Domus do Mitreo
Museo Universitario A Domus do Mitreo | |
---|---|
Vista interior da Domus do Mitreo. | |
Coordenadas | 43°00′33″N 7°33′33″O / 43.009222222222, -7.5591111111111 |
País | España |
Cidade | Lugo |
Na rede | |
https://adomusdomitreo.com | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
A Domus do Mitreo é un museo universitario, situado na cidade de Lugo, que acolle unha antiga vivenda romana e un templo consagrado ao deus Mitra. A domus descubriuse durante unhas escavacións arqueolóxicas no Pazo de Montenegro, adquirido pola Universidade de Santiago de Compostela a finais da década de 1990. Atopáronse os restos dunhas antigas construcións romanas que se inician no século I. Rematadas as escavacións, a parte baixa do vicerreitorado da USC en Lugo converteuse en museo. O museo é propiedade da USC e do Concello de Lugo, e está xestionado pola Universidade.[1]
O espazo
[editar | editar a fonte]En xullo de 1998 a Universidade de Santiago de Compostela adquiriu o pazo de Montenegro e os edificios adxacentes, que estiveran deshabitados durante décadas, para rehabilitalos e urbanizalos de acordo cun proxecto arquitectónico que proporcionaría á cidade un inmoble para acoller a Vicerreitoría do Campus de Lugo e mais outras instalacións culturais.[2] As escavacións acadaron unha superficie de 600 m² e leváronse a cabo durante varias campañas entre 2000 e 2007 baixo a supervisión do arqueólogo Celso Rodríguez Cao, aínda que non foi posible chegar máis aló da Porta de Santiago nin da praza de Pío XII, situada diante da catedral, o que impediu coñecer outros aspectos relevantes da cronoloxía dos restos arqueolóxicos.[3] No sitio documentouse unha domus romana que conta con diferentes fases de construción. No Baixo Imperio sufriu unha gran reforma e construíuse un templo mitraico. Coa construción da Muralla de Lugo abandonouse a domus, se ben o templo a Mitra seguiu en uso durante un tempo. O espazo da domus acolleu traballos relacionados coa propia construción da Muralla, como un muíño no interior do Oecus.
O sitio seguiu ocupado nas diferentes fases históricas da cidade. Atopáronse restos que van dende a Idade Media, como o cemiterio vinculado á catedral de Lugo, ata a época contemporánea, como o propio pazo de Montenegro.
Musealización
[editar | editar a fonte]O espazo musealizado agrupa diversos restos arqueolóxicos en tres recintos: o vestíbulo, a planta subterránea (con pano da muralla orixinal e templo de Mitra) e o primeiro andar. As instalacións do museo permiten o acceso á escavación arqueolóxica desde a planta baixa, e a un espazo expositivo situado no primeiro andar que explica a evolución histórica desa área da cidade e dos edificios construídos desde a Idade Media ata a actualidade.[4] Trala construción do edificio, cuxo proxecto e dirección correu a cargo do arquitecto Felipe Peña, o proxecto de musealización adiouse durante varios anos, por mor do seu elevado custo. Finalmente, tras un investimento final, o Museo Universitario abriu as súas portas o 22 de marzo de 2018.[5]
Conta cunha sala de conferencias situada na planta baixa (a Casa do Saber). O espazo é accesible mediante unha plataforma elevadora.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Museo Universitario da Domus do Mitreo". Concello de Lugo. Consultado o 22/05/2020.
- ↑ Varela, Suso (23-03-2018). "A historia de Lugo encerrada nunha casa". La Voz de Galicia. Consultado o 22-05-2020.
- ↑ Dopico Caínzos (2017-2018), p. 65
- ↑ "O Museo Universitario A Domus do Mitreo fai accesible a historia da cidade de Lugo desde a época romana ata a contemporánea". USC Campus Terra. Arquivado dende o orixinal o 28/05/2020. Consultado o 21/05/2020.
- ↑ "O Museo Universitario A Domus do Mitreo fai accesible a historia da cidade de Lugo desde a época romana ata a contemporánea". USC Campus Terra. 22/03/2018. Arquivado dende o orixinal o 28/05/2020. Consultado o 22/05/2020.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alvar, Jaime; Gordon, Richard; Rodríguez Cao, Celso (Xan, 2006). "The Mithraeum at Lugo (Lucus Augusti) and its conection with Legio VII Gemina". Journal of Roman Archaeology (19): 266–277. doi:10.1017/S1047759400006383.
- Dopico Caínzos, María Dolores (2017-2018). "Lucus Augusti: perspectivas para su investigación". Estudios humanísticos. Historia (en castelán) (León: Universidade de León) (16): 55–81. ISSN 1696-0300. doi:10.18002/ehh.v0i16.6125.
- Rodríguez Cao, Celso (2022). A Domus do Mitreo (2 ed.). Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC. ISBN 978-84-19155-78-8.
- Rodríguez Cao, Celso (2021). La domus del Mitreo. Un enclave singular en Lucus Augusti. Deputación de Lugo. ISBN 978-84-8192-577-7.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Web oficial
- Información sobre o museo
- "A historia de Lugo encerrada nunha casa". La Voz de Galicia. 23 de marzo de 2018.