Gran Muralla Chinesa
A Gran Muralla Chinesa (chinés tradicional: 長城, chinés simplificado: 长城, pinyin: Cháng Chéng, "Longa fortaleza") é unha serie de fortificacións, construídas desde o século V a.C., de pedra, ladrillo, terra apisoada, madeira, e outros materiais, en xeral, ao longo dunha liña de leste a oeste a través das fronteiras históricas do norte da China para protexer aos estados chineses e o imperio da China dos ataques dos bárbaros de Mongolia e Manchuria. O principal propósito do muro non era impedir que fora atravesado, senón máis ben impedir que trouxeran cabalos con eles.
A Gran Muralla está formada por unha serie de murallas construídas e reconstruídas por diferentes dinastías durante máis de 1.000 anos.
Contando as súas ramificacións e construcións secundarias, calcúlase que ten 21 196 quilómetros de longo[1], desde a fronteira con Corea, á beira do río Yalu (Yalu Jiang), ata o deserto de Gobi, abarcando sete provincias, ao longo dun arco que delinea aproximadamente o bordo sur da Mongolia Interior, aínda que hoxe en día só se conserva un 30% dela.[2] De media, mide de 6 a 7 metros de alto e de 4 a 5 metros de ancho. No seu apoxeo, durante a dinastía Ming, foi custodiada por máis dun millón de guerreiros.[3]
A muralla foi designada Patrimonio da Humanidade pola Unesco no ano 1987[4]. Gran parte da Gran Muralla ten fama de ser o maior cemiterio do mundo. Aproximadamente 10 millóns de traballadores morreron durante a súa construción.[5] Non os enterraron no muro en si, senón nas súas proximidades.
O día 7 de xullo de 2007 deuse a coñecer que a muralla chinesa foi elixida como unha das gañadoras na lista das Novas Sete Marabillas do Mundo Moderno.[6]
A Gran Muralla está irmandada coa muralla romana de Lugo, tamén designada Patrimonio da Humanidade.
Historia
[editar | editar a fonte]A muralla construíuse durante o reinado do Primeiro Emperador da dinastía Qin, de curta duración. Non se construíu toda dunha vez, senón que é a unión de varios muros construídos durante un período de aproximadamente mil anos. A súa forma actual acabouse durante a dinastía Ming.
Períodos de construción
[editar | editar a fonte]Tradicionalmente, divídese a historia da construción da Gran Muralla en cinco partes:
Período anterior á unificación da Dinastía Qin
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Período das Primaveras e Outonos e Período dos Reinos Combatentes.
No século VIII a.C., no comezo do período coñecido como Período das Primaveras e Outonos, China segue un sistema feudal: o territorio divídese en centos de feudos ou estados dirixidos por príncipes, en teoría, todos reunidos baixo os reis da dinastía Zhou.
Pero co tempo, estes feudos foron anexados polos príncipes formando grandes principados no século VI a.C.; algúns deles foron o Estado de Chu e Wu, China foi rapidamente fragmentada en varios reinos independentes: é o comezo do período dos Reinos Combatentes.
Naquel tempo, varios estados comprométense á construción de muros para protexerse dos seus veciños e de pobos estranxeiros. Así, ao redor do século V a.C., o estado de Qi inicia a construción dun muro, algunhas das súas partes mantéñense aínda en pé. A mediados do século IV a.C., o estado de Wei comezou a construción dun muro na súa fronteira occidental, preto de Qi, e un segundo muro na súa fronteira oriental . Isto foi imitado polos estados de Yan e Zhao.
Comunmente, a técnica utilizada para realizar as paredes foi de capas de terra duns poucos centímetros que se amontoan unha encima doutra. As xuntas de madeira extraense, deixando unha parede de terra. Este método podería desenvolver rapidamente sólidos muros que poderian resistir séculos en pé.
Período da Dinastía Qin
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dinastía Qin.
No ano 221 a.C., Qin Shi Huang conquistou todos os estados que se lle opoñían e unificou China establecendo a dinastía Qin. A intención de impoñer un poder central e evitar o rexurdimento dos señores feudais, ordenou a destrución das murallas que dividían o seu imperio ao longo da antiga fronteira. Logo dos ataques das tribos Xiongnu ao norte, enviou ao xeneral Meng Tian, para asegurarse da derrota dos Xiongnu e, a continuación, emprender a construción dun muro máis aló do Río Amarelo para protexer mellor aos novos territorios conquistados conectando o resto de fortificacións ao longo da nova fronteira norte. O transporte dunha gran cantidade de materiais necesarios para a construción foi difícil, xa que logo, os construtores utilizaron os recursos locais como as pedras nas construcións de montaña e a terra apisoada para a construción na chaira.
Non hai rexistros históricos que indiquen a lonxitude exacta e o trazado de muralla na dinastía Qin, pero a pesar do debate entre os historiadores e a ausencia de acontecementos históricos, a Gran Muralla construída pola dinastía Qin permanece na imaxinación popular chinesa como unha colosal obra co alcumo de "muro de dez mil li" (5.760 km no valor de li da dinastía Qin).
Período da Dinastía Han
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Dinastía Han.
No 210 a. C., o emperador Qin Shi Huang morreu e a dinastía Qin que fundou sobreviviu uns poucos anos. No 202 a. C., Liu Bang, un ex soldado de orixe campesiña que foi mestre da China proclamouse emperador co nome Han Gaozu. Debilitada pola súa anterior guerra de sucesión contra o xeneral Xiang Liang, Gaozu abandona o mantemento da Muralla da era Qin, e cando os Xiongnu, agora unidos nunha confederación estaban ameazando a través da fronteira, Gaozu, no canto de adoptar unha ofensiva utilizando as paredes do mesmo xeito que Qin Shi Huang, trata de conseguir a paz con homenaxes e unha "harmoniosa unión" ou heqin, é dicir, a subministración chinesa de princesas para os xefes Xiongnu. Durante varias décadas, os seus sucesores farán o mesmo. Con todo, a Gran Muralla non está completamente abandonada: baixo o dominio do emperador Han Wudi recoméndaselle o establecemento de fronteiras tuntian (tipos de asentamentos militares agrarios) protexidos por pequenos muros para colonizar a rexión e impedir as incursións Xiongnu.
No 134 a. C. o statu quo entre os chineses e os Xiongnu foi roto e a diferenza dos seus antepasados, Han Wudi decidiu tomar unha ofensiva contra a confederación Xiongnu e iniciou no 129 a. C. unha primeira ofensiva, seguida de moitas outras. Wudi restaurou e conectou porcións da Muralla da dinastía Qin e logo estendeuna a través do que se convertería na ruta da seda. No 119 a. C., os Xiongnu son expulsados a través do deserto de Gobi na Mongolia interior, e unha nova sección do muro, de 400 km de longo foi construída e consérvase hoxe en día.
No ano 9 d. C., a dinastía Han vese ensombrecida pola efémera dinastía Xin, antes de ser restaurada o 23 d. C. polo emperador Geng Shi di que debe facer fronte ás guerras civís e cando o emperador Guang Wudi ascendeu ao trono dous anos despois, o seu exército é demasiado débil para conter eficazmente os Xiongnu. Ordenou a construción de catro novos muros para frear o seu avance e protexer á capital. Para rematar, ao redor do 48, os Xiongnu experimentaron loitas internas e divídense en dous grupos: Xiongnu do Norte e Xiongnu do Sur. Os Xiongnu do sur serven de amortiguación entre os seus homólogos no norte e a China estaba disposta a coexistir con eles. Ao final da dinastía Han, China dividiuse en tres reinos separados por fronteiras, facendo da construción e o mantemento das grandes paredes irrelevante.
Período de baixa actividade
[editar | editar a fonte]Desde o período dos Tres Reinos (220) ata fins da Dinastía Yuan (1300) a muralla non experimentou grandes cambios e extensións máis aló da reconstrución de sectores desgastados. Destacan pequenos períodos de construción do século V ao VII e dos séculos XI ao XIII.
Período da Dinastía Ming
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dinastía Ming.
A Gran Muralla como concepto reavivouse de novo durante a dinastía Ming logo da derrota do exército por parte dos oirates na Batalla de Tumu en 1449. Os Ming non tiveron unha clara vitoria e adoptaron unha nova estratexia para manter as tribos nómades afastadas da capital mediante a construción de muros ao longo da fronteira norte da China.
A diferenza das anteriores fortificacións, a construción da dinastía Ming foi máis forte e máis elaborada debido á utilización de ladrillos e pedra no canto de terra apisoada. Como consecuencia das incursiones mongois a través dos anos, dedicáronse considerables recursos a reparar e reforzar as paredes. As seccións Ming preto da capital Pequín son especialmente fortes e resistentes. A gran muralla da dinastía Ming iníciase no extremo leste, no paso de Shanhai (山海关 shān hǎi guān), Qinhuangdao, en Hebei, provincia próxima ao golfo de Bohai. Atravesa nove provincias, 100 condados, para terminar no extremo oeste no paso de Jiayu (嘉峪关 jiā yù guān), na provincia Gansu, ao noroeste. O paso de Jiayu era a porta para a ruta da seda. A pesar de que a muralla finaliza no paso Jiayu, a partir de alí seguen torres de vixilancia (烽火台 fēng huǒ tái) por toda a ruta da seda. Estas torres comunicábanse entre elas con sinais de fume para informar de posíbeis invasións.
Cara ao final da dinastía Ming, a Gran Muralla defendía o imperio en contra da invasión manchú que comezou ao redor do 1600. Baixo o mando militar de Yuan Chonghuan, o exército Ming bloqueou o avance manchú no fortemente fortificado paso Shanhaiguan, impedindo que entrasen no corazón chinés. Os manchús finalmente foron capaces de cruzar a Gran Muralla en 1644 (a lenda di que as tropas tardaron tres días en pasar), cando forón abertas as portas, en Shanhaiguan, tras convencer o xeneral Wu Sangui para que lles deixase atravesar o paso, este xeneral estaba en contra das actividades dos gobernantes da dinastía Shun, que sucedeu durante un breve período á dinastía Ming. Os manchús rapidamente ocuparon Pequín e derrotaron á recentemente fundada Dinastía Shun e o resto da resistencia, para establecer a dinastía Qing.
Cos Qing como gobernantes, Mongolia anexionouse ao imperio, de modo que a construción da Gran Muralla e as reparacións da mesma interrompéronse, debido a que deixaron de ter utilidade estratéxica.
Durante a súa construción os obreiros estaban a mercede de bandas de asaltantes e moitos morreron nesa construción, de maneira que a muralla é denominada ás veces como o cemiterio máis longo do mundo.
Primeiras noticias en occidente sobre a Muralla
[editar | editar a fonte]O viaxeiro e explorador do norte de África Ibn Battuta, que foi a Guangzhou ao rededor de 1346, informouse entre os musulmáns locais sobre a muralla que, segundo o Corán, a construíra Dhul-Qarnayn para conter a Gog e Magog. Ibn Battuta explicaba que a muralla estaba a "sesenta días de viaxe" da cidade de Zeitun (Quanzhou);;[7] se ben Alexander Hamilton Rosskeen Gibb sinalou que Ibn Battuta confundiu a Gran Muralla Chinesa coa construída por Dhul-Qarnayn.[8] Pero en todo caso, ningún dos interlocutores de Ibn Battuta en Guangzhou a vira nin coñecían a ninguén que a tivese visto, o que implica que posteriormente a Yuan a existencia da Gran Muralla non estaba na memoria da xente, polo menos nos das comunidades musulmás de Guangzhou.[8]
Pouco despois de que os europeos arribaran na China dos Ming no século XVI, os contos sobre a Gran Muralla empezaron a circular por Europa, aínda que ningún europeo foi a mirala cos seus propios ollos ata un século máis tarde. A primeira descrición da muralla, e a súa importancia para a defensa do país contra os "tártaros" (é dicir, os mongois), foi a contida na Terceira Década de João de Barros, dentro "Da Àsia" (publicado en 1563).[9] Curiosamente, o mesmo Barros non viaxou a Asia, pero foi quen de utilizar os libros chineses levados a Lisboa polos comerciantes portugueses.[10] un dos primeiros rexistros dun viaxeiro occidental que visitou China a través dun paso da gran Muralla (Jiayuguan, neste caso) pode ser o do irmán xesuíta portugués Bento de Góis, que chegara o noroeste de China, desde a fronteira da India en 1605.[11]
Arquitectura
[editar | editar a fonte]Materiais
[editar | editar a fonte]Os materiais usados foron aqueles dispoñíbeis nos arredores da construción. Cerca de Pequín utilizouse pedra calcaria. Noutros sitios utilizouse granito ou ladrillo cocido. Basicamente, era unha longa tapia de arxila e area, cuberta con varias paredes de ladrillo. Iso fíxoa moi resistente aos impactos de armas de asedio.
Con respecto á parte da muralla construída durante a dinastía Qin, a materia prima dependeu da dispoñibilidade de terra, mentres que o deseño e a situación das torres de vixilancia, cuarteis e as pasaxes foron seleccionados en base ás vantaxes estratéxicas que ofrecía a configuración física das rexións. As paredes construíronse en capas alternas de grava triturada e canas, que foron cubertas con arxila para ser protexidas da erosión e facelas máis difícil de escalar.
Portas
[editar | editar a fonte]As portas máis importantes (關口 simplificado: 关口) son:
- Paso Shanhai (山海關), paso do leste, tamén coñecido como Shanhaiguan, as palabras " primeiro paso baixo o Ceo " están gravados por encima dunha das portas, polo que o sitio é tamén coñecido por ese nome.[12][13][14]
- Paso Jiayu (居庸關), paso do oeste, tamén coñecido como Jiāyù Guan, literalmente "Excelente Paso do Val" é o primeiro paso no extremo oeste da Gran Muralla
- Paso Juyong (娘子關), paso do norte, tamén coñecido como Juyongguan, localízase nun val de 18 quilómetros de longo chamado "Guangou"
Seccións relevantes
[editar | editar a fonte]- Unha das seccións máis rechamantes da Gran Muralla Ming é onde remonta ladeiras moi empinadas. Percorre 11 quilómetros de longo, de 5 a 8 metros de altura e 6 metros na parte inferior, ata 5 metros na parte superior. Ten 67 torres de vixilancia e está a 980 metros sobre o nivel do mar.
- 25 km ao oeste de Tian Ling Liao a muralla é dunha altura moi baixa. Os arqueólogos explican que o muro parece ser de prata, porque a pedra que utilizaban eran de Shanxi, onde se atopan moitas minas deste material. A pedra contén un alto grado de metal nela provocando que apareza a prata. Con todo, debido aos anos de decadencia da Gran Muralla, é difícil ver a parte de aspecto prateado da muralla hoxe en día.
Torres de vixilancia e barracas
[editar | editar a fonte]A muralla interrompese nalgúns puntos para dar lugar a puntos de defensa, aos cales os soldados podían retroceder de ser necesario. Cada torre ten escaleiras únicas e de acceso difícil co obxectivo de confundir o inimigo.
Construíronse fortes ao longo da muralla, ou directamente integrados nas paredes, cun sistema de sinais de fume para impedir un ataque xiongnu. Para lograr a pronta chegada de reforzos, o exército facía uso da luz, principalmente para a cabalaría, e dos sinais de fume. A Gran Muralla tamén pasa a través das principais rutas comerciais, o que permite o control das importacións. Cada torre ten escaleiras únicas e de acceso difícil de maneira que confunda ao inimigo. As barracas e os centros administrativos foron situados a maiores distancias. Ao longo da muralla existen ameas na liña superior da gran maioría da muralla, con ocos defensivos dun pouco máis de 30 cm de altura, e ao redor de 23 cm de anchura.
Defensa da muralla
[editar | editar a fonte]Ademais das armas usuais da época, desenvolvéronse armas especializadas para a defensa da muralla, as cales foron reproducidas e aínda podemos ver na muralla.
Conservación
[editar | editar a fonte]As partes da muralla máis visitadas polos turistas mantivéronse en bo estado ou foron reparadas, mais en moitas partes a muralla foi descoidada, servindo como zona de xogo para os habitantes ou como fonte de pedras para a reconstrución de casas e rúas.[15] Algunhas seccións da muralla tamén están cubertas de graffiti. Outras partes destruíronse voluntariamente para permitir o paso a novas vías de comunicación. Non hai un inventario exhaustivo da muralla, polo que non é posible dicir canto dela sobrevive, especialmente nas zonas remotas.
Máis de 60 quilómetros da muralla na provincia de Gansu poden desaparecer nos próximos 20 anos, debido á erosión polas tormentas de area. Neses lugares, a altura da parede reduciuse en máis de cinco metros a menos de dous metros. As torres vixías que caracterizan ás máis famosas imaxes da muralla desapareceron completamente. Moitas seccións occidentais da muralla construíronse a partir de barro, no canto de ladrillo e pedra, e polo tanto son máis susceptibles á erosión.[16]
A Asociación Gran Muralla Chinesa ten por obxectivo a preservación da muralla. Hoxe en día, (xuño de 2003), o goberno Chinés non ditou leis de protección para preservar a muralla. Porén, en Pequín lexislouse a favor da muralla prohibindo a visita de partes non preservadas da gran muralla ou partes non abertas ao público; e esta lei estase cumprindo desde agosto de 2003.
Recoñecemento (desde o espazo)
[editar | editar a fonte]A muralla foi nomeada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1987.
En 1938 Richard Halliburton, no seu Segundo libro de marabillas, predixo que a gran muralla sería a única obra dos seres humanos visíbel desde a Lúa. Esta afirmación persistiu como lenda urbana até a actualidade, e ata se incluíu en libros escolares. Arthur Waldron, autor da historia máis fiable da Gran Muralla, especulou con que a crenza pode provir da fascinación polas «canles» que se cría que existían en Marte. A lóxica era simple: se os terrícolas podían ver as canles de Marte, entón os marcianos poderían ver a Gran Muralla. Interpretada como a muralla percíbese desde a lúa sen necesidade de aparatos de visión, a afirmación é falsa, pois ao orbitar ao redor da terra, a unha milésima parte da distancia da lúa, pódese percibir a muralla se as condicións son favorábeis. Diferentes astronautas observaron máis ou menos ben a muralla; por exemplo, Eugene Cernan afirmou:
- En órbita ao redor da terra, a unha altura entre 160-320 km da superficie, a Gran Muralla percíbese directamente ao ollo humano.
En maio de 2004, a NASA anunciou que a fotografía da Muralla Chinesa desde o espazo non era en realidade a construción, senón un tramo dun río entre as montañas, e recoñeceu publicamente que a Gran Muralla Chinesa non é visíbel sen axuda desde o espazo.
En xeral, pódese afirmar que desde o espazo a Gran Muralla é menos visíbel que outras construcións feitas polo ser humano.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Bloomberg, ed. (5 de xuño 2012). "China’s Great Wall Found To Measure More Than 20,000 Kilometers" (en inglés). Consultado o 2/08/2014.
- ↑ "Muralla china mide dos mil km más de lo que se pensaba - El Universal - El Mundo". Arquivado dende o orixinal o 23 de febreiro de 2014. Consultado o 02 de agosto de 2014.
- ↑ "La Gran Muralla China". Arquivado dende o orixinal o 16 de maio de 2012. Consultado o 02 de agosto de 2014.
- ↑ Ficha da Gran Muralla Chinesa na web da UNESCO. (en inglés)
- ↑ Enciclopedia Quid
- ↑ Las Nuevas 7 Maravillas del Mundo moderno. Culturagenial.com.
- ↑ H. A. R. Gibb and C. F. Beckingham, trans. The Travels of Ibn Baṭṭūṭa, A.D. 1325–1354 (Vol. IV). London: Hakluyt Society, 1994 (ISBN 0-904180-37-9), pg. 896
- ↑ 8,0 8,1 Haw, Stephen G. (2006). Psychology Press, ed. Marco Polo's China: a Venetian in the realm of Khubilai Khan. Volume 3 of Routledge studies in the early history of Asia. pp. 52–54. ISBN 0415348501.
- ↑ João de Barros, Da Ásia de João de Barros. Dos feitos que os portugueses fizeram no descobrimento dos mares e terras do Oriente., 3-a Década. libro 2, capítulo VII. Lisboa, 1563. Este capítulo està reproducido nas pp. 186—204 do quinto volume de l'1777 edició da 'Asia.
- ↑ Donald F. Lach (1965). The University of Chicago Press, ed. Asia in the making of Europe. I, Book Two. p. 739.
- ↑ Sir Henry Yule (1866). The Hakluyt society, ed. Cathay and the way thither: being a collection of medieval notices of China. edición 36-37 dos traballos editados por the Hakluyt Society. p. 579. (Esta sección é o informe das viaxes de Góis, segundo describiu Matteo Ricci en De Christiana expeditione apud Sinas (publicado en 1615), anotado por Henry Yule)
- ↑ Culture of Shanhaiguan Great Wall
- ↑ travelchinaguide.com (ed.). "Shanhaiguan Pass of Great Wall" (en inglés). Consultado o 15 de agosto do 2015.
- ↑ "Shanhaiguan Pass". Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2012. Consultado o 25 de xaneiro de 2015.
- ↑ Ford, Peter (2006, Nov 30). Nova lei para manter a Gran Muralla China.(en inglés)
- ↑ Reuters, ed. (29 de agosto de 2007). "A Gran Muralla China cada vez menos Grande". Consultado o 30-08-2007.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Grande Muralla Chinesa |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Arnold, H.J.P, "The Great Wall: Is It or Isn't It?" Astronomy Now, 1995.(en inglés)
- Daniel Schwartz i Luo Zhewen, The Great Wall of China, Thames and Hudson, Londres, 1990.(en inglés) ISBN 978-0-500-54243-9
- Hessler, Peter. "Walking the Wall". The New Yorker, maio 21, 2007, páxinas 56–65.
- Lovell, Julia. The Great Wall: China against the World. 1000 BC - 2000 AD. Londres: Atlantic Books; Sydney, Australia: Picador, 2006. ISBN 978-0-330-42241-3; ISBN 0-330-42241-3.
- Man, John. (2008). Bantam Press, ed. The Great Wall. Londres. 335 páxinas. ISBN 9780593055748.
- Michaud, Roland (photographer); Sabrina Michaud (photographer), & Michel Jan, The Great Wall of China. Abbeville Press, 2001. ISBN 0-7892-0736-2
- Waldron, Arthur, The Great Wall of China: From History to Myth. Cambridge: Cambridge University Press, 1990.
- Yamashita, Michael; Lindesay, William (2007). Sterling, ed. The Great Wall — From Beginning to End. Nova York. 160 páxinas. ISBN 978-1-4027-3160-0.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Imaxe satelital da Gran Muralla ChinesaArquivado 11 de agosto de 2004 en Wayback Machine., no Observatorio da terra da NASA
- A Gran Muralla Chinesa
- Imaxes da Gran Muralla
- CBC.ca A Grande Muralla é invisíbel desde o espazo (noticia proveniente dun astronauta chinés)
- Desmitificando lendas urbanas A Gran Muralla non se ve desde o espazo
- A Gran Muralla Chinesa desde Google Maps Imaxe clara da Gran Muralla
- Fotos das ruínas de Simatai da Gran Muralla[Ligazón morta] Fotos das ruínas de Simatai da grande muralla