Escala Douglas
A Escala Douglas é unha escala que clasifica os diferentes estados do mar en 10 graos tomando como referencia o tamaño das ondas. Foi creada polo vicealmirante inglés Henry Percy Douglas en 1917 en canto dirixía o Servizo Meteorolóxico da Armada Británica.
A escala ten dous códigos, un para estimar o estado do mar e o outro para describir a altura do mar. Esta escala adaptouse nos demais países recorrendo na maioría dos casos a nomes tradicionais que describían os diferentes estados do mar.
Descrición do estado do mar segundo o vento
[editar | editar a fonte]O "mar de vento" é o movemento das ondas xerado polo vento a soprar directamente sobre a área de mar observado ou na súa proximidade inmediata.
Grao | Descrición do estado do mar | Altura das ondas | (m) |
---|---|---|---|
0 | A superficie do mar está lisa coma un espello. | Sen ondas | |
1 | O mar comeza a rizarse por partes. | 0 a 0,10 | |
2 | Fórmanse ondas curtas pero ben marcadas; comezan a romper as cristas formando unha escuma que non é branca senón de aspecto vidroso (ovellas). | 0,10 a 0,5 | |
3 | Fórmanse ondas longas con cristas de escuma branca ben caracterizadas. O mar de vento é ben definido e distínguese facilmente do mar de fondo que puidera existir. Ao romper, as ondas producen un murmurio que se apaga axiña. | 0,5 a 1,25 | |
4 | Fórmanse ondas máis longas, con cristas de escuma por todos os sitios. O mar rompe cun murmurio constante. | 1,25 a 2,5 | |
5 | Comezan a formarse ondas altas; as zonas de escuma branca cobren gran superficie. O mar ao romper produce un ruído xordo como de arrolar cousas. | 2,5 a 4 | |
6 | O mar alborótase. A escuma branca que se forma ao romper as cristas comeza a dispoñerse en bandas na dirección do vento. | 4 a 6 | |
7 | Aumentan notablemente a altura e a lonxitude das ondas e das súas cristas. A escuma disponse en bandas estreitas na dirección do vento. | 6 a 9 | |
8 | Vense ondas altas con longas cristas que caen como cadoiros; as grandes superficies cubertas de escuma dispóñense rapidamente en bandas brancas na dirección do vento; o mar colle todo el un aspecto abrancazado. | 9 a 14 | |
9 | As ondas fanse tan altas que por veces as naves á vista desaparecen nos seus senos. O mar está cuberto de escuma branca disposta en bandas na dirección do vento e o ruído que se produce é forte e enxordecedor. O aire está tan cheo de salseiro, que a visibilidade dos obxectos afastados faise imposible. | Máis de 14 |
Estado do mar
[editar | editar a fonte]As ondas do "mar de fondo" xérannas os ventos cando sopran sobre unha área do mar lonxincua e viaxan rapidamente sobre a superficie cun período regular e cumios chans. Son chamadas tamén "lombos de mar".
Grao | Descrición | Outras descricións, coloquiais e formais[1][2] | |
---|---|---|---|
0 | mar chan; mar calmo[3] | calma finada, calma branca, calma podre, mar estañado, mar espellado, mar en calma | |
1 | mar rizado[4] | mar bo, mar liso, mar raso, mar manso | |
2 | mar ovellado[5] | de carneirada, mar teso, mar rixo, mar de vento, mar rizo | |
3 | marusía[6] | maraxiña, mar picado | |
4 | forte marusía[7] | mar roleiro, mar pescador, de pequena vaga | |
5 | media vaga[8] | mar gordo | |
6 | vaga[9] | mar duro, de vaga grosa, mareira | |
7 | vagallón, mar arborado[10] | mar bravo, tempestuoso | |
8 | vagallón campal[11] | mar moi bravo, moi tempestuoso | |
9 | mar enorme[12] | mar desfeito, mar confuso |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Núñez Singala, Manuel et al. (1988) "Vocabulario sobre o Medio Físico e o Asentamento Humano". Pontevedra: Xunta de Galicia.
- ↑ Brañas Pérez, P. (1991) Vocabulario das Ciencias Naturais Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Política Lingüística
- ↑ "mar chan". TERGAL. Consultado o 15/12/2019.
- ↑ "mar rizado". TERGAL. Consultado o 15/12/2019.
- ↑ "mar ovellado". TERGAL. Consultado o 15/12/2019.
- ↑ "marusía". TERGAL. Consultado o 15/12/2019.
- ↑ "forte marusía". TERGAL. Consultado o 15/12/2019.
- ↑ "media vaga". TERGAL. Consultado o 15/12/2019.
- ↑ "vaga". TERGAL. Consultado o 15/12/2019.
- ↑ "mar arborado". TERGAL. Consultado o 15/12/2019.
- ↑ "vagallón campal". TERGAL. Consultado o 15/12/2019.
- ↑ "mar enorme". TERGAL. Consultado o 15/12/2019.