Portal:Lugo
Artigo destacado
O Club Baloncesto Breogán S.A.D., coñecido por motivos de patrocinio como Cafés Candelas Breogán, é un club de baloncesto profesional da cidade de Lugo (Galicia). Fundado en 1966 polos irmáns Varela Portas e Prado, ascendeu por primeira vez á máxima categoría en 1970, converténdose nun dos equipos máis importantes da historia do baloncesto estatal, ocupando a novena posición na clasificación histórica de clubs. Con participacións en competicións europeas, milita na segunda categoría, a Liga LEB.
Os seus xogadores visten un uniforme que consiste nunha camiseta cor celeste cun pantalón da mesma cor, aínda que nalgunhas tempadas este foi branco ou azul mariño. A súa pista de xogo, despois de trasladarse dende o Pavillón Municipal, é o Pazo dos Deportes, tamén sede oficial do club, que conta con capacidade para 7.500 espectadores, estando entre as dez canchas europeas con mellor media de asistencia. O seu actual presidente é Antonio Veiga. O club tamén dispón dun filial na liga EBA, o Club Estudiantes, contando ademais con múltiples equipos que xuntan a rapaces de tódalas idades, formando unha das mellores canteiras do Estado. Lugar de interese
A muralla de Lugo é unha fortificación que data do Imperio Romano situada na cidade de Lugo, en Galicia, sendo a única muralla destas características que se conserva no mundo. Comezou a súa construción probablemente contra o ano 260, ao medrar a importancia de Lucus Augusti como centro de comunicacións e comercial do norte peninsular. A devandita construción delongouse ata a época de Constantino, rematando sobre o ano 325. Moitos séculos máis tarde, xa no século XX, concretamente en 1921, quedou catalogada como Monumento Nacional, e case oitenta anos máis tarde, o 30 de novembro de 2000, a UNESCO declarouna Patrimonio da Humanidade.
O perímetro da muralla, que forma unha elipse imperfecta, é de 2.266 metros e a súa altura varía entre os 8 e os 12 metros, sendo unha das fortificacións máis grandes do seu tempo. A área que circunscribe é de 33,4 hectáreas. En orixe tiña 85 torres, das que se conservan 71 (sesenta de planta circular e once de planta cuadrangular), e a súa función era defensiva. Inicialmente a muralla tiña cinco portas, mais posteriormente abríronse outras cinco. O 6 de outubro de 2007, a Muralla irmandouse coa Gran Muralla Chinesa, nunha cerimonia presidida polo alcalde de Lugo Xosé Clemente López Orozco e o embaixador chinés Qui Xiaoqi. Imaxe destacada
Biografía destacada
Xulia Minguillón Iglesias, nada en Lugo o 17 de xullo de 1906 e finada en Madrid o 22 de agosto de 1965, foi unha pintora galega de renome. Está intimamente ligada aos movementos artísticos da vangarda en Galiza. A súa primeira achega artística ten lugar en 1933. Ten no seu haber a Medalla das Belas Artes pola súa pintura Escola de Doloriñas, outorgada polo Estado Español. A pintura está exposta ao público no Museo provincial de Lugo. As cidades de Lugo, A Coruña e Vigo teñen senllas rúas co seu nome. Sabías que...?
Artigos de calidade e bos
Portais relacionados
Proyectos irmáns
|