Cuncha Pseudodon DUB1006-fL
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
A cuncha de Pseudodon DUB1006-fL é unha cuncha fosilizada do molusco bivalvo Pseudodon vondembuschianus trinilensis atopado na illa de Xava, Indonesia.
A cuncha ten un gravado en zigzag que puido ser realizado por Homo erectus hai arredor de medio millón de anos. De confirmarse esta hipótese, sería a obra artística máis antiga do mundo.
Descrición
[editar | editar a fonte]A cuncha fai parte dos restos extraídos polo paleoantropólogo holandés Eugène Dubois no sitio arqueolóxico de Trinil, na illa de Xava, nunhas escavacións que comezaron a finais do século XIX. A cuncha consérvase en Leiden, nos Países Baixos.
A hipótese de que as marcas da cuncha DUB1006-fL se tratasen dun gravado realizado por Homo erectus foi lanzada polo equipo da bióloga holandesa Josephine Joordens en 2014.
Na súa análise outorgábaselle aos gravados unha antigüidade de entre 540.000 e 430.000 anos. Nese mesmo estudo apuntábase a hipótese de que a ferramenta utilizada fose un dente de quenlla. As incisións serían feitas por unha mesma persoa durante unha única sesión de traballo.
Interpretación e relevancia
[editar | editar a fonte]En opinión do equipo de Joordens a realización de gravados por parte dun exemplar de Homo erectus estaría ao alcance das súas capacidades cognitivas e neuromotoras. Segundo a doutora Joordens, a análise do trazo, seguro e uniforme, exclúe calquera posibilidade de que se trate dunha marca accidental ou realizada por un animal. O gravado só podería atribuírse a un traballo deliberado de Homo erectus, posto que a peza foi atopada nun contexto arqueolóxico que contén miles de pezas relacionadas con este homínido.
Con todo, a doutora resistíase a darlle unha interpretación á peza, para a que caben moi diversas explicacións. Tanto podería ser un garabato feito para pasar o tempo, como unha maneira de marcar a propiedade da peza ou un deseño feito con intención de embelecer a cuncha, e, por tanto, con clara vontade artística.
De confirmarse que o gravado ten unha intención estética, trataríase dun achado revolucionario. Non só se trataría da obra de arte máis antiga conservada, senón que suporía atribuír a Homo erectus a capacidade de pensamento simbólico, algo que até agora só se considera propio da nosa especia, Homo sapiens sapiens, e Homo neanderthalensis.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Joordens, J., d’Errico, F., Wesselingh, F. et al. Homo erectus at Trinil on Java used shells for tool production and engraving. Nature 518, 228–231 (2015). https://doi.org/10.1038/nature13962
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]- El dibujo más antiguo de la humanidad, entrada do blog Terrae Antiqvae do 3 de decembro de 2014 (consultada o 5 de decembro de 2023).
- World's oldest piece of art discovered, entrevista (en inglés) coa doutora Joordens emitida na BBC 5 o 5 de decembro de 2023 (consultada o 5 de xaneiro de 2023).