Escribidor pequeno
Escribidor pequeno | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Exemplar na illa de Heligoland no mar do Norte | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
|
O escribidor pequeno[2] (Emberiza pusilla) é unha ave paseriforme que pertence á familia Emberizidae. É asiática e algunhas aves errantes poden chegar a Europa, incluída Galicia.[3]
Nome
[editar | editar a fonte]En galego ténselle dado a esta ave na literatura zoolóxica os nomes de escribenta pigmea[4] e escribenta anana,[3] pero o dicionario da Academia non acepta a palabra escribenta para os paxaros emberícidos, senón escribente (feminino)[5] ou escribidora[6]. No dicionario DiGalego só se acepta escribente (masculino).[7]
O nome do xénero Emberiza vén da palabra do alemán antigo Embritz, que era o nome que se lle daba alí a estas aves.[8] O nome específico pusilla en latín significa 'moi pequeno'.[8]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Foi descrita inicialmente por Peter Simon Pallas en 1776 e é unha especie monotípica,[9] sen variacións ao longo da súa extensa área de distribución eurasiática.[10]
Descrición
[editar | editar a fonte]É un pequeno emberícido, que mide só de 12 a 14 cm de lonxitude.[9] Ten un dorso marrón moi veteado e partes inferiores brancas cun fino veteado negro. Pola súa face castaña e banda malar branca, lembra unha pequena femia de escribente das canaveiras, pero diferénciano as bandas negras do píleo, o anel ocular branco e a beira fina negra da parte posterior das meixelas castañas. Os sexos son similares.
A chamada é un distintivo zik, e a canción é un vibrante siru-sir-sir-siru.
Ecoloxía
[editar | editar a fonte]Esta ave cría na taiga do extremo norte de Europa e norte de Asia. É unha ave migratoria, que inverna nos subtrópicos no norte da India, sur da China e parte norte do sueste asiático.[10] As aves permanecen nos seus cuarteis de inverno durante moito tempo; recolléronse exeplares en Yunnan a finais de marzo.[11] Aparece como ave errante rara no oeste de Europa,[10] e en Galicia está considerada como unha ave accidental rara.[3] Esta especie é adaptable; nas montañas de Bután por exemplo, onde inverna un pequeno número delas, atópase normalmente en hábitats agrícolas, maiormente entre os 1000 e 2000 m de altura.[12]
Reprodúcese en bosques de coníferas abertos, a miúdo con algúns bidueiros ou salgueiros. Poñen de catro a seis ovos nun niño feito nas árbores. A súa comida natural consiste en sementes ou, cando están alimentando as crías, insectos.
A especie é común e ten unha ampla área de distribución, polo que non é considerada especie ameazada na Lista Vermella da IUCN.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 BirdLife International (2012). "Emberiza pusilla". Consultado o 26 de novembro de 2013.
- ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
- ↑ Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para escribente.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para escribidora.
- ↑ Definición de Escribidor pequeno no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ 8,0 8,1 Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London, United Kingdom: Christopher Helm. p. 145. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ 9,0 9,1 Byers, Olsson & Curson (1995), p. 154.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 Byers, Olsson & Curson (1995), p. 156.
- ↑ Bangs, Outram (1932). "Birds of western China obtained by the Kelley-Roosevelts expedition". Field Mus. Nat. Hist. Zool. Ser. 18 (11): 343–379.
- ↑ Inskipp, Carol; Inskipp, Tim; Sherub (2000). "The ornithological importance of Thrumshingla National Park, Bhutan" (PDF). Forktail 16: 147–162. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de agosto de 2014. Consultado o 23 de febreiro de 2020.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliogaría
[editar | editar a fonte]- Byers, Clive; Olsson, Urban; Curson, Jon (1995). Buntings and Sparrows: A Guide to the Buntings and North American Sparrows. Mountfield, East Sussex, UK: Pica Press. ISBN 1-873403-19-4.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Escribidor pequeno |
- OBC Arquivado 09 de maio de 2021 en Wayback Machine. 29 fotografías (ver menú ao final da páxina)