Saltar ao contido

Escola de gaitas de Ortigueira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escola de gaitas de Ortigueira
OrixeOrtigueira, Galicia Galicia
Período1975 - Actualidade
Xénero(s)Música tradicional galega
Na rede
escoladegaitas.com
Discogs: 5797454 Editar o valor en Wikidata

A Escola de gaitas de Ortigueira é unha agrupación folclórica fundada no ano 1975. Foi a primeira banda de gaitas creada en Galiza e a impulsora do nacemento do Festival de Ortigueira.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Banda da escola de gaitas de Ortigueira na década de 1990

A escola de gaitas naceu o 17 de outubro de 1975 a iniciativa do músico Xabier Garrote Cobelo.[1] A súa idea era crear unha escola que fomentase o interese pola música tradicional galega. Coa escola naceu tamén a banda de gaitas da escola, a primeira agrupación musical galega destas características.[2]

O seu primeiro director da escola foi Xabier Garrote, continuando o seu traballo ou outros membros fundadores da agrupación: César Muíño Fidalgo e Javier Pena Bossa. Desde 2004 dirixe a banda Rodrigo López, ex-compoñente do grupo folk Bágoa da Raíña.

Entre o repertorio da banda de gaitas predominan as composicións tradicionais galegas compiladas en cancioneiros como o Cantigueiro popular de Marcial Valladares Núñez, o Cancioneiro musical de Galicia de Casto Sampedro Folgar ou o Cancioneiro popular galego, de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina. Tamén interpretan pezas de compositores galegos como Suso Vaamonde, Henrique Otero ou Xosé Presedo, e obras compostas especialmente para o grupo como Regueifas da Gaita de Xosé Lois Foxo, Ledicias da Vila Ortegán de Rogelio de Leonardo Bouza, Os garabullos de Ortigueira de Antón Corral ou a Ortigueira Suite de Ernesto Campos.

Festival internacional do mundo celta

[editar | editar a fonte]
A banda no festival de Ortigueira de 2017

No ano 1977 a banda de gaitas foi convidada a participar na sétima edición do Festival intercéltico de Lorient, daquela visita naceu a idea de organizaren un evento similar en Ortigueira con protagonismo da música celta e da música tradicional galega. O 30 de xullo de 1978 celebrouse a primeira edición do Festival de Ortigueira, daquela Festival internacional do mundo celta, xestionado e organizado integramente pola Escola de gaitas e que co pequeno orzamento de 6000 euros conseguiu atraer a 9000 persoas. A Escola organizou tamén nas seguintes edicións do festival até a súa suspensión temporal no ano 1987.[3]

Premios e recoñecementos

[editar | editar a fonte]
  • 1978 - 1º premio na primeira edición do Concurso de Gaitas Galegas. Pontevedra
  • 1980 - 1º premio no Concurso de Baile e Música de Galicia de Cambre
  • 1983 - Premi Plaça Major pola Escola Superior de Tecnics en Animacio Socio-Cultural i Turistica de Barcelona.
  • 2003 - Gaita de Prata, Mención Honorífica no premio Constantino Bellón.[4]

Actuacións

[editar | editar a fonte]
Actuación da banda no Festival de Ortigueira (2017)
  • Festival de Ortigueira, en todas as súas edicións dende 1978.
  • Festival Intercéltico de Lorient, en tres ocasións: 1977, 1983 e 2010.
  • Concerto con Milladoiro no Parque de Castrelos de Vigo en 1981.
  • Festival de Bandas de Gaitas Villa de Candás, Asturias, en 1997, 1998 e 2004.
  • Festival Internacional de Figueira da Foz, 1999.
  • Festival de musiques du monde de Confolens, 2003.
  • Festival Internacional de Gaitas de Gijón, 2004.
  • VIII Festival Intercéltico de Sendim, 2007.
  • Festival de Bandas de Gaitas Villa de Navia, 2014.
  • X Festival Folk As Portelas; Lubián, 2014.[5]
  • Desfile temático das Festas Patronais de Guadalaxara, 2014.
  • Festival Internacional de Folk de Guecho, 2015.
  • En marzo de 2015 participou no desfile do día de San Patricio en Nova York.[6]
  • Encontro de bandas de Praia de Mira, 2016.
  1. "Escola de Gaitas de Ortigueira". web.archive.org. 2020-06-05. Archived from the original on 05 de xuño de 2020. Consultado o 2021-06-30. 
  2. "Escola de Gaitas de Ortigueira". festivaldeortigueira.com. Consultado o 2021-06-30. 
  3. Bustabad, Lorena (2011-07-09). "La crisis sacude Ortigueira". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2021-06-30. 
  4. "Doce gaiteiros se disputan el premio ferrolano Constantino Bellón". La Voz de Galicia (en castelán). 2003-08-29. Consultado o 2021-06-30. 
  5. Saavedra, Araceli (2014-08-09). "Una década de folk en As Portelas". La Opinión de Zamora (en castelán). Consultado o 2021-06-30. 
  6. "Ortigueira desfila en la Quinta Avenida". La Voz de Galicia (en castelán). 2015-03-18. Consultado o 2021-06-30. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Enlaces externos

[editar | editar a fonte]