Dama de Cao
![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | valor descoñecido ![]() |
Morte | valor descoñecido ![]() |
Causa da morte | Eclampsia ![]() |
Lugar de sepultura | Huaca Cao Viejo (en) ![]() ![]() |
Actividade | |
Ocupación | gobernante ![]() |
Período de tempo | Século V ![]() |
Señora de Cao ou Dama de Cao é o nome que se lle dá a unha muller da cultura mochica descuberta no ano 2006 polo arqueólogo Régulo Franco Jordán en El Brujo (Huaca Cao Viejo, Perú), sitio arqueolóxico situado a uns 45 km ao norte de Trujillo, no departamento de La Libertad.
O seu descubrimento é comparado co do Señor de Sipán. Antes do seu achado pensábase que só os homes podían exercer altos cargos no antigo Perú. Á súa vez crese que a dama tiña o status de gobernanta na sociedade teocrática do val do río Chicama e era unha personaxe considerada "case divina". O luxo dos enfeites e vestidos que acompañan o fardo funerario da muller demostran o alto status da gobernanta.
Descuberta
[editar | editar a fonte]O descubridor da Señora de Cao foi Régulo Franco Jordán,[1] arqueólogo formado na Universidade Nacional Maior de San Marcos e actual director do complexo arqueolóxico El Brujo. A tumba onde apareceu a momia atópase na Huaca, centro cerimonial de Cao Viejo, de onde lle vén o nome, situada no complexo arqueolóxico El Brujo, que se ergue no distrito de Magdalena de Cao, a uns 700 quilómetros ao norte de Lima.[2]
Crese que os restos pertencen a unha gobernanta da cultura mochica, orixinaria do norte do actual Perú.[2] O deceso da muller produciuse aparentemente por complicacións no parto, aproximadamente no ano 400 EC[3] , uns 150 anos despois do apoxeo do Señor de Sipán, quen se considera o líder máis antigo coñecido desa rexión norteña do Perú. Os restos momificados da muller, de 1,45 metros de altura e entre 20 e 25 anos, estaban cubertos por 18 colares de ouro, prata, lapislázuli, cuarzo e turquesa; trinta adornos de nariz de ouro e prata; diademas e coroas de cobre dourado.
O corpo da dama ten tatuaxes de serpes, arañas, crocodilos, monos, xaguares, abellas e bolboretas, aínda visibles, que poderían representar a fertilidade da terra ou indicar os seus dotes como adiviña. As tatuaxes fan pensar que ocupaba un alto cargo político ou relixioso. A preservación do cadáver, así como dalgunhas vestimentas, foi posible porque foi untada con sulfuro de mercurio para impedir a descomposición do corpo.[2]
Na tumba atopáronse cetros de madeira forrados de cobre, utilizados nas cerimonias como símbolos de poder e hexemonía, e diversas placas de metal soltas que cubrían a mortalla de algodón. O complexo está formado por cinco pirámides de barro. A tumba apareceu nunha plataforma intermedia, o cal a preservou das chuvias desa zona costeira e do efecto da capa freática do subsolo.
En Cao Viejo acondicionouse unha sala de exhibición especial para a momia no Museo Cao.
Investigacións
[editar | editar a fonte]![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/e/ed/Museo_Cao.jpg/220px-Museo_Cao.jpg)
A arqueóloga especialista en téxtiles precolombinos e conservación preventiva Arabel Fernández López, do Centro de Investigación Téxtil Chuguay, estivo a cargo da apertura do fardo funerario da Señora de Cao. As investigacións da momia revelaron un ventre altamente dilatado e outras características que suxiren a morte posparto por efecto dunha crise convulsiva coñecida como eclampsia.[4] Recentes estudos realizados pola Fundación Wiese a través do forense español Jordi Esteban Farre avalan a hipótese sobre o falecemento.[5]
Un grupo de compañías tecnolóxicas, en conxunto coa Fundación Wiese, realizaron unha réplica exacta do corpo momificado cun busto en tamaño real da muller, a partir de imaxes en 3D e arqueoloxía forense baseada na estrutura do seu cranio e a investigación etnográfica. A réplica desvelouse o 4 de xullo de 2017 nunha cerimonia realizada no Ministerio de Cultura do Perú. Despois dunha breve exhibición en dito ministerio, pasou a formar parte do Museo Cao.[6]
Documental
[editar | editar a fonte]En 2012 estreouse a nivel mundial un documental sobre o descubrimento da tumba da dama de Cao titulado La Dama de Cao: El Misterio de la Momia Tatuada, dirixido por José Manuel Novoa e producido por Explora Films.[7] O documental narra, mediante recreacións en 3D e entrevistas a arqueólogos especialistas na cultura mochica, tanto o proceso de desenfardamento da momia como o funcionamento e os costumes da época.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ andina.pe (ed.). "Día del Arqueólogo: conoce a ilustres peruanos investigadores de culturas prehispánicas" (en castelán). Consultado o 29 de xullo de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 La República, ed. (2009). "Inauguran Museo de la Señora de Cao". Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2015. Consultado o 2 de febreiro de 2007.
- ↑ Guerrero De Luna, Renzo (2011). El Comercio, ed. "Señora de Cao habría muerto por complicaciones en el parto". Arquivado dende o orixinal o 10 de novembro de 2013. Consultado o 15 de febreiro de 2011.
- ↑ Fundación, Wiese. "La Señora de Cao" (en español). Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2016. Consultado o 28 de xullo de 2021.
- ↑ Fundación, Wiese. "Descubren posible causa de muerte de la Señora de Cao" (en español). Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2016. Consultado o 28 de xullo de 2021.
- ↑ Wiese, Fundación (2017-01-19). "Estudio tecnológico 3D nos permitirá conocer el verdadero rostro de la Señora de Cao". Fundación Wiese (en castelán). Consultado o 2022-02-06.
- ↑ Explora Films. "La Dama de Cao". Consultado o 24 de xullo de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dama de Cao ![]() |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Especial da Señora de Cao
- Hallan en Perú la momia de una gobernante de hace 1.700 años (en castelán)