.
Os especialistas atribúeno á man de Xosé Cerviño García, tamén chamado Pepe da Pena, pero cómpre indicar que outros[quen?] negan esta autoría e consideran como autor a Ignacio Cerviño Quinteiro, outro canteiro e escultor da mesma época que aquel. Foi tallado en 1872, cando aínda o artista non cumprira os 30 anos, nunha soa peza de granito, salvo algunha figura exenta.
Descrición
[editar | editar a fonte]A escultura consiste nunha representación dramatizada dos momentos máis significativos do home, desde a creación ata a redención, co habitual simbolismo iconográfico do estilo barroco. A identificación e papel das figuras esculpidas tamén é obxecto de diferentes interpretacións segundo a fonte que se consulte.
A escena principal reflicte o descendemento ou desencravo de Cristo. A figura central, naturalmente, é Xesús, xa morto, ó que baixan da cruz suxeito cunha tea por baixo dos brazos. Dous homes gabean por unha escada ata os brazos da cruz, son Xosé de Arimatea (propietario do sepulcro onde se enterraría a Xesús) e Nicodemo (un fariseo próximo a Xesús), que suxeitan o pano e descenden o corpo de Cristo ás mans de San Xoán que, no pé da cruz, cólleo polas pernas. A San Xoán acompáñano a Virxe e de María Magdalena. Dous anxelotes completan o grupo.
O Calvario está sobre unha ménsula, cuxa cara superior imita a forma dun monte, apoiada sobre catro anxos, a modo de atlantes.
No fuste, de sección circular, podemos diferenciar tres escenas. A superior son dous arcanxos: un pisando a cabeza dunha cobra e outro que parece acoller un meniño ou protexer unha alma. Baixo eles, a Virxe pisando un dragón ou unha cobra, símbolos clásicos do demo, representando a salvación; a cobra protéxese cunha media lúa. E finalmente, baixo a Virxe, as figuras de Adán e Eva expulsados do paraíso, nus e tapándose, avergonzados polo seu pecado.
Nunha inscrición case ilexible tallada no fuste consta a data da súa construción.
Na base do cruceiro, como nunha capeliña, ábrense catro fornelas. Na primeira están representadas as ánimas do purgatorio, ou almiñas, pedindo a intercesión da Virxe (hai que di que posiblemente a Virxe do Carme); unha destas almiñas que pide axuda para saír do purgatorio está tocada cunha mitra de bispo. Na segunda, Cristo resucitado no limbo dos xustos (outros cren ver a Cristo sacando almas do inferno ou, tamén, a Virxe con Xesús). E finalmente, en cadanseu fornelo, Adán e Eva no paraíso. Estes últimos están ó pé dunha maceira, co demo tentando a Eva de novo en forma de cobra gabeando polo tronco, e aparecen coa metade inferior cuberta polo que semellan lapas, en alusión ás consecuencias do pecado orixinal; outra posible interpretación é que as imaxes recollen o momento de comete-lo pecado orixinal e o que lles cobre é vexetación, nun intento inxenuo de oculta-los órganos sexuais da vista dos fieis.
O cruceiro está levantado sobre unha escalinata de tres andares, de forma octogonal cos ángulos redondeados, no que asenta unha mesa que sostén no seu centro o fuste. Todo o conxunto está rodeado por unha reixa metálica que tenta protexelo dos visitantes. Entre a igrexa e o cruceiro érguese unha columna cun anxo que sinala cara a cruz.
Estado de conservación
[editar | editar a fonte]O estado de conservación do cruceiro é relativamente bo, aínda que sofre importantes crecementos de liques que colonizan amplas zonas. Sufriu tamén o trato irrespectuoso dos turistas, que chegaron a romper algunha das figuras, que tiveron que ser reparadas ou substituídas nas diferentes intervencións que se fixeron (parece ser que as figuras de Adán e Eva do fuste son obra de Manuel Coia, un escultor de Nerga, outro lugar da mesma parroquia).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Xan Casabella, da Universidade da Coruña, director do proxecto de catalogación dos cruceiros e petos de ánimas de Galicia, por encargo da Consellería de Cultura di que entre todos ellos despunta el cruceiro de Hío" e califícao de ser "toda unha xoia de filigrana en pedra" (La Voz de Galicia, 17.02.2007).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cruceiro do Hío |