Virxe María
Nome orixinal | (arc) ܡܪܝܡ (he) מרים |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | século I a. C. Séforis, Israel |
Morte | século I valor descoñecido |
Lugar de sepultura | tumba da Virxe María |
Residencia | Nazaret |
Grupo étnico | Pobo xudeu |
Relixión | Xudaísmo e cristianismo |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 15 de agosto |
Familia | |
Familia | Sagrada Familia |
Cónxuxe | Xosé de Nazaret |
Fillos | Xosé, Xudas, Simón, Santiago o Xusto, Xesús de Nazaret |
Pais | Xaquín e Santa Ana |
Irmáns | Salomé María de Cleofás |
Parentes | Sabela, valor descoñecido Xoán o Bautista, valor descoñecido |
Cronoloxía | |
nacemento virxinal | |
Asunción de María | |
bilocación | |
Descrito pola fonte | Enciclopedia Bíblica de Archimandrita Nicéforo Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
A Virxe María, Santa María ou simplemente María (Mariam: grego: Μαριάμ; hebreo: מרים; árabe: مَريَمْ) foi unha muller xudía de Nazaret (Galilea), considerada segundo as tradicións cristiá e musulmá a nai de Xesús de Nazaret e, polo tanto, para a meirande parte dos cristiáns, a nai de Deus. Entre outros dos seus nomes e títulos están o de Benaventurada Virxe María e Nai de Deus nas igrexas occidentais, e o seu equivalente Theotokos no cristianismo oriental, e Maryam, nai de Isa (Xesús) no islam. Os cristiáns manteñen que o seu fillo Xesús é Cristo (é dicir, o mesías prometido ao pobo xudeu) e Deus Fillo encarnado, mentres que para os musulmáns é o mesías e un dos profetas máis importantes enviados por Deus á humanidade.
Segundo os Evanxeos canónicos de Mateu e Lucas, María era unha virxe (en grego παρθένος, parthénos)[1] que concibiu ó seu fillo Xesús sen intervención de ningún home (de aí o título de "Virxe"), por obra do Espírito Santo. Os musulmáns cren que concibiuno de xeito milagroso por intervención divina. Isto tivo lugar cando ela xa estaba prometida a San Xosé mais aínda non estaba casada. Casou con el e acompañouno a Belén, onde naceu Xesús.
O Novo Testamento comeza a súa crónica da vida de María coa Anunciación, cando o arcanxo Gabriel se lle apareceu e lle anunciou a súa escolla divina para ser nai de Xesús. A tradición da Igrexa e o Protoevanxeo de Santiago (apócrifo) falan dos seus pais como unha parella de avanzada idade, San Xoaquín e Santa Ana.
Os cristiáns da Igrexa católica, da Igrexa Ortodoxa, da ortodoxia oriental, da Comuñón Anglicana e das igrexas luteranas cren que María, como nai de Xesús, é Nai de Deus (Μήτηρ Θεοῦ) e a Theotokos, "portadora de Deus". María ten recibido veneración dende os comezos do cristianismo, a través de numerosas advocacións (Virxe de Fátima, de Lourdes etc.). Hai unha grande diversidade na marioloxía e prácticas devocionais das diferentes tradicións cristiás. A Igrexa católica ten unha serie de dogmas marianos, como a Inmaculada Concepción, a Virxindade perpetua de María e a súa Asunción ao Ceo.
María nos textos relixiosos cristiáns
[editar | editar a fonte]Temos dúas fontes principais para achegarnos á primeira visión cristiá sobre María. Os Evanxeos canónicos, sobre todo os relatos da infancia, e os Evanxeos apócrifos, principalmente o Protoevanxeo de Santiago. Non son fontes que se poidan poñer en igualdade en canto a fiabilidade, haberá que telo en conta se queremos achegarnos a un esbozo de biografía de María de Nazaret.
O Protoevanxeo de Santiago
[editar | editar a fonte]Presenta o nacemento e infancia de María facendo un paralelismo co relato que fan os evanxeos sobre o nacemento e infancia de Xesús de Nazaret. A súa validez histórica é moi pouca, baste dicir que conteñen contradicións cos Evanxeos en puntos importantes (o matrimonio de Xosé e María), ou que está cheo de inexactitudes históricas ou de absoluta ignorancia da cultura xudía (o voto de virxindade de María).
María é filla do matrimonio formado por Xoaquín e Ana. Son un matrimonio xa maior que non ten fillos, pero a súa piedade fai que Deus se apiade deles e lles anuncie o nacemento dun fillo. Eles deciden dedicar o neno que naza ao servizo de Deus. Por iso, cando cumpre tres anos, levan a nena María ao Templo de Xerusalén.
María fai voto de virxindade, e os sacerdotes do Templo, para cumprir coas leis mosaicas, buscan un home bo e ancián que case con ela e que respecte o seu voto. Un sinal divino (a vara florida), designa como candidato ideal a Xosé de Nazaret.
A partir deste punto da narración, o Protoevanxeo segue aos evanxeos da infancia, aínda que enchendo as lagoas con detalles milagreiros e populares, por exemplo:
- O boi e a mula que dan calor ao neno Xesús.
- Na fuxida a Exipto, as palmeiras agáchanse para darlle sombra á Virxe e ao neno.
- O neno Xesús entretense facendo pombiñas de barro e soprándolle para darlles vida. Pombiñas que un Xudas Iscariote neno rompe cun pau.
Evanxeos da infancia
[editar | editar a fonte]Son os Evanxeos de Mateu e Lucas os que recollen uns relatos sobre o nacemento e os primeiros anos da vida de Xesús. Os relatos difiren en moitos aspectos: Mateu fala dos Magos ou da matanza dos inocentes, Lucas cóntanos a adoración dos pastores ou detense con máis detalle no nacemento de Xoán o Bautista.
Pero aínda coas súas diferenzas, os dous relatos teñen elementos comúns[2]:
- Os pais de Xesús son María e Xosé, que están legalmente prometidos pero non casados (Mt 1,18; Lc 1,27.34).
- Xosé é da casa de David (Mt 1,16.20; Lc 1,27.32)
- Un anxo anuncia o nacemento do neno (Mt 1,20-23; Lc 1,30-35)
- María concibe ao neno sen o concurso do marido (Mt 1,20.23.25; Lc 1,34)
- A concepción é por obra do Espírito Santo (Mt 1,18.20; Lc 1,35)
- O anxo di que o neno debe de chamarse Xesús (Mt 1,21; Lc 1,31)
- Un anxo afirma que Xesús é o salvador (Mt 1,21; Lc 2,11)
- O neno nace cando os seus pais xa viven xuntos como matrimonio (Mt 1,24-25; Lc 2,5-6)
- O nacemento ten lugar en Belén (Mt 2,1; Lc 2,4-6)
- O nacemento é en tempos de Herodes (Mt 2,1; Lc 1,5)
- O neno criouse en Nazaret (Mt 2,23; Lc 2,39)
O que amosan de María os evanxeos da infancia podemos resumilo no seguinte: é unha moza xudía prometida cun home chamado Xosé, á que se lle anuncia que, pola forza do Espírito Santo, concibirá a un neno que será salvador do mundo e que se chamará Xosé.
María corre un gran risco ao aceptar este anuncio, o matrimonio xudeu celebrábase en dous tempos: primeiro a promesa de matrimonio, que xa tiña valor legal, e despois a celebración do inicio efectivo da convivencia conxugal. A pena por adulterio era a morte por lapidación. Sálvase dese destino porque o seu prometido non quere denunciala.
Durante o seu embarazo vai facer compañía e axudar á súa curmá Sabela, embarazada de Xoán Bautista.
O neno nace en Belén, a cidade da casa de David á que pertence Xosé e o seu nacemento vai acompañado de sinais que auguran unha misión especial para el. Mateo dá por sentado que xa estaban alí, segundo Lucas baixaron desde Galilea por mor do censo ordenado polo César.
Co tempo a familia instálase en Nazaret, onde Xosé exerce de carpinteiro ou artesán.
Vida pública de Xesús
[editar | editar a fonte]Durante a vida pública de Xesús, María aparece de forma puntual pero nunca co seu marido, o que fai pensar aos estudosos que nese tempo xa era viúva. Si que aparece emparentada con outros seguidores de Xesús, como María Cleofé ou os seus fillos.
No Evanxeo de Xoán, no episodio da Vodas de Caná, María intercede polos noivos para que o seu fillo os axude.
Algunhas das aparicións de María nesa etapa non están exentas de controversia. En ocasións aparece enfrontada coa figura de Xesús, pois a familia quere levalo de volta para casa pois pensan que está tolo. Noutra ocasión, predicando Xesús en Nazaret, os veciños queren tiralo por un barranco Acúsano de mentireiro: non pode ser o Mesías posto que todos coñecen quen é: o fillo de Xosé, a súa nai e os seus irmáns son veciños do pobo.
Ten unha destacada presenza no momento da paixón, ao pé da cruz do seu fillo. Xesús encárgalle ao discípulo amado (seguramente Xoán o Evanxelista) que coide da súa nai. Despois do descendemento, Nicodemo pon o cadáver de Xesús no colo de María.
María está reunido co resto do grupo de discípulos de Xesús o día da Pentecoste, cando a chegada do Espírito Santo enche de forza aquela primeira comunidade para saír a anunciar de Xesús é o Cristo e que morreu e resucitou.
Esta é a derradeira aparición de María no Novo Testamento.
Últimos anos segundo a tradición cristiá
[editar | editar a fonte]Sobre a súa morte, hai dúas tradicións:
- Na máis antiga, María seguiu vivindo en Xerusalén, na comunidade dirixida polo seu sobriño (ou fillo)[3] Santiago. Alí morreu, foi enterrada e foi asunta aos ceos. No lugar tradicional da súa sepultura existe aínda hoxe unha igrexa, a Basilica da Dormición.
- Noutra tradición máis serodia, e apoiándose no texto evanxélico e nas tradicións sobre Xoán o Evanxelista, María trasladouse con este Éfeso, alí chegoulle o tempo da súa dormición e a súa Asunción: adormeceu desta vida e foi levada por anxos en corpo e alma ao ceo.
Na evolución que hai dunha tradición a outra (pasar de falar de "morte e sepultura" a "dormición") podemos ver xa unha constante na imaxe que as igrexas católica e ortodoxa, non así as protestantes, transmiten de María. A progresiva espiritualización ou mitificación da súa figura, esquecendo a súa realidade histórica.
Notas para unha biografía
[editar | editar a fonte]Tendo en conta o recollido ata aquí das fontes dispoñibles, podemos achegar uns elementos cos datos máis seguros que nos poderían achegar á biografía de María:
- Era unha muller xudía, que naceu, en tempo descoñecido, na rexión de Galilea, seguramente en Nazaret.
- Casou cun home tamén xudeu, Xosé, un artesán galileo.
- Tivo, polo menos, un fillo, Xesús, chamado polos cristiáns o Cristo ou o Mesías.
- Segue ao seu fillo durante a súa predicación ou, polo menos, está presente en distintos momentos.
- Está con el no momento da súa execución na cruz.
- Despois da súa morte, forma parte do grupo de discípulos, pero non consta que tivera un papel de liderado ou protagonista.
- Nada sabemos das circunstancias da súa morte.
Os irmáns de Xesús
[editar | editar a fonte]En dúas ocasións se nos fala nos Evanxeos dos irmáns de Xesús: cando os veciños de Nazaret queren matar a Xesús e cando a súa familia quere levalo canda eles porque o dan por tolo.
Esta expresión é fonte de interpretacións diversas e de controversia, sobre todo no campo da teoloxía católica, pola dificultade de conciliala co dogma da virxindade de María. Tampouco os termos utilizados axudan a aclarar a discusión, segundo o valor que lles deamos podemos chegar a dúas conclusións:
- O termo grego usado nos evanxeos "adelfos" (αδέλψος) non deixa lugar a dúbidas de que se trata de irmáns de sangue, polo que o propio texto recoñecería a existencia de irmáns de Xesús.
- Pero podemos interpretar que ese termo grego é tradución dun termo arameo que serve para designar en xeral aos parentes próximos, co que se podería traducir como irmá ou primo, por exemplo. As familias extensas, formadas polo patriarca, os seus fillos e noras e os seus netos favorecían o uso destes termos xerais para designar o parentesco[4].
María no islam
[editar | editar a fonte]No Corán, María, chamada Maryam, é citada trinta veces, máis que nos Evanxeos e os Feitos dos Apóstolos. No texto sagrado islámico, María é identificada como a nai de Isa, é dicir, Xesús, quen decote é nomeado como "Isa, fillo de Maryam". Este xeito é infrecuente no mundo árabe, pois adoitábase a presentar ás persoas recoñecéndoas como fillos do pai. Mais na sura 19 do Corán, a sura de Maryam, nárrase o embarazo de María asumindo a súa virxindade. Segundo o relato coránico, o arcanxo Gabriel, apareceuse ante María identificándose como enviado de Alá para darlle un rapaz "puro".[5] Ela repuxo que non tivera relacións con homes, mais Gabriel comunicoulle que era decisión de Alá. A sura 19 indica que María estaba temerosa durante o parto e que este tivo lugar no deserto canda unha palmeira que lle proporcionou dátiles. Logo, xa co neno, foi cuestionada pola comunidade mais o Xesús bebé defendeu á súa nai.[6] Segundo estudosos contemporáneos, a visión coránica de María e da natividade está moi influída polo aprócrifo Protoevanxeo de Santiago, un texto popular no cristianismo do Oriente Próximo preislámico.[7][8]
O Corán tamén aborda, na sura 3, as orixes familiares de María, presentándoa como irmá de Aharón e Moisés e filla de Imrán e a súa dona, identificados como Xoaquín e Ana.[9] Isto levou a algúns a interpretar que o Corán estaba errado na sucesión de figuras bíblicas, aínda que outros defenden que se trata dun xeito de aumentar o prestixio de María entroncándoa coa liñaxe mosaica, pois a verba empregada no orixinal árabe, "uht", pode significar predecesor, non necesariamente irmán.[10]
O culto á Virxe en Galicia
[editar | editar a fonte]Véxase tamén: Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santa María
Cristianización dos cultos precristiáns
[editar | editar a fonte]A introdución do cristianismo na Gallaecia caracterizouse, como en xeral sucedeu en toda Europa, por un proceso de asimilación dos vellos cultos orixinais dos pobos cristianizados. Os casos máis notables son, con toda seguridade, as festas de Nadal e San Xoán, versións cristianizadas das festas dos solsticios de verán e de inverno (as saturnais).
En xeral, as divindades femininas da fertilidade ou os lugares de culto relacionados con estas foron cristianizados converténdoos en advocacións marianas e lugares de culto á virxe. Baste lembrar que a tradición cristiá falaba de que a virxe, trala morte e resurrección de Cristo, foi vivir con Xoán a Éfeso, cidade do Templo de Artemisa, a deusa nutricia.
Este xeito de cristianización, aplicado a Galicia, sobre todo ás zonas rurais, dá como resultado que moitas divindades e lugares de culto relacionadas coa terra ou a fertilidade -divindades normalmente femininas- acabaron convertidas en lugares de culto mariano.
De feito, moitos santuarios marianos actuais atópanse preto de fontes ou olleiros de auga, incluso a carón de xacementos arqueolóxicos. Por exemplo, no santuario da Virxe da Franqueira, hai, chegando ao templo, unha fonte chamada "da Virxe" e, no monte de Paradanta, xusto enriba da parroquia, un dolmen, no que a lenda di que apareceu a imaxe, que ten un gravado en espiral ao que lle chaman a "coroa da Virxe".
Outro exemplo pode ser o da virxe de Aguasantas, no que segundo a lenda: Un domingo unha cega do lugar das Boliñas ía a misa acompañada dun familiar, e ó pasar a carón dunha fonte, ó pé da casa, lavouse. Ó pasar a auga polos ollos recuperou a vista, e tralo milagre, impulsada por un presentimento, atopou unha imaxe da Virxe entre a maleza[11]. Ou tamén a Santuario da Virxe dos Milagres de Amil, Moraña, á que lle cantan: Miña Virxe dos Milagres/ que fas milagres na terra,/ fixeches nace-la auga/ na fonte da Rozavella.[12]
No mesmo senso de unión entre auga, fertilidade e advocación feminina, aínda que situado no litoral, está a Nosa Señora da Lanzada, en Noalla, Sanxenxo. Nesta caso, ademais, está ligada aos cultos propios do solsticio de verán, cristianizados como festa da noite de San Xoán.
Influencia das ordes relixiosas
[editar | editar a fonte]Outras advocacións marianas enraízan en Galicia traídas polas diferentes ordes relixiosas que aquí teñen as súas obras pastorais:
- Santa María é unha advocación característica dos mosteiros cistercienses e nomea a trece dos fundados en Galicia entre mediados do século XII e principios do XIII, é o caso do de Oseira, Sobrado, Melón, Meira, Montederramo, Armenteira, Oia, Aciveiro, Xunqueira de Espadañedo, Monfero, A Franqueira, Carracedo e Penamaior.[13]
- A Virxe do Carme asenta en Galicia e, en xeral, en toda a España litoral, como patroa das xentes do mar: dos mariñeiros e da Armada española, por exemplo.[14][15] Ademais está ligada ás distintas ramas dos carmelitas, dando nome a diferentes conventos como o de Padrón e Santiago de Compostela.[16]
- Nosa Señora do Perpetuo Socorro, ligada á orde dos redentoristas.[17]
- María Auxiliadora, traída polos salesianos.[18]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Mateu 1:23
- ↑ Brown, Raymond: El Nacimiento del Mesías. Comentario a los Evangelios de la Infancia, pax. 29
- ↑ Xabier Pikaza Ibarrondo "Muerte y Asunción, la raíz judía de María " Arquivado 22 de agosto de 2013 en Wayback Machine. blog
- ↑ A lingua wolof de Senegal, onde segue vixente a familia extensa, non ten un vocábulo específico para dicir pai, só unha expresión que designa, en xeral, aos membros maiores da familia.
- ↑ "Surah Maryam - 19:19". quran.com. Consultado o 2023-02-19.
- ↑ "Surah Maryam - 30". quran.com. Consultado o 2023-02-19.
- ↑ Dye, Dominique; Amir-Moezzi, Mohammed Ali (2022-10-13). Histoire du Coran - Contexte, origine, rédaction (en francés). Editions du Cerf. ISBN 978-2-204-15223-5.
- ↑ Heyberger, Bernard (2014-12-31). "Guillaume Dye, Fabien Nobilio (dir.), Figures bibliques en islam". Archives de sciences sociales des religions (en francés) (168): 177. ISSN 0335-5985.
- ↑ "Surah Ali 'Imran - 36". quran.com. Consultado o 2023-02-19.
- ↑ Alí Mourad, Suleiman (2008). "Mary in the Qurʾan: A Reexamination of Her Presentation". The Qurʾan in Its Historical Context. Routledge. pp. 163–174. ISBN 0-203-93960-3.
- ↑ Ver artigo Aguasantas, Cerdedo-Cotobade
- ↑ Ver artigo Amil, Moraña
- ↑ Brey, Iria Blanco (2017). "La devoción mariana: Teología y orden cisterciense". Compostellanum: revista de la Archidiócesis de Santiago de Compostela 62 (1-2): 139–178. ISSN 0573-2018.
- ↑ Dasairas, Xerardo (2015-07-16). "A Virxe do Carme e os padroados mariñeiros". Faro de Vigo. Consultado o 2022-09-26.
- ↑ "Presentación e Historia del Día de la Virgen del Carmen". armada.defensa.gob.es.
- ↑ Martínez Carretero, Ismael (2012). "La advocación del Carmen. Origen e iconografía". Advocaciones Marianas de Gloria. Ediciones Escuriales. pp. 771–790. ISBN 978-84-15659-00-6.
- ↑ Molina, Francisco Contreras (2014-02-28). La Virgen del Perpetuo Socorro (en castelán). PPC Editorial. ISBN 978-84-288-2653-2.
- ↑ "Historia de la Devoción a María Auxiliadora". www.aciprensa.com. Consultado o 2022-09-26.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Virxe María |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Pagola, José Antonio (2007). PPC, ed. Jesús: aproximación histórica. Madrid.
- Jeremias, Joachim (2000). Ediciones Cristiandad, ed. Jerusalén en tiempos de Jesús. Madrid. ISBN 8470572091.
- de Santos Otero, A. (1993). BAC, ed. Los Evangelios Apócrifos. Madrid.
- Brown, Raymond E. (1982). Ediciones Cristiandad, ed. El Nacimiento del Mesías (Comentario a los Relatos de la Infancia). Madrid. ISBN 8470573020.