A tempada 2016-2017 da División de Honra B é a décimo novena edición da segunda división do rugby en España. Organizada pola Federación Española de Rugby, é por terceiro ano seguido o único nivel intermedio entre a máxima competición nacional, a División de Honra, e as diversas ligas rexionais de cada federación autonómica.
A competición conta con 36 equipos participantes, catro deles filiais de clubs que compiten na División de Honra (Santboiana, El Salvador, Cisneros e Alcobendas). Os 36 equipos están divididos en tres grupos segundo criterios xeográficos, tendo cada grupo 12 equipos.
A liga regular está composta por 22 xornadas, nas que cada equipo xoga contra tódolos rivais do seu grupo dúas veces, unha como anfitrión e outra como visitante. Ó remate da tempada regular levarase a cabo a fase de ascenso, na que terán dereito a competir oito equipos: os dous primeiros equipos de cada grupo e os dous terceiros que teñan máis puntos na liga. A fase de ascenso consiste en eliminatorias directas con encontros de ida e volta (cuartos de final, semifinais e final). O gañador da final será o único equipo que acade o ascenso directo, mentres que o outro equipo finalista aínda terá a oportunidade de ascender nunha eliminatoria de promoción na que se enfrontará ó penúltimo equipo da máxima categoría.
Posicións que clasifican para fase de ascenso (1º e 2º). Posicións que clasifican para fase de ascenso (mellores terceiros). Posición de promoción de permanencia (11º). Posición de descenso directo (12º).
PX - Partidos xogados PG - Partidos gañados PE - Partidos empatados PP - Partidos perdidos
PF - Puntos a favor PC - Puntos en contra BO - Bonus ofensivos BD - Bonus defensivos
O título de campión da División de Honra B foi para o Club de Rugby La Vila, que acadou o ascenso directo á máxima categoría do rugby español. O subcampión foi o Club Deportivo Aparejadores Rugby Burgos, por un punto, que acadou o dereito a disputar a promoción de ascenso fronte ó penúltimo da máxima categoría, o Getxo Rugby Taldea, que acadou a permanencia batendo ós de Burgos nos dous encontros por 19-47 e 85-0.