Diego Páez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | valor descoñecido Aragón, España |
Morte | Despois de 1104 |
Bispo de Iria Flavia | |
Actividade | |
Ocupación | sacerdote |
Período de actividade | 1070 - 1086 |
Descrito pola fonte | Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada |
Diego Páez[1][2][3][4] ou Diego Peláez[5][6][7][8][9][10][11] naceu en Aragón en data descoñecida e finou, desterrado de Galicia, en Aragón, en data tamén descoñecida.[7] Foi unha das figuras máis salientables da nobreza eclesiástica da Galicia medieval. Nomeado polo rei Sancho II de Castela, foi bispo de Iria e Compostela do 1071 ao 1088,[8] e contribuíu á grandeza da diocese e do Señorío de Santiago no século XI.
Goberno en Compostela
[editar | editar a fonte]Foi designado como bispo logo de ser apreixado o rei García de Galicia polo seu irmán o rei de León Afonso VI. Porén, foi sempre sospeitoso de apoiar o malfadado rei galego.
Acometeu a reorganización dos extensos territorios do Señorío feudal de Santiago. Este posesión feudal abranguía as terras entre o río Iso e o Atlántico. Esforzouse por mellorar a xustiza, a administración e a defensa militar fronte os ataques normandos e os conflitos interiores.
Acuñou moeda e deu un importante pulo ao intercambio comercial.
Aplicou medidas contra a indisciplina do clero, chegou a acordos co mosteiro de San Paio de Antealtares plasmados na Concordia de Antealtares e limitou a expansión do poderío bieito do Mosteiro de San Martiño Pinario.
Iniciou, ao redor do ano 1075, as obras da gran catedral románica de Santiago. A anterior fora destruída polas incursións devastadoras do caudillo musulmán Almanzor durante os días do rei galego Vermudo II. A través da escola catedralicia atraería o máis florido da cultura europea do momento. Puxo as obras baixo a dirección do mestre Bernardo. Impulsou as peregrinacións a través do Camiño de Santiago ata facer delas un fenómeno de escala continental.
Considéraselle un dos impulsores da reforma gregoriana nos reinos hispánicos.
Liortas políticas
[editar | editar a fonte]Dende a súa fasquía de figura política, salienta o seu enfrontamento co rei de León Afonso VI. Ao reconquistar este monarca a taifa de Toledo (1085), Páez tentou que a vella capital visigótica non fose a nova cabeceira eclesiástica e política dos reinos cristiáns. Santiago de Compostela arelaba ocupar esa posición como sé apostólica e meta de cristiandade xacobea dende Armenia ata Fisterra. Pero nin a galega sé de Braga, nin a castelá de Toledo estaban dispostas a ceder o que entendían que eran os seus dereitos históricos. Braga fora restaurada polo rei García de Galicia; Toledo érao agora por Afonso VI de León.[6]
Semella que se viu envolto no levantamento do líder da nobreza galega Rodrigo Ovéquiz. Este foi un conflito violento que o rei leonés tardou dous anos en sufocar. Estas axitacións, animadas tanto dende a nobreza laica como eclesiástica, determinaron ao monarca a dividir o reino de Galicia en dúas tenzas feudais. Unha, en 1090, baixo o mando do conde Raimundo de Borgoña e a súa filla Urraca (totia Gallecia Imperatrix) ao norte do río Miño. Outra, en 1095, baixo Henrique de Borgoña e a súa filla ilexítima Tareixa nas terras portucalenses.[6][12]
Acusación e caída
[editar | editar a fonte]Neste clima de inestabilidade política, Diego Páez sofre a acusación de traizón. Semella que conspirou para restaurar a independencia do reino de Galicia coa alianza do caudillo normando Guillerme o Conquistador.[4][13]
Pois os seus inimigos, movidos polos celos da envexa, dixeron que tentaba entregar o reino de Galiza ó rei dos ingleses e normandos e tirarllo ó rei dos hispanos. Se isto, divulgado por tódolos lugares, foi certo ou non, non é agora o noso asunto. —Historia Compostelá (séc. XII) [14]
|
Esta acusación tivo como consecuencia a súa deposición no Concilio de Husillos (1088). Asemade foi encarcerado e humillado por Afonso VI. O papa Urbano II desautorizou fulminantemente o monarca e confirmou o bispo na súa sé de Santiago de Compostela.[5]
As presións da corte castelá-leonesa e do arcebispo Bernardo de Toledo acadaron que Páez fose finalmente despoxado da súa diocese. O Papa, porén, dispuxo que podía exercer o ministerio episcopal no caso de que outra diocese o chamase. En 1904 escapou da prisión e refuxiouse en Aragón.[15] Ese mesmo ano, nomeouse ao cluniaco francés Dalmacio, bispo de Iria e Compostela. Dalmacio fora enviado polo poderoso abade Hugo de Cluny coa misión encuberta de arranxar os desacordos entre os condes Raimundo e Henrique de Borgoña.[16] Tras a morte de Urbano II, o novo papa Pascual II recoñeceu que fora xustamente deposto.
Predecesor: Gudesteo |
Bispo de Compostela - Iria 1071 - 1088 |
Sucesor: Dalmacio |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-18.
- ↑ "Diego Páez". Enciclopedia Galega Universal 7. Ir Indo. 1999-2002. p. 309. ISBN 84-7680-288-9.
- ↑ "Diego Páez". Diccionario enciclopédico galego universal 21. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 124. ISBN 84-7680-429-6.
- ↑ 4,0 4,1 López Carreira, A. (2013). Historia de Galicia Arquivado 09 de agosto de 2016 en Wayback Machine., p. 132, Xerais, ISBN 978-84-9914-532-7: "No ano 1087 o conde Rodrigo Ovéquiz e o bispo Diego Páez pretendían entronizar en Galicia a Guillerme o Conquistador, rei normando de Inglaterra, en contra de Afonso VI.
- ↑ 5,0 5,1 López Alsina, Fernando: «La "inventio" del cuerpo de Santiago» en Villares (dir.) (1991), Historia de Galicia, v. 1, p. 247, Faro de Vigo, ISBN 84-404-9520-X (en castelán).
- ↑ 6,0 6,1 6,2 González López, E. (1980), Historia de Galicia, p. 71, 1980, La Voz de Galicia, ISBN 8485287223 (en castelán).
- ↑ 7,0 7,1 Barreiro Somoza, J.: "Diego Peláez" en Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada
- ↑ 8,0 8,1 "Diego Peláez". Diciopedia do século 21 1. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 701.
- ↑ 9,0 9,1 Yzquierdo Perrín (2008) "Aspectos de la vida cotidiana en el románico y gótico de Galicia" en Arte y vida cotidiana en época medieval. ISBN 978-84-7820-933-0.
- ↑ Elías de Tejada, F. (1966) El Reino de Galicia hasta 1700, p. 56, Galaxia (en castelán).
- ↑ Breve Historia de Galicia (cómic), p. 27, 1984, José Antonio Parrilla García, Caixa Galicia, ISBN 8485620089.
- ↑ Míguez Macho, Antonio (2011). Historia breve de Galicia (en castelán). Silex. ISBN 978-84-7737-507-4.
- ↑ González López, Emilio (1978). Grandeza e decadencia do reino de Galicia. Editorial Galaxia. p. 177. Consultado o 16-08-2018.
O Rei de Castela [Afonso VI] alegóu contra o bispo de Iria (Compostela) o crime de que tratara de entregar o reino de Galicia a Guillermo o Conquistador.
- ↑ Falque Rey, Emma (1994) [séc. XII]. Historia compostelana (en castelán). Ediciones AKAL. p. 299. Consultado o 16-08-2018.
- ↑ Armesto 1971, p. 150.
- ↑ Armesto 1971, p. 151.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Nodar Fernández, Victoriano (2004) Los inicios de la catedral románica de Santiago. El ambicioso programa iconográfico de Diego Páez, ISBN 84-453-3913-3.
- "El arte románico". Enciclopedia Temática de Galicia. Arte (en castelán) 5 (4ª ed.). Barcelona: Ediciones Nauta. 1990. p. 34. ISBN 84-278-1210-8.
- Armesto, Victoria (1971). Galicia feudal. Editorial Galaxia.