Encoro de Suarna
Tipo | encoro proxecto ![]() | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Negueira de Muñiz, España ![]() | |||
| ||||
Afluentes | ||||
Efluente do lago | río Navia ![]() | |||
O encoro de Suarna é un encoro en proxecto para construír no leito do río Navia, entre a provincia galega de Lugo e o Principado de Asturias. De se realizar constituiría o cuarto encoro do Navia, logo dos de Arbón, Doiras e Salime. O encoro tería que se localizar no concello de Negueira de Muñiz, na cola do encoro de Salime, e as súas augas, estenderíanse tamén polos concellos lugueses da Fonsagrada e Navia de Suarna e mais polo asturiano de Ibias. O seu aproveitamento, fundamentalmente hidroeléctrico, precisaría unha central hidroeléctrica nas súas proximidades, en concreto na beira esquerda do Navia.
Historia do proxecto
[editar | editar a fonte]A idea de crear un grande encoro nos Ancares xurdiu no medio da febre pola realización de obras hidráulicas que se deu nas primeiras décadas do franquismo. En 1951 presentouse o proxecto denominado Gran Suarna, que pretendía construír un macroencoro de 150 metros de altura que asolagaría catro núcleos de poboación, entre eles a vila de Navia de Suarna e aínda que as obras chegaron a principiar, paralizáronse ao pouco sen dar razón ningunha. Aínda son visibles algunhas das infraestruturas que se levantaron na época:
- En San Antolín de Ibias, na explanada do Salto e no grupo de vivendas Santo Domingo, que nunca se habitaron, bardante un curto período a principios da década de 1980.
- En Riodeporcos, é visible a zona onde se ancoraría o extremo do encoro, na aba dunha montaña; o túnel por onde se desviarían as augas do río Navia durante a construción da presa; o cable para transportar materiais dun extremo ao outro do val ou o predio onde se ían construír edificios para as oficinas dos técnicos.
En 1963 presentouse un novo proxecto, que reduciu considerablemente as pretensións do anterior. O encoro tería unha lonxitude de 97 metros e unha capacidade de 193 hm³, e non ía afectar a núcleo de poboación ningún. Aínda así, a elevada riqueza natural da zona provocou unha gran resposta popular e o proxecto paralizouse de novo, malia concederse xa a concesión administrativa á empresa Saltos del Navia CB, que tamén explotaba a central hidroeléctrica de Salime e que estaba participada ao 50% por Hidroeléctrica del Cantábrico e Endesa.
A concesión de 1963 permitía utilizar un caudal máximo do Navia de 97.50 m³/s, entre as cotas 335 e 224,5, nos concellos de Ibias, A Fonsagrada e Navia de Suarna.
Novas propostas
[editar | editar a fonte]En 1993 as concesionarias eléctricas propuxeron novamente á administración a construción da infraestrutura. Non obstante, o Tribunal Supremo declarou nula unha resolución do ministerio de Medio Ambiente pola que aprobaba a modificación das características da concesión [1].
En 2010, o proxecto volveu tomar forma e as concesionarias tentaron superar os trámites ambientais, o que contou coa oposición unánime do pleno do concello de Navia de Suarna[2]. O 31 de marzo, publicouse no Boletín Oficial da Provincia de Lugo a apertura do prazo para a presentación de alegacións</ref>[1][3]. Dous anos despois, o 5 de xullo de 2012, anunciouse no BOE que o encoro non se ía poder construír co deseño presentado por recibir unha declaración ambiental negativa por parte do ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente[4]. A resolución indicaba que se verían afectadas especies como a lontra, a troita, a anguía, o morcego e o oso pardo europeo, así como os lugares de importancia comunitaria do Alto Navia, dos Ancares-Courel e as reservas da biosfera Eo, Ozcos e Terras de Burón e Os Ancares.[5][6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "La Xunta desbloquea la construcción, en Lugo, del cuarto embalse del río Navia". La Nueva España. 8 de abril de 2010.
- ↑ "O pleno de Navia oponse por unanimidade ao encoro de Suarna". El Progeso. 17 de marzo de 2010.
- ↑ "El Estado avala un permiso de época de Franco para un pantano". El País. 9 de decembro de 2008.
- ↑ "O Encoro do Río Navia rexeitado". Amigos da Terra. 6 de xullo de 2012. Arquivado dende o orixinal o 21 de marzo de 2022. Consultado o 21 de marzo de 2022.
- ↑ Rodríguez, Pepe (7 de xullo de 2012). "Medio Ambiente rechaza el embalse del Suarna porque pone en peligro el hábitat del oso pardo". La Nueva España.
- ↑ Gómez, Isabel (6 de xullo de 2012). "Medio Ambiente rechaza el embalse de Suarna por su impacto ambiental". El Comercio.