Saltar ao contido

Portal:Suráfrica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
[[Ficheiro:|1100px]]

A República de Suráfrica é unha república situada no extremo sur do continente africano, cunha liña de costa de 2.798 quilómetros entre os océanos Atlántico e Índico. Limita ao norte con Namibia, Botswana e Cimbabue; ao leste con Mozambique e Eswatini; mentres que Lesoto é un país independente completamente rodeado polo territorio surafricano.

Suráfrica é coñecida pola súa variedade de culturas e linguas, sendo recoñecidos pola súa constitución once idiomas oficiais, dos que dous son de orixe europea: o afrikaans, unha lingua que xurdiu principalmente do neerlandés, e o inglés surafricano. Aínda que o inglés é a lingua máis utilizada na vida pública e de negocios, é tan só a quinta lingua máis falada nos fogares.

Ademais das linguas, o país é tamén etnicamente diverso. Ao redor do 79,2% da poboación surafricana é de orixe negra africana, dividida nunha gran variedade de grupos étnicos que falan diferentes linguas bantús, nove das cales teñen carácter oficial. En Suráfrica tamén viven grandes comunidades de europeos, hindús e etnicamante mixtas. Ao redor dunha cuarta parte da poboación carece de emprego e vive con menos dun euro ao día. Suráfrica é tamén un dos membros fundadores da Unión Africana, da cal posúe a economía máis grande de tódolos membros. Tamén foi membro fundador das Nacións Unidas e é membro entre outras organizacións da Commonwealth de Nacións, da Organización Mundial do Comercio ou do Fondo Monetario Internacional.

Artigo destacado

editar

A selección de rugby de Suráfrica (popularmente coñecida coma os Springboks ou Bokke) é o equipo nacional que representa a Suráfrica nas competicións absolutas masculinas de rugby. Os Springboks visten camisola verde co colo dourado, pantalón branco e medias verdes. O seu emblema tradicional é o Springbok (un tipo de gacela) e mais recente é a Protea (planta floral típica do sur de África) que é un emblema nacional en xeral. Suráfrica leva xogando ao rugby dende 1891, cando un combinado das Illas Británicas fixo unha xira polo país, xogando os Springboks o seu primeiro partido o 30 de xullo. O actual adestrador do equipo é Jacques Nienaber.

A selección de Suráfrica gañou a Copa do Mundo de Rugby en catro ocasións: 1995, 2007, 2019 e 2023, sendo a selección cun maior número de títulos, e ocupa o primeiro posto na clasificación oficial de World Rugby. Aínda que Suráfrica foi parte na creación do Mundial de Rugby, os Springboks non foron autorizados a participar nas dúas primeiras edicións de 1987 e 1991 debido á loita contra o apartheid.

Á parte de participar cada catro anos na Copa do Mundo, os Springboks compiten cada ano no Rugby Championship (o antigo Tri Nations), que teñen gañado en catro edicións: 1998, 2004, 2009 e 2019. Ademais Suráfrica ten recibido 14 xiras dos British and Irish Lions (selección dos mellores xogadores de Inglaterra, Gales, Escocia e Irlanda) dende 1891 ate 2021, sendo eventos moi seguidos polos medios, e nas que os Springboks gañaron 9 das 14 series disputadas: 1903, 1910, 1924, 1938, 1962, 1968, 1980, 2009 e 2021.

Os Springboks se caracterizan por un xogo de desgaste físico, de presión ó rival con placaxes dominantes e patadas a seguir, que contrasta co estilo do seu máximo rival histórico, os All Blacks de Nova Zelandia, que se caracterizan por levar a cabo un rugby expansivo con xogo á man.

A selección de rugby de Suráfrica recibiu o Premio Laureus como mellor equipo do deporte mundial nos anos 2008 e 2020, e estivo entre os nomeados en 2010. Os Springboks son o único equipo de rugby que acadou ese recoñecemento dúas veces.

Cidade destacada

editar

Cidade do Cabo (en inglés: Cape Town; en afrikaans: Kaapstad; e en xosa: iKapa), tamén coñecida en galego como Capetón, adaptación fonética do topónimo inglés realizada polos mariñeiros galegos que pescaban nesas augas, é a cidade máis vella de Suráfrica e a segunda máis poboada despois de Xohanesburgo, con 4 710 000 hab. (2021). A cidade é a capital da provincia do Cabo Occidental, así como a capital lexislativa de Suráfrica (dende 1910), e polo tanto acolle o Parlamento de Suráfrica e outras sedes gobernamentais.

A cidade é coñecida polo seu porto, a súa contorna Patrimonio da Humanidade coñecida como as Áreas protexidas da Rexión Floral do Cabo, e por fitos como a Montaña da Mesa e o Cabo Point. En 2014, Cidade do Cabo foi considerada como o mellor lugar do mundo para visitar polo xornal The New York Times e tamén polo The Daily Telegraph en 2016.

Categorías
Biografía destacada

editar

Nelson Rolihlahla Mandela, nado en Mvezo o 18 de xullo de 1918 e finado en Xohanesburgo o 5 de decembro de 2013, foi un activista, líder político e filántropo surafricano, presidente do país dende 1994 ata 1999. Foi o primeiro xefe de estado de raza negra do país e o primeiro elixido nunha elección democrática completamente representativa. O seu goberno centrouse na disolución do apartheid procurando combater o racismo institucionalizado e fomentar a reconciliación racial. De ideoloxía nacionalista africana e socialista, presidiu o Congreso Nacional Africano (CNA) dende 1991 ata 1997.

Mandela naceu no seo da familia real tembu do pobo xosa. Estudou dereito na Universidade de Fort Hare e na Universidade de Witwatersrand antes de traballar como avogado en Xohanesburgo. Alí comezou a involucrarse na política nacionalista africana e anticolonialista, uníndose ó CNA en 1943 e cofundando a súa Liga Xuvenil en 1944. Mandela foi nomeado presidente da rama de Transvaal do CNA, acadando notoriedade coa súa participación na Campaña de Desafío de 1952 e no Congreso do Pobo de 1955. Foi arrestado en varias ocasións por sedición e xulgado no chamado Xuízo por Traizón de 1956, quedando en liberdade. Influenciado polo marxismo, uniuse en segredo ó Partido Comunista Surafricano (PCS). Malia que inicialmente comprometeuse coa protesta pacífica, cofundou a organización armada Umkhonto we Sizwe en 1961 xunto con outros membros do PCS e liderou unha campaña de sabotaxe contra o goberno. En 1962 foi arrestado por conspirar para derrocar o estado e sentenciado a cadea perpetua no Xuízo de Rivonia.

Pasou os seguintes 27 anos en prisión. Tras unha crecente presión doméstica e internacional e temendo unha guerra civil racial, o presidente F. W. de Klerk liberouno en 1990. Mandela e de Klerk negociaron a fin do apartheid e organizaron as eleccións xerais multirraciais de 1994 nas que Mandela liderou ó CNA para obter a maioría converténdose no presidente do país. Liderando un goberno de coalición que promulgou unha nova constitución, Mandela centrouse na reconciliación entre os grupos raciais do país e creou a Comisión para a Verdade e a Reconciliación para investigar abusos dos dereitos humanos no pasado. Mandela converteuse nun home de estado e centrouse en combater a pobreza e a SIDA por medio da súa fundación ata a súa morte no ano 2013 por mor dunha infección respiratoria.

Mandela foi unha figura controvertida durante gran parte da súa vida. Mentres que os críticos da dereita política denunciárono por terrorista comunista, a esquerda radical considerouno demasiado aberto a negociar unha reconciliación cos simpatizantes do apartheid. Porén, acadou a aclamación internacional polo seu activismo e está considerado unha icona da democracia e da xustiza social. Recibiu máis de 250 distincións, incluíndo o premio Nobel da Paz, e pasou a ser unha personalidade de culto. Obtivo un profundo respecto no seu país, onde adoita ser chamado polo seu nome de clan xosa Madiba, sendo descrito en ocasións como o "Pai da Nación".

Imaxe destacada

editar

Cartel nunha praia de Durban da época do Apartheid indicando que a área estaba reservada para persoas brancas.
Vexa o artigo racismo.


Sabías que...?

editar

Un león no Parque Nacional de Kruger.

Artigos de calidade e bos

editar

Artigos de calidade (1)

Artigos bos (0)

Proxectos relacionados
Portais relacionados
Proxectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

Wiktionary
Wiktionary

no Galizionario