Dólar de Nova Escocia
Dólar de Nova Escocia † | |
---|---|
Anverso | Reverso |
Ámbito: | Nova Escocia |
Fracción: | Cent (¢) |
Moedas: | ½ cent e 1 cent. |
Billetes: | 5 e 20 dólares. |
Emisor: | |
O dólar de Nova Escocia foi a moeda utilizada en Nova Escocia desde 1860 ata 1871, cando este territorio adoptou o dólar canadense logo da constitución da Confederación do Canadá en 1867, da que Nova Escocia se converteu nunha das súas provincias.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]As primeiras moedas utilizadas en Nova Escocia, do mesmo xeito que no resto do Canadá, foron as levadas consigo polos primeiros colonos e polos comerciantes que se achegaban ás súas costas.[1]
Neste contexto, á medida que os intercambios comerciais ían xerando unha maior necesidade de moeda circulante, algúns comerciantes e entidades locais comezaron a cuñar as súas propias moedas, baixo o sistema monetario inglés, coñecidas na tradición anglosaxoa como tokens.[1][2]
Paralelamente a estas ibniciativas privadas, primeiro en 1823 e, novamente, en 1824, 1832, 1840 e 1843, o Goberno de Nova Escocia emitiu a súa propia moeda de cobre, sen estar autorizada por Inglaterra para o facer.[1][2]
Xa en 1856, o Goberno británico concedeu a Nova Escocia a autorización para a cuñaxe dunha serie de moedas de medio penique e dun penique, que se coñecen como Mayflower, o nome en inglés da planta que caracteriza os seus reversos.[1][2] [3]
O dólar de Nova Escocia
[editar | editar a fonte]En 1860, Nova Escocia acolleuse ao sistema decimal e determinou fixar os tipos de cambio da moeda británica e doutras moedas. Creouse o dólar de Nova Escocia como unidade monetaria decimal e autorizouse tamén o Goberno da provincia para a emisión de moedas divisionarias de cobre co seu valor en centavos. No entanto, dado que a lexislación de Nova Escocia fixaba o tipo de cambio en 1 libra = 5 dólares (ou 1 dólar = 4 xilins), este sistema non era compatible cos establecidos no Canadá e en Novo Brunswick, que lle outorgaban un valor lixeiramente inferior á libra (1 dólar = 4 xilins e 1,3 peniques).[4][5]
O dólar de Nova Escocia foi substituído neste territorio polo dólar canadense cun tipo de cambio de 73 centavos canadenses = 75 centavos de Nova Escocia.[6]
Moedas
[editar | editar a fonte]As únicas moedas de Nova Escocia emitidas baixo o sistema do dólar foron as divisionarias de medio centavo e dun centavo, cuñadas ambas en 1861 e en 1864 na Royal Mint, de Londres.[7]
A única diferenza entre o medio penique e o penique radica no seu diámetro (20,65 mm e 25,53 respectivamente) e no seu peso (2,84 g e 5,67 g). En ambos os casos, o anverso, obra do gravador xefe da Royal Mint, Leonard Charles Wyon, está caracterizado polo busto da raíña Vitoria laureada ollando cara á esquerda, rodeado pola lenda VICTORIA D:G: BRITT:REG:F:D:. Pola súa banda, o reverso, obra do gravador Horace Morehen, amosa no centro un círculo que contén a coroa imperial e a data de emisión (1861), todo iso rodeado por unha coroa de flores.[7]
Billetes
[editar | editar a fonte]Entre 1861 e 1866, o Goberno provincial de Nova Escocia puxo en circulación billetes do Tesouro con valor facial de cinco dólares. Ao mesmo tempo, tres bancos privados acadaron a autorización para emitiren papel moeda: o Bank of Nova Scotia, o Halifax Banking Company e o Merchants Bank of Halifax.[8] Estes bancos emitiron tamén billetes co valor facial de 20 dólares de Terra Nova e continuaron emitindo billetes do dólar canadense a partir de 1871.[9]
A maiores, a provincia do Canadá emitiu billetes en 1866 sobreestampados coa inscrición Payable in Halifax / only, a modo de billetes locais para a súa circulación unicamente en Nova Escocia. Tratábase de billetes de 5 dólares, o que equivalía a 4,86 dólares en moeda canadense.[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Willey, R. C. (2013). "Coins and Tokens". The Canadian Encyclopedia.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "19th Century Canada Genuine Trade Tokens". London Numismatic Club.
- ↑ Serie Myflower (1856): 1/2 penique e 1 penique. Numista.com
- ↑ Pawell, J. (2005). Páxinas 22-24.
- ↑ An Act to regulate the Currency and the Decimal System of Accounting, Statutes of Nova Scotia, 23 Vict. (1860), c. 3.
- ↑ Pawell, J. (2005). Páxina 73.
- ↑ 7,0 7,1 Serie de 1861: 1/2 cent e 1 cent. Numista.com
- ↑ "Billets de banque des banques du Canada (billets de banque à charte)". Numicanada.com
- ↑ "Canadá. Chartered Banks". Banknote.ws
- ↑ Pawell, J. (2005). Páxina 27 (nota 43).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dólar de Nova Escocia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Berman, A. G. (2008). Warman's Coins And Paper Money: Identification and Price Guide (4 ed.). Krause Publications. ISBN 978-0-89689-683-3
- Cross, W. K. (2005). Charlton Standard Catalogue. Canadian Coins (59ª ed.). Charton Press. ISBN 978-0889682887
- Cuhaj, G. S. (ed.) (2009). Standard Catalog of World Paper Money Specialized Issues (11 ed.). Krause Publications. ISBN 978-1-4402-0450-0
- Haxby, J. A.; Willey, R. C. (1998). Coins of Canada (16ª ed.). The Unitrade Press. ISBN 978-1895909616
- Krause, C. L.; Mishler, C. (1991). Standard Catalog of World Coins: 1801-1991 (18th ed.). Krause Publications. ISBN 0873411501
- Pawell, J. (2005). A History of Canadian Dollar. Bank of Canada. ISBN 0-660-19571-2
- Pick, A. (1994). Standard Catalog of World Paper Money: General Issues (7th ed.). Krause Publications. ISBN 0-87341-207-9