Saltar ao contido

Tartaruga carei

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Eretmochelys»)
Tartaruga carei

Tataruga carei na illa de Utila, Honduras.
Estado de conservación
Crítico
Crítico[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Reptilia
Orde: Testudines
Familia: Cheloniidae
Xénero: Eretmochelys
Especie: E. imbricata
Nome binomial
'Eretmochelys imbricata'
(Linneo, 1766)
Área de distribución da especie e lugares de posta.[2] Vermello: Principais. Amarelo: Outros.
Área de distribución da especie e lugares de posta.[2]
Vermello: Principais. Amarelo: Outros.

Área de distribución da especie e lugares de posta.[2]
Vermello: Principais. Amarelo: Outros.
Subespecies

Eretmochelys imbricata bissa (Rüppell, 1835)
Eretmochelys imbricata imbricata (Linneo, 1766)
Sinonimia
Chelone imbricata, Brongniart, 1805
Chelone imbricata, Strauch, 1862
Chelonia imbricata, Schweiger, 1812
Caretta imbricata, Merrem, 1820
Chelonia pseudo-midas, Lesson, 1834
Chelonia pseudo-caretta, Lesson, 1834
Caretta bissa, Rüppel, 1835
Eretmochelys imbricata, Fitzinger, 1843
Eretmochelys squamata, Agassiz, 1857
Caretta squamosa, Girard, 1858
Herpysmostes imbricata, Gistel, 1868
Onychochelys kraussi, Gray, 1873
Fonte: FAO.[3]

A tartaruga carei[4] ou tartaruga mariña carei[5] (Eretmochelys imbricata) é unha especie de tartaruga mariña da familia dos quelónidos, que se encontra en perigo crítico de extinción.[1] É a única especie do xénero Eretmochelys. Existen dúas subespecies, Eretmochelys imbricata imbricata que se pode encontrar no océano Atlántico e Eretmochelys imbricata bissa, localizada na rexión indo-pacífica.[6] É unha das especies de tartarugas mariñas que visita as costas galegas (ver Lista de réptiles de Galicia).

O seu aspecto é similar ao doutras tartarugas mariñas. Ten un corpo plano, unha coiraza ou cuncha protectora, e as súas extremidades en forma de aletas están adaptadas para nadar en mar aberto. Distínguese doadamente doutras tartarugas mariñas polo seu peteiro bicudo e curvado cunha prominente mandíbula superior (tomium) e polas beiras en forma de serra da súa coiraza. Aínda que a tartaruga pasa parte da súa vida en mar aberto, atópase máis frecuentemente en lagoas costeiras de pouco fondo e arrecifes de coral, onde encontra facilmente ass súas presas preferidas, as esponxas de mar. Algunhas das esponxas das que se alimenta son altamente tóxicas e letais para outros organismos polo seu alto contido de óxido de silicio, o que converte á tartaruga carei nun dos poucos animais que poden alimentarse de organismos silíceos. Tamén se alimentan doutros invertebrados, como ctenóforos e medusas.[7]

A causa das prácticas de pesca humanas, as poboacións desta especie en todo o mundo están en serio perigo, polo que foi clasificada pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza como especie en perigro crítico de extinción.[1] Varios países, como a China e o Xapón, cazáronas pola súa carne, considerada un manxar. A cuncha destas tartarugas e o material que as forma (tamén chamado carei, que tamén se obtén doutras tartarugas) foi empregado para a fabricación de obxectos decorativos. Segundo o Convenio sobre o Comercio Internacional de Especies de Fauna e Flora Salvaxe Ameazadas (CITES), a captura e o comercio destas tartarugas e os seus produtos derivados son ilegais en moitas nacións.[8]

Taxonomía e etimoloxía

[editar | editar a fonte]
Tartaruga carei (arriba á dereita) nunha lámina de Ernst Haeckel de 1904.

Describiuna inicialmente Carl von Linné como Testudo imbricata en 1766.[9] Foi trasladada ao xénero Eretmochelys polo zoólogo austríaco Leopold Fitzinger en 1843.[10] En 1857, a especie foi redescrita como Eretmochelys imbricata squamata, unha denominación actualmente inválida.[11]

Hai dúas subespecies aceptadas no taxón E. imbricata. Eretmochelys imbricata bissa (Rüppell, 1835) é a subespecie que comprende todas as poboacións que habitan o océano Pacífico.[12] A poboación do Atlántico considérase pertencente á outra subespecie, Eretmochelys imbricata imbricata (Linneo, 1766). O nome da subespecie imbricata mantívose porque o espécime que Linneo utilizou inicialmente para describir a especie era do Atlántico.[13]

Fitzinger elixiu o nome do xénero Eretmochelys a partir das palabras gregas eretmo e chelys, correspondentes a «remo» e «tartaruga», respectivamente, a causa das súas aletas dianteiras en forma de remo. O nome de especie, imbricata, provén do latín e significa imbricado, referíndose ás placas superpostas da coiraza desta tartaruga. O nome da subespecie do Pacífico, bissa, é o termo latino para «dúas veces». A subespecie foi inicialmente descrita como Caretta bissa porque daquela era a segunda especie do xénero, e de aí o de bissa.[14] O xénero Caretta é o máis emparentado coa tartaruga carei.

Historia evolutiva

[editar | editar a fonte]

E. imbricata ten varias características anatómicas e ecolóxicas únicas entre as tartarugas mariñas, como ser o único réptil fundamentalmente esponxívoro coñecido. Por isto, a súa posición evolutiva foi algo confusa. As análises moleculares apoian a probabilidade de que a familia Eretmochelydae evolucionase a partir de antepasados carnívoros. Como a tribo taxonómica Carettini está formada por especies carnívoras (como Caretta caretta), a tartaruga carei moi probablemente evolucionou a partir desta, en vez de a partir da tribo herbívora Chelonini, que inclúe a Chelonia mydas.[15]

Anatomía e morfoloxía

[editar | editar a fonte]
Eretmochelys imbricata. As beiras serradas e as placas superpostas da coiraza son claramente visibles nesta fotografía.

A carei ten a aparencia típica dunha tartaruga mariña. Igual que nos demais quelónidos, o seu corpo é plano e as súas extremidades en forma de aleta están adaptadas á natación. As tartarugas adultas teñen de media entre 60 e 90 cm de lonxitude de coiraza e entre 50 e 80 kg de peso, cun máximo rexistrado de 127 kg.[16][17] A súa coiraza ou cuncha ten un fondo de cor ámbar, cunha combinación irregular de bandas claras e escuras de cores predominantemente amarelas e marróns difundidas aos lados.[18]

Os exemplares novos son negros, menos nas beiras da coiraza, que son amarelas. Cando nacen teñen forma de corazón e van adquirindo forma oval cando medran.[19] A cor da beira aserrada formada polas placas da coiraza difumínase coa idade. Os machos distínguense por unha pigmentación máis clara, plastrón cóncavo, uñas máis longas e unha cola máis grosa.

A carei ten varias características que a distinguen doutras especies estreitamente relacionadas con ela. A súa cabeza alongada e afiada remata nunha boca parecida a un peteiro, que, no seu caso, é máis pronunciado e afiado que o doutras tartarugas mariñas. Os seus brazos teñen dúas uñas visibles en cada aleta.

Primeiro plano da súa distintiva boca en forma de peteiro.

Unha das súas características máis distintivas é o patrón de grosas placas que forman a súa coiraza. Aínda que a súa coiraza ten cinco placas centrais e catro pares a cada lado como varios membros da súa mesma familia, as placas posteriores da carei superpóñense de tal maneira que lle dan ao bordo posterior da súa coiraza unha aparencia aserrada, parecida ao gume dunha serra ou dun coitelo dentado. A coiraza da tartaruga pode chegar a medir 90 cm de ancho.[16]

As pegadas que deixa na area son asimétricas, xa que se arrastran por terra cun paso alterno. Esta forma de avance diferénciase do das tartarugas verdes (Chelonia mydas) e das tartarugas de coiro (Dermochelys coriacea), que se arrastran dun xeito bastante simétrico.[20][21]

Son grandes nadadoras. Poden alcanzar velocidades de ata 24 km/h e hai rexistros de tartarugas que percorreron nadando 4.828 km.[16] No Caribe rexistráronse inmersións de tartarugas carei a máis de 70 metros de profundidade durante un período de máis de 80 minutos.[22]

Distribución

[editar | editar a fonte]
Gráfico de lugares de aniñacion de E. imbricata. Os círculos vermellos representan os principais lugares de posta, os amarelos, os secundarios.[2]
(Clicar na imaxe para ampliar).

Ten unha ampla área de distribución. Vive principalmente en augas tropicais dos océanos Índico, Pacífico e Atlántico. De todas as especies de tartarugas de mar, E. imbricata é unha das máis asociadas con augas tropicais. Existen dúas subpoboacións principais, a do Atlántico e a do Índico-Pacífico.[3]

Subpoblación atlántica

[editar | editar a fonte]

No Atlántico, as súas poboacións principais no oeste están no golfo de México, e a área de distribución no leste é o litoral do continente africano.[17] O límite norte da área de distribución da especie pode estenderse ata o estreito de Long Island,[23] ao longo do norte dos Estados Unidos (tamén se observaron en Massachusetts[23] e Virxinia).[7] . Ao outro lado do Atlántico, víronse tartarugas carei tan ao norte como nas frías augas do canal da Mancha.[3] Tamén se ten visto nalgunhas ocasións nas costas galegas (ver Lista de réptiles de Galicia). A rexión máis ao sur na que se viron exemplares é o cabo de Boa Esperanza, en África.[3][24]

Viven no Caribe, costa brasileira (en concreto en Baía), e o sur de Florida. No Caribe víronse nas praias de Antiga e Barbuda.[16] Costa Rica ten lugares de aniñación de E. imbricata, concretamente nas proximidades do Parque Nacional de Tortuguero.[25] A illa de Cuba é unha zona de alimentación para as poboacións de tartarugas carei caribeñas.[26] En Porto Rico, as augas en torno á illa de Mona tamén lles serven de lugar de alimentación.[27] As costas sur e leste da República Dominicana contan tamén con lugares de desove e hábitats para xuvenís, estas poboacións encóntranse en zonas protexidas como a illa Saona no Parque Nacional del Este e o Parque Nacional Jaragua.[28]

Subpoblación indo-pacífica

[editar | editar a fonte]
Exemplar novo de E. imbricata na illa de Reunión.

A poboación da especie indo-pacífica esténdese ao longo de toda a rexión. No océano Índico, as carei poden verse a miúdo ao longo de toda a costa oriental do continente africano, incluídos os mares en torno a Madagascar e os grupos de illas veciñas. A variedade da especie do océano Índico eséndese ao longo da costa de Asia, incluído o golfo Pérsico e o mar Vermello, por todo o litoral do subcontinente indio e a través do arquipélago indonesio e da costa noroeste de Australia. A variedade pacífica de E. imbricata limítase ás rexións tropicais e subtropicais do océano. A poboación máis ao norte da rexión sitúase nas augas do extremo suroeste da península de Corea e o arquipélago xaponés. Esta variedade do océano Pacífico habita por toda a rexión do Sueste Asiático, toda a costa norte de Australia e, desde o sur de Australia ata o norte de Nova Zelandia. En Australia E. imbricata aniña na illa Milman, na Gran Barreira de Coral.[29] Ao outro lado do Pacífico, pódense ver desde o extremo norte da península de Baixa California, en México, e nas augas de Centroamérica, especialmente na Baía de Jiquilisco no Salvador. Esta zona alberga aproximadamente o 40% da poboación de todo o pacífico oriental, polo que a especie reside durante todo o ano na baía usando os canais do esteiro para alimentarse e aparearse. O resto esténdese por toda a zona de América do Sur ata o extremo norte de Chile.[3]

En Filipinas hai varios lugares onde aniña a especie. Atopáronse careis na illa de Borácay.[30] Un pequeno grupo de illas ao suroeste do arquipélago filipino denomínase Illas das Tartarugas porque son coñecidas como lugar de aniñación de dúas especies de tartarugas mariñas, incluída a carei (a outra é a tartaruga verde).[31] No océano Índico, o lugar máis ao leste onde se ten coñecemento sobre niños de tartarugas carei é na illa Cousine, nas Seychelles, onde a especie está protexida legalmente desde 1994. As lagoas interiores e illotes das Seychelles, como o atol Aldabra, son bos lugares de alimentación para exemplares inmaturos.[21][32]

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Os adultos encóntranse principalmente en arrecifes de coral tropicais. En xeral pasan o día descansando en covas e saíntes en e arredor destes arrecifes. Como é unha especie de marcado carácter migratorio, tamén se pode atopar nunha ampla vriedade de hábitats, desde o mar aberto ata lagoas costeiras e mangleirais en estuarios.[16][33] Non se sabe moito sobre as preferencias de hábitat durante os seus primeiros anos de vida pero considérase que, igual que outras tartarugas mariñas novas, son completamente peláxicas, polo que o mar aberto é o seu fogar ata que alcanzan a madurez.[34]

Alimentación

[editar | editar a fonte]
E. imbricata nun arrecife de coral en Venezuela.

Aínda que son omnívoras, o seu principal alimento son as esponxas, que constitúen entre o 70% e o 95% da dieta das poboacións da especie na zona do Caribe. Con todo, como ocorre con moitos esponxívoros, esta tartaruga aliméntase só dalgunhas especies seleccionadas, ignorando moitas outras. As poboacións do Caribe aliméntanse principalmente de esponxas da clase Demospongiae, e máis concretamente as pertencentes ás ordes Astrophorida, Spirophorida e Hadromerida.[35] Entre as especies de esponxas das que se ten coñecemento que forman parte da dieta destas tartarugas está Geodia gibberosa.[7] As carei tamén se alimentan de algas e cnidarios, como medusas e anemones de mar.[16] Tamén se alimentan dun perigoso hodrozoo, a fragata portuguesa (Physalia physalis). As carei pechan os seus desprotexidos ollos cando se alimentan deses cnidarios, para evitar o contacto cos seus cnidoblastos, que non poden penetrar nas súas cabezas blindadas.[7]

As carei demostraron ser moi flexibles e resistentes á inxestión das súas presas. Algunhas das esponxas que lle serven de alimento, como Aaptos aaptos, Chondrilla nucula, Tethya actinia, Spheciospongia vesparium e Suberites domuncula, son moi tóxicas (moitas veces mortais) para outros organismos. Ademais, E. imbricata escolle especies de esponxas que posúen unha cantidade significativa de espículas silíceas, como Ancorina, Geodia, Ecionemia e Placospongia.[35] Coa excepción dalgúns peixes moi especializados dos arrecifes de coral, como o peixe pallaso (Amphiprion spp.), non se coñece ningún outro vertebrado que sexa quen de tolerar unha dieta tan tóxica.[36]

Ciclo vital

[editar | editar a fonte]
Tartaruga carei na illa caribeña de Saba.

Descoñécense moitas cuestións do ciclo vital desta especie. Teñen uns intervalos de aniñación de entre dous u catro anos, aínda que este período pode variar de nove meses a dez anos,[37] segundo a zona; utilizan preferentemente lagoas illadas de illas remotas ao longo de toda a súa área de distribución. A época de apareamento da carei atlántica transcorre normalmente entre abril e novembro. Para as poboacións do océano Índico, como as das Seychelles, esta discorre entre setembro e febreiro.[21] De igual forma que ocorre con outras tartarugas mariñas, as carei aparéanse en lagoas pouco profundas preto das praias onde probablemente farán o niño. Tralo acoplamento, as femias arrastran os seus pesados corpos ata a praia durante a noite. Entón limpan unha zona e cavan un burato onde depositarán os seus ovos, usando as súas aletas posteriores. Despois a femia efectúa a posta no niño e cobre de inmediato os ovos con area. Os niños de E. imbricata do Caribe e de Florida conteñen xeralmente uns 140 ovos, aínda que poden chegar a 250;[38] porén, as postas rexistradas no golfo Pérsico son sensiblemente inferiores, cunha media duns 90 ovos.[39] Acabado o prolongado proceso da posta, que pode durar varias horas, a femia torna ao mar. A posta é o único momento en que as tartarugas carei abandonan o mar.[16][17]

As tartarugas acabadas de nacer, que xeralmente pesan menos de 24 gramos, abandonan o niño durante a noite despois de aproximadamente dous meses. Estes neonatos presentan cores escuras e a súa coiraza, en forma de corazón, mide aproximadamente 2,5 centímetros de lonxitude. De forma instintiva diríxense ao mar, atraídos polo reflexo do luar sobre a auga (un proceso que pode ser perturbado por fontes de luz artificiais). As crías que non alcancen a auga antes do amencer probablemente terminen sendo alimento de diversos predadores, como cangrexos, aves limícolas e outras aves.[16]

A carei hibrida facilmente con outras tartarugas mariñas, como as Caretta caretta. Certos híbridos encontrados no Brasil ou en Florida foron viables e fértiles porque existían polo menos desde había dúas xeracións.[40][41] Descubriuse tamén un híbrido con Chelonia mydas en Suriname.[42]

Carei que acaba de eclosionar abandonando o niño en Porto Rico.

Pouco se sabe dos primeiros anos de vida das crías: tras alcanzar o mar, crese que inician unha etapa de vida peláxica (como outras tartarugas mariñas), durante un período de tempo indeterminado. Aínda que se descoñece a súa taxa de crecemento, cando os exemplares novos alcanzan preto dos 35 cm, pasan dun estilo de vida peláxico a outro asociado aos arrecifes de coral. Alcanzan a madurez sexual entre os 20 e os 40 anos de idade.[43]

Estímase que poden vivir entre 30 e 50 anos,[44] aínda que, debido á falta de datos, non se sabe con certeza a idade que poden alcanzar en estado silvestre.[45] Como outras tartarugas mariñas, as carei son solitarias durante a maior parte da súa vida; só se agrupan durante a época de apareamento. Antes considerábase que eran sedentarias, pero actualmente sábese que son de marcado carácter migratorio.[46] Debido á dureza das súas coirazas, non teñen grandes predadores e existen poucas criaturas que teñan a capacidade de morder a través da súa cuncha protectora. Os tiburóns e os crocodilos mariños son algúns dos seus poucos depredadores naturais. Tamén se ten coñecemento de que algunhas especies de polbos e de peixes peláxicos se alimentan destas tartarugas.[44]

Relación cos humanos

[editar | editar a fonte]
Caixa de paxaro cantor autómata feita de carei, de 1890.

En todo o mundo cázanse as tartarugas carei, aínda que esta práctica sexa ilegal en moitos países.[8][47] Nalgunhas partes do mundo captúranse por seren consideradas un alimento exquisito. Desde o século V a. C. as tartarugas de mar, incluídas as carei, levan consumíndose na China.[48]

Moitas culturas tamén usan as coirazas destes animais con fins decorativos e son tan demandadas como o marfil, o ouro e algunhas xemas, alcanzando elevados prezos no mercado.[49] O material que forma as placas da súa coiraza ou cuncha denomínase carei. Este material utilízase para fabricar diversos complementos persoais, como monturas de lentes, aneis ou pulseiras e en multitude de obxectos decorativos. En 1994 Xapón deixou de importar coirazas de tartarugas carei doutras nacións. Con anterioridade, o comercio de cunchas de carei xaponés era de aproximadamente 30.000 kg ao ano.[50][51] En occidente as súas coirazas xa eran utilizadas polos antigos gregos e romanos para a xoiería, para facer peites, cepillos e aneis.[52] A maior parte do comercio mundial das súas coirazas prodúcese no Caribe. En 2006, comprobouse que se dispoñía dunha gran cantidade de coirazas nos países da rexión, como a República Dominicana e Colombia.[53]

A tartaruga carei figura nos billetes de 20 bolívares venezolanos e nos de 2 reais brasileiros.

Conservación

[editar | editar a fonte]
E. imbricata na illa caribeña de Saba.

Existe un consenso xeral sobre considerar a todas as tartarugas mariñas, incluída Eretmochelys imbricata, como mínimo como especies ameazadas, debido á súa lonxevidade, crecemento lento e madurez serodia, e pola súa lenta taxa de reprodución. Moitas tartarugas adultas morren pola acción dos seres humanos, tanto deliberadamente coma accidentalmente. Ademais, os lugares de aniñación das tartarugas tamén están ameazados pola invasión humana e animal. Algúns pequenos mamíferos asaltan os seus lugares de aniñación e desenterran os ovos.[16] Nas Illas Virxes Estadounidenses, os niños de E. imbricata (xunto cos doutras tartarugas mariñas, como como Dermochelys coriacea) son frecuentemente atacados por mangostas trala posta.[54]

En 1996 esta especie foi incluída na Lista Vermella da IUCN de especies ameazadas, clasificada como especie en perigo crítico de extinción.[1] O seu status como especie ameazada de extinción, foi cuestionada con anterioridade por dúas propostas que alegaban que esta tartaruga (xunto con outras tres especies) contaba con varias poboacións estables significativas en distintas partes do mundo. Esas peticións foron rexeitadas pola UICN baseándose na súa análise dos datos presentados polo Marine Turtle Specialist Group (MTSG) que mostraban que a poboación mundial de tortugas carei se reducira nun 80% nas tres últimas xeracións da especie e que non se producira ningún aumento significativo das poboacións desde 1996. Á vista destes datos, a UICN asignoulle a especie o status de en perigo crítico (CR A1). Porén, non se lle aplicou o grao A2, porque a UICN considerou que non había datos suficientes que demostrasen que a súa poboación fora a ter unha diminución de máis do 80% no futuro.[55]

Foi catalogada por primeira vez como especie ameazada pola UICN en 1982.[56] Mantivo esta consideración durante varias reavaliacións: en 1986,[57] 1988,[58] 1990,[59] e 1994,[60] ata a súa consideración como especie en perigo crítico de extinción en 1996.

A especie (xunto con toda a familia Cheloniidae) foi incluída no Apéndice I do Convenio sobre o Comercio Internacional de Especies de Fauna e Flora Salvaxe Ameazada (CITES).[8] Por este Convenio, é ilegal a importación ou exportación de produtos derivados destas tartarugas, e matar, capturar ou acosar as tartarugas carei.[47]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Mortimer, J.A & Donnelly, M. (2008). "Eretmochelys imbricata". Lista Vermella da IUCN de Especies en Perigo (en inglés). IUCN 2008. Consultado o June 12, 2011. 
  2. 2,0 2,1 "Species Fact Sheet : Hawksbill Sea Turtle" (en inglés). Caribbean Conservation Corporation. Arquivado dende o orixinal o 08 de agosto de 2009. Consultado o 18 de marzo de 2010. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Species Fact Sheet: Eretmochelys imbricata (Linneo, 1766)". FIGIS - Fisheries Global Information System (en inglés). United Nations. 2006. Consultado o 22 de maio de 2009. 
  4. González González, Manuel (ed.). "Tartaruga carei". Tergal. Consultado o 23/12/2024. 
  5. Conde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos" Arquivado 27 de agosto de 2016 en Wayback Machine. en Cadernos de Lingua, 13, páx. 84. Real Academia Galega.
  6. Sistema Integrado de Información Taxonómica. "Eretmochelys imbricata (TSN 173836)" (en inglés). 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 "Species Booklet: Hawksbill sea turtle". Virginia Fish and Wildlife Information Service (en inglés). Virginia Department of Game & Inland Fisheries. Arquivado dende o orixinal o 05 de febreiro de 2012. Consultado o 4 de xuño de 2009. 
  8. 8,0 8,1 8,2 "Apendices I, II y III en vigor a partir do 22 de maio de 2009" (PDF). Convention on International Trade in Endangered Species of Wild Flora and Fauna (CITES). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de maio de 2012. Consultado o 11 de xuño de 2009. 
  9. Sistema Integrado de Información Taxonómica. "Testudo imbricata (TSN 208664)" (en inglés). 
  10. Sistema Integrado de Información Taxonómica. "Eretmochelys (TSN 173835)" (en inglés). 
  11. Sistema Integrado de Información Taxonómica. "Eretmochelys imbricata squamata (TSN 208665)" (en inglés). 
  12. Sistema Integrado de Información Taxonómica. "Eretmochelys imbricata bissa (TSN 208666)" (en inglés). 
  13. Sistema Integrado de Información Taxonómica. "Eretmochelys imbricata imbricata (TSN 173836)" (en inglés). 
  14. Ellin Beltz. "Translations and Original Descriptions: Turtles". Scientific and Common Names of the Reptiles and Amphibians of North America - Explained (en inglés). ebeltz.net. Consultado o 25 de maio de 2009. 
  15. Brian Bowen; William S. Nelson y John C. Avise (1993). "A Molecular Phylogeny for Marine Turtles: Trait Mapping, Rate Assessment, and Conservation Relevance" (PDF). Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America (en inglés) (National Academy of Sciences) 90 (12): 5574–5577. doi:10.1073/pnas.90.12.5574. Consultado o 10 de xuño de 2009. [Ligazón morta]
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 16,5 16,6 16,7 16,8 "Eretmochelys imbricata, Hawksbill Sea Turtle" (en inglés). MarineBio.org. Consultado o 25 de maio de 2009. 
  17. 17,0 17,1 17,2 "Hawksbill Sea Turtle (Eretmochelys imbricata)". North Florida Field Office (en inglés). United States Fish and Wildlife Service. 16 de xaneiro de 2009. Consultado o 24 de maio de 2009. 
  18. "Hawksbill turtle - Eretmochelys imbricata: More information" (en inglés). Wildscreen. Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2009. Consultado o 25 de maio de 2009. 
  19. "The Hawksbill Turtle" (en inglés). turtles.org. Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2007. Consultado o 13 de xuño de 2009. 
  20. "The Hawksbill Turtle (Eretmochelys imbricata)" (en inglés). turtles.org. Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2007. Consultado o 22 de maio de 2009. 
  21. 21,0 21,1 21,2 "Hawksbill". SeychellesTurtles.org - Strategic Management of Turtles (en inglés). Marine Conservation Society, Seychelles. Arquivado dende o orixinal o 25 de abril de 2010. Consultado o 25 de maio de 2009. 
  22. van Dam RP, Diez CE (1996). "Diving behavior of immature hawksbills (Eretmochelys imbricata) in a Caribbean cliff-wall habitat". Marine Biology (en inglés) 127 (1): 171–178. doi:10.1016/S0022-0981(97)00080-4. 
  23. 23,0 23,1 Pope, C. H (1939). Turtles of the United States and Canada (en inglés). Nueva York: Alfred A. Knopf. 
  24. Angela Formia; Manjula Tiwari, Jacques Fretey y Alexis Billes (2003). "Sea Turtle Conservation along the Atlantic Coast of Africa". Marine Turtle Newsletter (en inglés) (IUCN Marine Turtle Specialist Group) 100: 33–37. Consultado o 24 de maio de 2009. 
  25. Karen Bjorndal; Alan B. Bolten y Cynthia J. Lagueux (1993). "Decline of the Nesting Population of Hawksbill Turtles at Tortuguero, Costa Rica". Conservation Biology (en inglés) (Blackwell Publishing) 7 (4): 925–927. doi:10.1046/j.1523-1739.1993.740925.x. Consultado o 24 de maio de 2009. 
  26. Selina S. Heppel; Larry B. Crowder (1996). "Analysis of a Fisheries Model for Harvest of Hawksbill Sea Turtles (Eretmochelys imbricata)". Conservation Biology (en inglés) (Blackwell Publishing) 10 (3): 874–880. doi:10.1046/j.1523-1739.1996.10030874.x. Consultado o 24 de maio de 2009. 
  27. B. W. Bowen; A. L. Bass, A. Garcia-Rodriguez, C. E. Diez, R. van Dam, A. Bolten, K. A., Bjorndal, M. M. Miyamoto y R. J. Ferl. "Origin of Hawksbill Turtles in a Caribbean Feeding Area as Indicated by Genetic Markers". Ecological Applications (The Ecological Society of America) 6 (2): 566–572. 
  28. Yolanda de León; Carlos E. Diez (1999). "Population Estructures of hawksbill turtle on a foraging ground in the Dominican Republic" (PDF). Chelonian Conservation Biology (en inglés) (Chelonian Reserach Foundation) 3 (2): 230–236. Consultado o 20 de decembro de 1998. 
  29. K. A. Loop; J. D. Miller y C. J. Limpus (1995). "Nesting by the hawsbill turtle (Eretmochelys imbricata) on Milman Island, Great Barrier Reef, Australia". Wildlife Research (en inglés) (CSIRO Publishing) 22 (2): 241–251. ISSN 1035-3712. doi:10.1071/WR9950241. Consultado o 5 de xuño de 2009. 
  30. Artem Colacion; Danee Querijero (10 de marzo de 2005). "Uriel’s journey home — a Young pawikan’s story in Boracay" (en inglés). The Philippine STAR. Arquivado dende o orixinal o 11 de xuño de 2019. Consultado o 5 de xuño de 2009. 
  31. "Ocean Ambassadors - Philippine Turtle Islands". Coastal Resource & Fisheries Management of the Philippines (en inglés). OneOcean.org. Consultado o 5 de xuño de 2009. 
  32. P. M. Hitchins; O. Bourquin y S. Hitchins (27 de abril de 2004). "Nesting success of hawksbill turtles (Eretmochelys imbricata) on Cousine Island, Seychelles". Journal of Zoology (en inglés) (Cambridge University Press, The Zoological Society of London) 264 (2): 383–389. doi:10.1017/S0952836904005904. Consultado o 5 de xuño de 2009. 
  33. P. L. Lutz; J. A. Musick (1997). The Biology of Sea Turtles (en inglés). Boca Ratón, Florida: CRC Press. ISBN 0849384222. 
  34. Jonathan D. R. Houghton; Martin J. Callow y Graeme C. Hays (2003). "Habitat utilization by juvenile hawksbill turtles (Eretmochelys imbricata, Linneo, 1766) around a shallow water coral reef" (PDF). Journal of Natural History (en inglés) 37: 1269–1280. doi:10.1080/00222930110104276. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de abril de 2019. Consultado o 5 de xuño de 2009. 
  35. 35,0 35,1 Meylan, Anne (22 de xaneiro de 1988). "Spongivory in Hawksbill Turtles: A Diet of Glass". Science (en inglés) (American Association for the Advancement of Science) 239 (4838): 393–395. doi:10.1126/science.239.4838.393. 
  36. Chacón, D (2004) p. 11
  37. "Aspectos biológicos de las poblaciones de la tortuga carey". CITES. Arquivado dende o orixinal o 16 de maio de 2009. Consultado o 12 de xuño de 2009. 
  38. Chacón, D (2004) p. 8
  39. Chacón, D (2004) p. 14
  40. M. A. Marcovaldi, C. F. Vieitas y M. H. Godfrey (1999). "Nesting and conservation management of hawksbill turtles (Eretmochelys imbricata) in northern Bahia, Brazil". Chelonian Conservation and Biology (en inglés) (Chelonian Research Foundation) 3 (2): 301–307. Arquivado dende o orixinal |url= incorrecto (Axuda) o 25 de xullo de 2013. Consultado o 12 de xuño de 2009. 
  41. A. L. Bass (1999). "Genetic analysis to elucidate the natural history and behavior of hawksbill turtles (Eretmochelys imbricata) in the Wider Caribbean: A review and re-analysis" (PDF). Chelonian Conservation and Biology (en inglés) (Chelonian Research Foundation) 3 (2): 195–199. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de setembro de 2007. Consultado o 12 de xuño de 2009. 
  42. S. A. Karl, B. W. Bowen y J. C. Avise (1995). "Hybridization among the ancient mariners: characterization of marine turtle hybrids and molecular genetic markers". Journal of Heredity (en inglés) 86 (4): 262–268. ISSN 1465-7333. Consultado o 12 de xuño de 2009. 
  43. Chacón, D (2004) p. 13
  44. 44,0 44,1 Michael Edelman (2004). "ADW: Eretmochelys imbricata: Information". Animal Diversity Web (en inglés). University of Michigan Museum of Zoology. Consultado o 9 de xuño de 2009. 
  45. "Atlantic Hawksbill Sea Turtle Fact Sheet" (en inglés). New York State Department of Environmental Conservation. Arquivado dende o orixinal o 27 de xaneiro de 2008. Consultado o 9 de xuño de 2009. 
  46. Chacón, D (2004) p. 21
  47. 47,0 47,1 UNEP-WCMC. "Eretmochelys imbricata". Species Database: CITES-Listed Species (en inglés). United Nations Environment Programme - World Conservation Monitoring Centre. Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2007. Consultado o 10 de xuño de 2009. 
  48. Edward Schafer (1962). "Eating Turtles in Ancient China". Journal of the American Oriental Society (en inglés) (American Oriental Society) 82 (1): 73–74. doi:10.2307/595986. 
  49. Chacón, D (2004) p. 31
  50. Selina Heppel; Larry B. Crowder (1996). "Analysis of a Fisheries Model for Harvest of Hawksbill Sea Turtles (Eretmochelys imbricata)". Conservation Biology (en inglés) (Blackwell Publishing) 10 (3): 874–880. doi:10.1046/j.1523-1739.1996.10030874.x. 
  51. Gark Strieker (10 de abril de 2001). "Tortoiseshell ban threatens Japanese tradition". CNN.com/sci-tech (en inglés) (Cable News Network LP, LLLP.). Consultado o 10 de xuño de 2009. 
  52. Lionel Casson (1982). "Periplus Maris Erythraei: Notes on the Text". The Journal of Hellenic Studies (en inglés) (The Society for the Promotion of Hellenic Studies) 102: 204–206. doi:10.2307/631139. 
  53. "Turtles of the Caribbean: the curse of illegal trade" (en inglés). Pick-upau (citando como fonte a WWF – World Wildlife Foundation International). 1 de outubro de 2006. Consultado o 10 de xuño de 2009. 
  54. David Nellis; Vonnie Small (1983). "Mongoose Predation on Sea Turtle Eggs and Nests". Biotropica (en inglés) (The Association for Tropical Biology and Conservation) 15 (2): 159–160. doi:10.2307/2387964. Consultado o 11 de xuño de 2009. (require rexistro (?)). 
  55. Red List Standards & Petitions Subcommittee (18 de outubro de 2001). "Ruling of the IUCN Red List Standards and Petitions Subcommittee on Petitions against the 1996 Listings of Four Marine Turtle Species, 18 October 2001" (PDF) (en inglés). International Union for Conservation of Nature and Natural Resources. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de decembro de 2006. Consultado o 12 de xuño de 2009. 
  56. Groombridge, B (1982). The IUCN Amphibia-Reptilia Red Data Book, Part 1: Testudines, Crocodylia, Rhynocehapalia (en inglés). Gland, Suíza: UICN. 
  57. IUCN Conservation Monitoring Centre (1986). 1986 IUCN Red List of Threatened Animals (en inglés). Gland, Suiza y Cambridge, Reino Unido: UICN. 
  58. IUCN Conservation Monitoring Centre (1988). 1988 IUCN Red List of Threatened Animals (en inglés). Gland, Suíza e Cambridge, Reino Unido: UICN. 
  59. 1990 IUCN Red List of Threatened Animals (en inglés). Gland, Suíza e Cambridge, Reino Unido: UICN. 
  60. Groombridge, B (1993). 1994 IUCN Red List of Threatened Animals (en inglés). Gland, Suíza: UICN. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]