Saltar ao contido

Portal:Gales

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Null
Mapa de Gales Benvido ó Portal de Gales!
Croeso i wiciborth Cymru!

Portal de Gales

Gales (Galés: Cymru; IPA pronunciado: /ˈkəmrɨ/, “Camri aproximadamente”) é unha das catro nacións constitutivas do Reino Unido, situada nunha península ao suroeste da illa de Gran Bretaña e limitada polos condados ingleses de Cheshire, Shropshire, Herefordshire e de Gloucestershire ao leste, a canle de Bristol (Môr Hafren) ao sur, o canal de San Xurxo (Sianel San Siôr) ao suroeste, e o mar irlandés (Môr Iwerddon) ao oeste e ao norte, e tamén polo esteiro do río Dee (Afon Dyfrdwy) no nordeste. En total cobre unha área de 20 720 km de norte a sur e duns 96 km de leste a oeste. Na actualidade (2005) conta cunha poboación de case tres millóns de habitantes e as cidades máis poboadas son Cardiff, capital de Gales con 300 000 habitantes, e Swansea con 190 000.

O ascetismo monástico galés, un sistema lexislativo secular altamente desenvolvido (Cyfraith Hywel) e unha tradición literaria distintiva ilustran un sentido forte da identidade cultural, que emerxeu nos galeses despois da retirada romana de Gran Bretaña no século V. Dos principais principados e reinos que existían en Gales, Gwynedd conservou a independencia ata o século XIII, cando foi conquistado tamén por Inglaterra. Porén, a anexión e a abolición formais da lei galesa non ocorreron ata o século XVI. O País de Gales (con todas as rexións unidas baixo un goberno) nunca foi un estado soberano, aínda que un número de principados rivais seguían sendo independentes ata a conquista inglesa. A partir do século XIX o País de Gales converteuse nunha das rexións máis industralizadas da época, provendo ao imperio británico e ás súas colonias extensas cantidades de carbón e de aceiro. O sector do servizo alcanzou só recentemente á industria como principal sector na economía de Gales. A pesar dun PIB máis baixo que o doutras rexións da Gran Bretaña, o diferencial entre o nivel de vida no País de Gales con outras partes de Gran Bretaña, non é excesivamente pronunciado. A partir do século XX ten lugar un renacemento da conciencia nacional galesa (xunto cun cambio de tendencia no descenso da lingua galesa).

Artigo destacado

editar

Eisteddfod é un festival de poesía e música. O termo provén dos lexemas galeses: eistedd ('sentar'), e fod ('ser'), e significa "sentar xuntos"; H. T. Edwards define a forma antiga do mesmo como unha reunión competitiva entre bardos e xograres, na que o gañador era elixido por un patrón nobre ou real. O primeiro documentado foi convocado por Rhys ap Gruffudd no Castelo de Aberteifi en 1176. Porén, a conquista inglesa de Eduardo I, o peche das escolas bardas e a anglicización da nobreza fixeron que caese en suspenso.

O formato actual débese a un rexurdimento no século XVIII promovido pola Gwyneddigion Society de Londres, despois cooptado pola Gorsedd Cymru, sociedade secreta fundada por Iolo Morganwg cuxas crenzas eran un composto de cristianismo e druidismo, filosofía e misticismo. Evans-Jones, de nome bardo Cynan (nome de reis galeses como Cynan Garwyn), poeta, ministro presbiteriano e Archdruid, creou novos rituais para os Gorsedd e Eisteddfod, baseados en crenzas cristiás galesas máis que no neodruidismo. Despois dunha iniciación aos Gorsedd en 2002, Marcus Tanner escribiu que parecía "extraído d'O Señor dos Aneis".

A pesar das influenzas druídicas e da natureza ficticia das doutrinas e cerimonias, tanto o Gorsedd como o eisteddfod foron aceptados e espallados polo clero anglicano e inconformista. O rexurdimento foi un factor principal na supervivencia da lingua, literatura e cultura galesas após máis de oito séculos de unión política con Inglaterra.

Desde o seu rexurdir no s. XVIII, a tradición foi levada fóra de Gales pola diáspora. Os eisteddfodau (plural) de hoxe son unha mestura de feira renacentista, festival celta, musical, literario e exposición suprema da cultura galesa. Ás veces o termo úsase para concursos que non teñen que ver coa cultura galesa, e tamén se adaptou como parte da loita para preservar outras linguas minorizadas como o irlandés, o córnico, o bretón, o gaélico escocés ou o jèrriais.

Lugar de interese

editar

O sendeiro da costa de Gales (galés: Llwybr Arfordir Cymru) é un paseo de longa distancia que percorre toda a liña costeira de Gales. Foi inaugurado o 5 de maio de 2012, e comprende 1.400 km de camiño entre Chepstow, no sur, ata Queensferry, no norte.

Gales é o primeiro país do mundo en ofrecer unha ruta ó longo de toda a súa costa. O sendeiro pasa por once Reservas Nacionais da Natureza e outras reservas, como as controladas por The Wildlife Trusts ou a Royal Society for the Protection of Birds (RSPB). Lonely Planet calificou a costa de Gales no primeiro lugar na súa clasicafición das 10 mellores de 2012.

O sendeiro da costa de Gales foi inaugurado o 5 de maio de 2012 como o primeiro sendeiro costeiro do mundo en cubrir toda unha nación.

Artigos de calidade (0)

Artigos bos (0)

Imaxe destacada

editar

Bryn Celli Ddu, unha tumba con cámara do Neolítico serodio.
Vexa o artigo de Ynys Môn.


...Arquivo
Biografía destacada

editar

Catherine Zeta-Jones, nada o 25 de setembro de 1969 en Swansea, é unha actriz, cantante e bailarina galesa de cinema e teatro. Ó longo da súa carreira como actriz recibiu moitos premios e recoñecementos polo seu talento. Entre eses premios destaca o Premio Óscar que acadou pola interpretación da asasina "Velma Kelly" no filme Chicago no ano 2002.

Comezou a súa carreira a unha idade moi temperá. Despois de protagonizar unha serie de telefilmes do Reino Unido e Estados Unidos e pequenos papeis en filmes, gañou notoriedade con papeis en películas de Hollywood como The Mask of Zorro en 1998 e o thriller Entrapment en 1999. Un papel que marcou unha inflexión na súa carreira foi como "Helena Ayala" en Traffic no ano 2000, polo que gañou o seu primeiro nomeamento ós Globos de Ouro por Mellor Actriz.

Fala de xeito fluído o galés, o inglés, o francés e o castelán.

Sabías que...?

editar

Gwladys ferch Dafydd.

  • ... que existe unha lenda que di que a nobre galesa Gwladys ferch Dafydd Gam era tan querida que cando morreu 3000 cabaleiros, nobres e campesiños chorando seguiron o seu corpo ata o seu enterramento?


...Arquivo
Portais relacionados
Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

Wiktionary
Wiktionary

no Galizionario