Damián Mateu
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (ca) Damià Mateu i Bisa 1863 Llinars del Vallès, España |
Morte | 7 de decembro de 1935 (71/72 anos) Barcelona, España |
Educación | Universidade de Barcelona - Dereito civil, Dereito canónico |
Actividade | |
Ocupación | empresario, político |
Partido político | Federació Monàrquica Autonomista (en) Dreta de Catalunya |
Familia | |
Fillos | Miguel Mateu y Pla |
Parentes | Carmen Mateu Quintana, neta |
Damián Mateu Bisa, nado en Llinars del Vallès o 18 de outubro de 1864 e finado en Barcelona o 7 de decembro de 1935, foi un empresario e político español. Foi un dos fundadores da marca de coches Hispano-Suiza, e foi o pai de Miguel Mateu Pla, quen foi alcalde de Barcelona entre 1939 e 1945.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nado na localidade barcelonesa de Llinars del Vallès, era o cuarto de cinco irmáns.[1] Os seus pais eran Miguel Mateu Farralt e Ángela Bisa Brillas.[2] Seu pai, quen faleceu en 1877, era o dono da empresa Miguel Mateu, S. A.[2] e conseguira ter unha boa posición económica grazas ao comercio con ferro ao que se adicaba.[1]
Damián Mateu licenciouse en dereito na Universidade de Barcelona, aínda que non exerceu por mor do falecemento prematuro do seu irmán, quen ía dirixir a empresa familiar.[3][4] Baixo o mando de Damián Mateu, a súa empresa de ferros (co nome cambiado a Hijo de Miguel Mateu), chegou a ser unha importante compañía no eido nacional español.[1] En 1890, Mateu casou con Mercedes Pla y Deniel —irmá do cardeal Enrique Pla y Deniel—, con quen tivo seis fillos;[5] o menor e único varón foi Miguel Mateu Pla.
En 1900 constituíu unha empresa industrial chamada Altos Hornos y Herrerías de Nuestra Señora del Carmen S.A. en Barcelona, mais esta sociedade acabou presentando suspensión de pagamentos en xaneiro de 1904.[2] Porén, uns meses despois, o 14 de xuño dese mesmo ano fundou, con Francisco Seix e Marc Birkigt, a exitosa marca de automóbiles de luxo Hispano-Suiza; Damián Mateu foi o presidente e financeiro da empresa. Mateu, curiosamente, malia presidir durante tres decenios unha empresa automobilística, nunca quixo conducir un automóbil[6] e nunca obtivo o carné de conducir.[3]
Entre 1917 e 1923, Mateu presidiu unha compañía denominada La Hispano, Fábrica Nacional de Automóviles y Material de Guerra S.A. —situada en Guadalaxara, e cuxa creación impulsou el mesmo—, que acabou sendo absorbida nese mesmo 1923 pola empresa matriz catalá e foi convertida nunha filial.[2]
Foi vicepresidente do Banco Urquijo Catalán (unha empresa na que tamén participou activamente na súa creación), e tomou parte na creación de Forces Hidroelèctriques d'Andorra, S.A.. Mateu foi tamén conselleiro da empresa de seguros Hispania, da sociedade La Maquinista Terrestre y Marítima e da Cámara de Comercio.[3]
Politicamente, foi membro da Federación Monárquica Autonomista, ideoloxicamente próximo á Lliga Regionalista ata o establecemento da República, no que se integrou na Lliga.[7] Fixo de intermediario oficioso entre esta e o rei Afonso XIII. Damián Mateu era profundamente monárquico, e mantivo boas relacións con Afonso XIII (quen lle chegou a ofrecer un título nobiliario, pero Mateu rexeitouno).[4]
En 1931 foi editor do Diario del Mediodía. No 1935 distanciábase ideoloxicamente da Lliga Regionalista e pasou á Dreta de Catalunya. Faleceu en decembro dese mesmo ano por mor dunha enfermidade.[1] O seu fillo Miguel sucedeuno como presidente de Hispano-Suiza, quen após a guerra civil converteuse en alcalde de Barcelona.
Patrimonio
[editar | editar a fonte]Damián Mateu chegou a adquirir as seguintes propiedades inmobiliarias: a Casa Comalat na Diagonal de Barcelona, o Mas Rossell, unha torre modernista chamada torre Mateu —tamén coñecida como La Miranda— na súa vila natal, e tamén era posuidor dunha masía no Montseny.[6]
Galardóns
[editar | editar a fonte]En 2021, a FIVA (Federación Internacional de Vehículos Antigos) incluíu a Damián Mateu no seu Salón da Fama cos seus 14 primeiros heroes da historia do automobilismo.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 La Hispano-Suiza. Damián Mateu. Arquivado 26 de decembro de 2009 en Wayback Machine. Vehículo Clásico.es.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Damián Mateu Bisa. Real Academia da Historia.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Damián Mateu. Hsypegaso.webcindario.com.
- ↑ 4,0 4,1 Mateu Bisa, Damián (1863-1935). Mcnbiografias.com.
- ↑ Dos pioners amb personalitat Arquivado 25 de xaneiro de 2021 en Wayback Machine., páxina 4. Diari de Girona.cat.
- ↑ 6,0 6,1 Damián Mateu Bisa, el motor de la fortuna (12-02-2023). Elconfidencial.com.
- ↑ Commemoracions 2013 (Generalitat de Catalunya) (ed.). "Damià Mateu i Bisa".
- ↑ FIVA lanza el Salón de la Fama con sus 14 primeros “héroes de la historia del automovilismo” (06-09-2021). Feva.es.