Escola dos Nomes
A Escola dos Nomes (chinés simplificado e tradicional: 名家; pinyin: Míngjiā; Wade-Giles: Ming2-chia1), tamén chamada Escola das Formas e dos Nomes (chinés simplificado e tradicional: 刑名家; pinyin: Xíngmíngjiā; Wade-Giles: Hsing2-ming2-chia1), foi unha corrente filosófica chinesa derivada do moísmo. Xurdiu durante o período dos Reinos Combatentes (479–221 a.C.).[1] Os seguidores desta escola foron tamén coñecidos como lóxicos ou polemistas (辩者, biànzhě), debido á súa interese pola linguaxe, os paradoxos e o debate.[2] Entre os seus membros máis prominentes destacan Hui Shi (c. 380-c. 305 a.C.) e Gongsun Long (c. 320-250 a.C.).[3]
Resumo
[editar | editar a fonte]A meirande parte dos textos da Escola dos Nomes perdeuse, agás o libro Gongsun Longzi (parcialmente preservado) e os paradoxos citados por Zhuangzi.[4] Para o sinólogo Joseph Needham, trátase dunha das perdas bibliográficas máis graves da historia antiga, xa que os restos conservados indican que a Escola dos Nomes constitúe un dos puntos álxidos da escrita filosófica chinesa.[1]
A filosofía dos lóxicos é a miúdo comparada coa dos sofistas, aínda que existen notables diferenzas entre estes pensadores chineses e os gregos.[2] Unha das poucas liñas conservadas, "se cada día rompemos un pau pola metade, unha infinidade de eras non nos chegarían para esgotalo", aseméllase aos paradoxos de Zenón de Elea. Outros aforismos parecen contraditorios ou confusos fóra de contexto. Por exemplo, "Os cans non son sabuxos".[5] Por esta razón, foron criticados polos moístas posteriores.[6]
Filósofos
[editar | editar a fonte]Entre os filósofos do período dos Reinos Combatentes asociados coa Escola dos Nomes destacan Deng Xi (545 a.C.-501 a.C.), Yin Wen e, sobre todo, Hui Shi e Gongsun Long.[2]
Deng Xi
[editar | editar a fonte]Contemporáneo de Confucio, Deng Xi (morto en 501 a.C.) está asociado coa práctica dos preitos.[7] Defendeu a aceptabilidade das proposicións contraditorias, participando en debates sobre a interpretación das leis, dos principios do Dereito e das definicións. Deng elaborou un código de leis penais e, segundo Liu Xiang, foi o creador do "principio da forma e dos nomes" (刑名, xíngmíng) de Shen Buhai. Segundo este principio, os ministros deben harmonizar as súas palabras cos seus actos.[8]
Hui Shi
[editar | editar a fonte]Sobre Hui Shi apenas queda información biográfica.[9] Porén, é posible reconstruír parcialmente a súa filosofía, xa que aparece mencionada en varios textos clásicos, como o Xunzi e o Zhuangzi.[4][10] A súa postura sobre a linguaxe e a semántica foi semellante á dos moístas.[11] Hui Shi é recoñecido polas súas dez teses, que intentan amosar que as distincións que facemos non son fixas, senón relativas a unha perspectiva e, xa que logo, cambiables. Así, moitas das teses son paradoxos ou aseveracións contrarias ao sentido común. Por exemplo, "O sur é ilimitado, pero ten un límite".[2]
Gongsun Long
[editar | editar a fonte]Gongsun Long foi vasalo dun dos señores do reino de Zhao. Obras como o Zhuangzi ou Os anais de Lü Buwei mencionan anécdotas sobre a súa vida. Atribúeselle o Gongsun Longzi, o texto máis longo conservado da Escola dos Nomes.[1] Gongsun Long é célebre polo seguinte paradoxo: "Un cabalo branco non é un cabalo". Esta frase aproveita a ambigüidade da lingua clásica chinesa para poñer en dúbida a tese confuciana da corrección dos nomes, que se fundamenta na idea de que a cada palabra lle corresponde un único obxecto.[2]
Traducións
[editar | editar a fonte]- Gongsun Long (2001). Libro del maestro Gongsun Long o La Escuela de los nombres. Tradución e notas de Yao Ning e Gabriel García-Noblejas. Estudo preliminar de Pedro San Ginés Aguilar. Trotta.
- Varios autores (2019). The Mingjia and Related Texts. Tradución e notas de Ian Johnston e Wang Ping. The Chinese University of Hong Kong Press.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Needham, Joseph (1956). Science and Civilisation in China (en inglés). Cambridge University Press.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Fraser, Chris (2020). Zalta, Edward N., ed. School of Names (Winter 2020 ed.). Metaphysics Research Lab, Stanford University.
- ↑ "Logician | Chinese Logic, Confucianism & Daoism | Britannica". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 2023-11-29.
- ↑ 4,0 4,1 Zhuangzi (1996). Zhuangzi (en castelán). Kairós.
- ↑ "School of Names > Miscellaneous Paradoxes (Stanford Encyclopedia of Philosophy)". plato.stanford.edu. Consultado o 2023-11-29.
- ↑ Van Norden, Bryan W. (2011). Introduction to Chinese Philosophy (en inglés). Hackett Publishing Company.
- ↑ He, Peng (2014). Chinese Lawmaking: From Non-communicative to Communicative (en inglés). Springer.
- ↑ Cua, Antonio S., ed. (2013). Encyclopedia of Chinese Philosophy (en inglés). Routledge.
- ↑ "School of Names > Life of Hui Shi (Stanford Encyclopedia of Philosophy)". plato.stanford.edu. Consultado o 2023-11-30.
- ↑ Xunzi (2014). Xunzi: The Complete Text (en inglés). Princeton University Press.
- ↑ Graham, A.C. (1989). Disputers of the Tao (en inglés). Open Court.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cua, A.S. (ed. 2013). Encyclopedia of Chinese Philosophy. Routledge.
- Graham, A.C. (1989). Disputers of the Tao. Open Court.
- He, P. (2014). Chinese Lawmaking: From Non-communicative to Communicative. Springer.
- Hansen, C. (2020). The School of Names. The Stanford Encyclopedia of Philosophy.
- Needham, J. (1956). Science and Civilisation in China. Cambridge University Press.
- Van Norden, B.W. (2011). Introduction to Classical Chinese Philosophy. Hackett Publishing Company.