Deputado, deputada
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde novembro de 2017.) |
Deputado, integrante dun Parlamento ou dunha Cámara dos Deputados. Nos sistemas bicamerais xeralmente integran a cámara baixa, mentres que a cámara alta está integrada polos senadores. Representan a soberanía popular.
Teñen a responsabilidade de ser os representantes do pobo e nos sistemas democráticos son elixidos polo voto libre e segredo dos cidadáns.
No Reino Unido e noutros países que seguen o seu sistema parlamentario os deputados coñécense como Membros do Parlamento (Member of Parliament en inglés, frecuentemente abreviado en MP)
Parlamento Europeo
[editar | editar a fonte]Os deputados da Unión Europea coñécense como eurodiputados. Na primeira lexislatura do Parlamento Europeo, os deputados da Unión Europea do 1 de maio de 2004 con 25 países membros, o número de eurodiputados elevouse temporalmente a 788. Carecen de iniciativa lexislativa.
Parlamento de Galicia
[editar | editar a fonte]Os deputados do Parlamento de Galicia son elixidos por sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto por un prazo de catro anos. Gozan de inviolabilidade polos votos e opinións que emitan no exercicio de seu cargo. Non poden ser detidos nin retidos polos actos delituosos cometidos no territorio de Galicia a non ser en situación de flagrante delito, correspondendo decidir, en todo caso, sobre a súa inculpación, prisión, procesamento e xuízo ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Fóra de Galicia, a responsabilidade penal será esixible nos mesmos termos perante a Sala do Penal do Tribunal Supremo. Teñen xunto ao Parlamento e a Xunta de Galicia a iniciativa lexislativa.
Congreso dos Deputados de España
[editar | editar a fonte]Segundo a Constitución de 1978 o pobo español está representado polo Congreso dos Deputados e o Senado. As dúas cámaras forman as Cortes Xerais. As Cortes Xerais exercen o poder lexislativo do estado, aproban os orzamentos, controlan o poder executivo e exercen o resto de competencias que lles atribúe a Constitución.
Ninguén pode ser ó mesmo tempo deputado e senador. O cargo de deputado é incompatible co correspondente nunha asemblea dunha comunidade autónoma. O mandato dos membros das cortes non é imperativo.
O número de deputados pode ir de 300 a 400 e deben ser elixidos por sufraxio universal, libre, igual directo e secreto. A circunscrición electoral para a elección de deputados e senadores é a provincia. Ceuta e Melilla están representadas por un deputado cada unha.
A elección faise en cada circunscrición segundo criterios de representación proporcional, en concreto, en España aplícase o Método D'Hondt para distribuír os escanos entre listas electorais pechadas.
O mandato dos deputados dura, como moito, catro anos (supondo que non se disolva a cámara con anterioridade). Para a elección e o desenvolvemento do cargo poden ser elixidos todos os españois no uso dos seus dereitos políticos. A lei recoñece o dereito de sufraxio dos españois que se atopen fóra de España.
Non son elixibles para o cargo de deputado: os compoñentes do Tribunal Constitucional, os altos cargos da Administración do Estado (excepto os membros do Goberno) que determine a lei, o Defensor do Pobo, os maxistrados, xuíces e fiscais, os militares profesionais, os membros das forzas e corpos de seguridade e os membros das Xuntas Electorais. A validez das actas de deputado e as súas credenciais están sometidas ó control xudicial nos termos que marca a lei electoral.
Os deputados gozan de inviolabilidade polas opinións que manifesten no exercicio do seu cargo. Tamén dispón de inmunidade para ser detidos, a non ser en caso de flagrante delito. Para que sexan procesados necesítase a autorización previa da cámara. As causas contra deputados son competencia do Tribunal Supremo. O soldo dos deputados vén fixado pola propia cámara.
Os deputados forman parte das comisións de Investigación designadas pola cámara. O Congreso nomea unha Deputación Permanente cun mínimo de 21 deputados.
O voto dos deputados non se pode delegar.