Saltar ao contido

Desenvolvemento sustentábel

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Desenvolvemento sostíbel»)

A enerxía termosolar de concentración utiliza un recurso natural como a enerxía solar, e é por tanto unha fonte de enerxía renovable. De esquerda a dereita centrais térmicas solares de torre PS10 e PS20, en Andalucía, España.

Denomínase desenvolvemento sostible[1][2] ou desenvolvemento sustentábel a un concepto económico, ecolóxico e social aparecido no final do século xx coa constatación de que o desenvolvemento económico precisa ponderar o impacto humano por explotación dos ecosistemas e na biodiversidade coa preservación da calidade de vida das poboacións humanas a nivel global. Iso implica, por exemplo, a xestión racional e equilibrada dos recursos minerais e o uso racional dos recursos dos ecosistemas do planeta.

A idea de desenvolvemento sustentábel ten por base o principio de que o ser humano debería gastar os recursos naturais de acordo coa capacidade de renovación dos mesmos, de modo a evitar o seu esgotamento.

A súa definición é "o desenvolvemento que atende ás necesidades do presente sen prexudicar a capacidade das futuras xeracións de atender as súas propias necesidades" que se formalizou por primeira vez en 1987 no documento das Nacións Unidas coñecido como o Informe Brundtland.[3] Denominado así pola primeira ministra norueguesa Gro Harlem Brundtland, froito da Comisión Mundial de Ambiente e Desenvolvemento de Nacións Unidas, creada durante a Asemblea das Nacións Unidas en 1983. Dita definición asumiuse no Principio 3º da Declaración de Río (1992) aprobada na "Conferencia das Nacións Unidas sobre o ambiente e o desenvolvemento". É a partir deste informe cando se acatou o termo inglés sustainable development.

A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable: Galicia e España

[editar | editar a fonte]

Foi asinada no ano 2015 por todos os países membros das Nacións Unidas e representa o compromiso internacional para facer fronte aos retos sociais, económicos e ambientais da globalización, poñendo no centro ás persoas, o planeta, a prosperidade e a paz, baixo o lema de non deixar a ninguén atrás.

O núcleo da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable son os denominados Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable. Trátase de 17 obxectivos concretados en 169 metas de carácter universal, integrado e indivisible, que constitúen un ambicioso plan de acción cara ao desenvolvemento sustentable que ten que ser alcanzado antes do ano 2030. A Asemblea Xeral das Nacións Unidas estableceu que estes 17 obxectivos e 169 metas foran obxecto de seguimento utilizando o marco de indicadores proposto pola Comisión de Estatística das Nacións Unidas, actualmente formado por 247 indicadores (231 indicadores diferentes, xa que algúns indicadores se repiten). Cos indicadores dispoñibles para Galicia e España ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística[4] podemos facer unha avaliación para a década 2010-2019 (ano previo á pandemia da Covid-19) segundo recollemos no seguinte recadro.

2010 2010 final final
INDICADORES DE SOSTIBILIDADE AMBIENTAL (IGE) GALICIA ESPAÑA GALICIA ESPAÑA
Intensidade enerxética primaria (Ktep/Meur2010) (2019)[5] 150,0 120,0 123,0 106,0
Emisións de gases invernadoiro por unidades de PIB (2019)[6] 0,5 0,3 0,4 0,3
Emisións de gases invernadoiro por habitante (2019)[7] 10,1 7,8 8,5 6,9
Emisións efecto invernadoiro (2019, 2010 = 100)[8] 100,0 100,0 82,0 88,0
Viaxeiros no transporte urbano regular (2019) (% G/E)[9] 2,1 100,0 3,5 100,0
Auga consumida nos fogares (litros/hab/día) (2018)[10] 131,0 142,0 125,0 133,0
Consumo auga sectores económicos (2018, 2010=100)[11] 100,0 100,0 130,0 93,0
Poboación en vivendas inaxeitadas (2020)[12] 26,7 21,8 24,3 14,7
Resíduos sólidos urbanos (RSU) (2018, 2010 = 100)[13] 100,0 100,0 93,5 93,1
Porcentaxe de RSU incinerados (2018)[14] 49,6 11,8 46,6 11,5
Porcentaxe de RSU reciclados (2018)[15] 19,3 31,3 19,7 35,1

EMISIÓNS

As emisións de gases de efecto invernadoiro -que están por tras do colapso climático- tanto en relación ao PIB, como por habitante ou en volume absoluto melloran, redúcense, en Galicia entre 2010 e 2019. Pero seguimos por riba do conxunto de España nun 140 % e nun 124 % respectivamente. Téñase en conta que a referencia española media non é nada virtuosa. Referencia que tamén superamos na intensidade enerxética (consumo de enerxía por unidade de PIB). Polo lado da demanda o indicador de uso de transporte urbano colectivo fronte ao particular infórmanos de que a cota galega no total español está moi por baixo da que temos en poboación (un 3,5 % fronte a un 5,7 %).

RESÍDUOS

A cantidade de residuos xerados por persoa en Galicia está por baixo da media española e ten unha lixeira tendencia minguante. Neste caso a cualificación non é negativa. Non sucede o mesmo coa xestión dos residuos. Pois a cota de incineración é moi alta e a de reciclados moi baixa respecto do que sucede no conxunto de España. Temos unha estrutura inversa na xestión dos residuos. E hai que lembrar que o ambientalmente máis sustentable é a reciclaxe fronte a incineración.

AUGA

Nos indicadores relativos á subministración das augas Galicia acada un aprobado: un é positivo e outro negativo. É positivo o indicador de auga consumida ao día nos fogares, pois é minguante e segue a estar por baixo da cifra media española. É negativo o indicador que cuantifica a evolución dos consumos de auga non domésticos. Consumos que se reducen algo no conxunto de España mentres que en Galicia medran un trinta por cento.

SÍNTESE FINAL Nas emisións contaminantes á atmosfera Galicia, sempre verbo do conxunto de España, ten un suspenso absoluto. Na xestión dos residuos un claro suspenso. E só no consumo de auga acadamos un aprobado raspado. Nestas tres dimensións ambientais a cualificación global de Galicia da derradeira década de crecemento económico é claramente desfavorable. Trátase da década 2010-2019: dende a post crise do 2008 ao ano previo á actual crise do Covid.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]